Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 2015 Páx. 2058

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 15 de decembro de 2014 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e se promove a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente polo que se inicia o expediente de extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 27 de decembro de 2013 preséntase no Rexistro Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a solicitude de ratificación do acordo de extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, adoptado polo Padroado.

Segundo. A Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia foi constituída o 1 de outubro de 1996 en escritura pública outorgada ante o notario, con residencia en Santiago de Compostela, José Antonio Montero Pardo, co número de protocolo 1699 de 1996, e declarada de interese galego polo Consello da Xunta de Galicia en sesión do día 19 de decembro de 1996 (DOG núm. 253, do 30 de decembro) e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Os fins da fundación, segundo constan nos seus estatutos son, entre outros fins de interese xeral, o fomento do desenvolvemento tecnolóxico e a investigación, e ten a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia segundo a modificación estatutaria aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17 de marzo de 2010.

Terceiro. Con data do 14 de agosto de 2013 foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto 134/2013, do 1 de agosto, polo que a Consellería de Economía e Industria procedeu á reorganización de determinadas entidades instrumentais a ela adscritas con competencias en materia de innovación, en que autoriza a extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, asumindo a Axencia Galega de Innovación os seus medios persoais e materiais, agás o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG), que sería asumido pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

En virtude do disposto no decreto, o órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 26 de decembro de 2013, adoptou o acordo de extinción da fundación mediante acordo elevado a público o día 16 de xaneiro de 2014 perante o notario con residencia en Santiago de Compostela José Manuel Amigo Vázquez, co número 87 do seu protocolo.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo Padroado da fundación en virtude do disposto no Decreto 110/2013, de 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no seu regulamento.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto o acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, sendo aprobado por acordo do Padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. A documentación necesaria para o efecto foi debidamente cuberta.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interporse con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economia e Industria