Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial desta consellería en Ourense (avenida da Habana, 79-1º, 32004 Ourense) e no enderezo http://mediorural.xunta.es/forestal/poxas, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro), pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar no Edificio Administrativo; avenida da Habana, 79, baixo, 32004 Ourense.
Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente no Servizo de Montes de Ourense, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.
As ofertas poderanse presentar durante os vinte e seis (26) días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense ou en calquera das formas legalmente establecidas.
Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Ourense, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante telegrama ou fax ao número 988 38 65 66.
A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás 11.00 horas do décimo quinto (15) día hábil, que non cadre en sábado, contado a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.
Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa, e o sobre B, coa oferta económica.
O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que teñan lugar ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:
1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.
2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2 % do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 103 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante TRLCSP).
3. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 60 do TRLCSP, así como na nova redacción establecida pola Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación de conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración xeral do Estado, e pola Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e da Administración.
A dita declaración comprenderá expresamente a circunstancia de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda estatal e da Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, e estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
Esta declaración presentarase sen prexuízo de que a xustificación acreditativa dos ditos aspectos deba ser presentada, antes da adxudicación, polo empresario a prol do cal se efectuará a adxudicación.
Malia o anterior, poderán presentarse os certificados administrativos do cumprimento das citadas obrigas agás no caso do IAE, cuxa xustificación se efectuará mediante a presentación da alta, referida ao exercicio corrente, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non se ter dado de baixa na matrícula do citado imposto, segundo o artigo 15.1 do Regulamento de contratos das administracións públicas.
4. Acreditarase a solvencia financeira, económica e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.
No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica, así como unha declaración responsable na cal manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación.
Ademais desta documentación, deberá xuntarse a que proceda en cada caso segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares.
O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes de Ourense. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.
O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5 % do prezo de licitación, agás nos expedientes en que o aproveitamento se realice a resultas ou o motivo sexa «clara». Nestes últimos casos engadirase o 5 % de fianza complementaria, acadando unha garantía definitiva dun 10 %.
O adxudicatario constituirá a fianza definitiva dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.
Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:
1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.
2. O importe das taxas.
3. Os gastos proporcionais deste anuncio.
4. Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.
O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2014
María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar