Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Mércores, 4 de febreiro de 2015 Páx. 5017

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 26 de decembro de 2014 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana de Pontevedra, para establecer e regular o uso do crematorio.

O Concello de Pontevedra remite documentación da modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana para establecer e regular o uso do crematorio, en solicitude da aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Pontevedra, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Pontevedra dispón, na actualidade vixente, dun PXOU aprobado definitivamente o 18.12.1989 (DOG núm. 9, do 12.1.1990).

2. Consta Decisión do 15.7.2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual (DOG núm.153, do 12.8.2013).

3. Constan informes municipais: do director xeral da Área de Urbanismo e Servizos Xerais do 16.9.2013, 27.9.2014 e 22.10.2014; e do secretario municipal do 20.9.2013 e 17.10.2014.

4. Esta modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Pleno do Concello de Pontevedra en sesión do 28.10.2013. Someteuse a información pública polo prazo de dous (2) meses, con anuncios nos xornais Diario de Pontevedra do 21.11.2013 e Faro de Vigo do 27.11.2013; e no DOG núm. 227, do 27.11.2013. Déuselles audiencia aos concellos limítrofes.

5. Consta contestación ás alegacións presentadas no trámite de información pública.

6. O Concello de Pontevedra, en sesión plenaria do 17.11.2014, aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOU para establecer e regular o uso do crematorio.

II. Obxecto da modificación.

A finalidade desta modificación puntual é a de regular o uso e actividade de crematorio como servizo público, ampliando as actividades e usos previstos no PXOU.

O ámbito da MP é todo o termo municipal, xa que se regula o uso e actividade do crematorio para todas as clasificacións e cualificacións de solo.

Non se pretende unha ordenación distinta da prevista no PXOU, non implica reclasificación de solo, nin modificación de intensidade de uso, nin altera sistemas xerais previstos.

A modificación redúcese á incorporación dun punto 3 dentro do artigo 95.bis da normativa do PXOU vixente. Neste punto regúlase o uso crematorio e as determinacións da súa compatibilidade, segundo a clasificación e cualificación do solo en que se sitúe.

Respecto do interese público da actuación, exixida no artigo 94.1 da LOUG, xustifícase na necesidade de incorporar un uso necesario, en atención á proliferación de solicitudes para a construción de fornos crematorios e dada a ausencia de regulamentación no planeamento, proponse o establecemento e a regulación do uso e actividade do crematorio como un servizo público.

III. Análise e consideracións.

A modificación proxectada completa o catálogo de usos de servizos públicos do PXOU, co de crematorio, non existente no momento de aprobación do Plan xeral de ordenación urbana de 1989.

Ao abeiro das competencias autonómicas establecidas no artigo 85.9 da LOUG, verbo da aprobación definitiva do planeamento municipal, considérase suficiente a documentación da modificación puntual, a súa conformidade coa lexislación urbanística e a coherencia cos instrumentos de ordenación do territorio, así como a non incidencia do seu contido e alcance sobre materias de competencia autonómica.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e co artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación urbana do concello de Pontevedra, para o establecemento e regulación do uso de crematorio.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

Cuarto. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas