Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Mércores, 4 de febreiro de 2015 Páx. 5020

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de xaneiro de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ribadavia, no campo da feira (expediente PTU-OU-13/074).

O Concello de Ribadavia eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal, de conformidade co previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Ribadavia, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ribadavia conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 28.10.1986, con tres modificacións puntuais: parque empresarial (AD 29.6.1998); e Irmáns de San Xoán de Deus (AD 29.4.1999 e AD 19.7.2006).

2. No DOG do 5.4.2013, publícase o Anuncio do 1.3.2013 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Decisión do 28.2.2013 de non someter a modificación puntual ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. Consta informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 13.3.2013, da consulta sobre o documento de inicio, solicitando xustificación da dispoñibilidade dos recursos hídricos e do destino das verteduras; e resposta dos servizos técnicos e xurídicos do concello, do 16.5.2013, ás cuestións sinaladas.

4. Constan informes favorables municipais: técnico do 23.5.2013 e xurídico do 27.5.2013.

5. En data 29.7.2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual, conforme o artigo 85.1. da LOUG.

6. O Pleno do Concello do 31.10.2013 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante dous (2) meses, mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 8.11.2013 e no Diario Oficial de Galicia de 27.11.2013.

7. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, solicitáronse e emitíronse os seguintes informes:

a) Informe do 23.11.2013 do administrador de Infraestruturas Ferroviarias.

b) Informe de 2.12.2013, do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo sobre telecomunicacións (artigo 26.2, da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións).

c) Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 2.6.2014.

d) Informe de 3.6.2014, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

8. O Concello Pleno do 26.6.2014 e 25.9.2014 aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito abrangue unha zona de solo urbano consolidado que contén o espazo libre campo da feira, unha bolsa de residencial mixta, o dotacional cuartel da Garda Civil e unha nova vía que se vai executar.

2. O obxecto da modificación puntual do plan xeral consiste en:

– Regularización do ámbito adaptándose á realidade existente.

– Creación dun novo centro de saúde nunha parcela de 4.343,83 m2 ao servizo de toda a comarca, reducindo a área de espazos libres do ámbito en 2.574,42 m2.

– Reclasificación de 2.162,72 m2 do solo urbano a solo rústico de especial protección agropecuaria e de infraestruturas, reducindo a intensidade de uso residencial en 4.753,84 m2, axustándose exclusivamente ás vivendas unifamiliares existentes.

III. Análise e consideracións.

1. A solución proposta cumpre co establecido nos artigos 94 e 95 da LOUG, xustificando o interese xeral na mellora substancial da ordenación urbanística, proporcionando unha oferta de calidade no equipamento público ao crear un novo centro de saúde co fin de evitar as inundacións pola enchente do río Avia no centro de saúde existente, diminuíndo os danos ambientais sobre bens e persoas e cumprindo co marcado nas directrices de ordenación do territorio.

2. A redución do espazo libre repercute no aumento do equipamento obxecto da modificación puntual e no aumento do solo rústico de especial protección agropecuaria e de infraestruturas así como na redución da edificabilidade residencial.

3. A afección pola nova ordenación dos terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres públicos, requiriu que, de conformidade co sinalado no artigo 94.4 da LOUG, se solicitase o informe favorable previo da Comisión Superior de Urbanismo do 18.12.2014.

4. No documento corrixíronse as deficiencias sinaladas no informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo previo á aprobación inicial e nos informes sectoriais.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ribadavia, no campo da feira.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas