Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2015 Páx. 2696

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2015, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos/as ambientais, convocado pola Orde do 11 de outubro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 199, do 17 de outubro), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo.

Na sesión que tivo lugar o día 13 de xaneiro de 2015, o tribunal nomeado pola Orde do 30 de abril de 2014 (DOG núm. 92, do 15 de maio), modificada pola Orde do 13 de xuño de 2014 (DOG núm. 119, do 25 de xuño) encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, subgrupo C1, escala de axentes facultativos/as ambientais, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que o segundo exercicio do proceso selectivo terá lugar o día 23 de xaneiro de 2015 e que o lugar de realización será nas aulas 2, 11 e 17 da Escola Galega de Administración Pública de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 16.30 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, bolígrafo de tinta azul, lapis, goma de borrar e regra milimetrada. No caso de permitir o tribunal o uso de calculadoras, serán provistas por el, e quedaralles prohibido aos aspirantes o uso de calculadoras distintas ás que se faciliten.

Consonte a base II.1.1.2. da convocatoria, para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admítense as súas versións consolidadas e aquelas en que figuran notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Os textos legais non poderán estar subliñados. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes, resolucións ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O uso de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2015

Alfonso Barreiro Filgueira
Presidente do tribunal