Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2015 Páx. 1693

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (151/2013).

Ana María Navarro Gómez, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento de despedimento obxectivo individual 151/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Rubén Pedro Pereira Garrido contra Sportauto Santiago, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Auto.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

Antecedentes de feito:

Primeiro. No procedemento de referencia ditouse sentenza cuxo feito probado primeiro di:

Rubén Pedro Pereira Garrido prestou servizos por conta da mercantil demandada desde o 10.4.2008, coa categoría profesional de xefe de comercialización e con dereito a percibir un salario mensual bruto, incluído o rateo de pagas extras, de 1.725,40 euros (56,73 euros diarios). Ao traballador resúltalle de aplicación o Convenio colectivo do sector siderometalúrxico.

A parte dispositiva da demanda di:

Que estimo a demanda interposta por Rubén Pedro Pereira Garrido fronte á mercantil Sportauto Santiago, S.L. e ao Fogasa e, en consecuencia:

1. Declaro improcedente o despedimento efectuado pola mercantil con efectos do 31.12.2012.

2. Declaro extinguida a día de hoxe (4.2.2012) a relación laboral existente entre Rubén Pedro Pereira Garrido e a mercantil Sportauto Santiago, S.L.

3. Condeno a empresa Sportauto Santiago, S.L. a aboar á parte demandante a cantidade de 13.742,84 euros en concepto de indemnización.

4. Absolvo o Fogasa das pretensións deducidas fronte a el.

Segundo. O 10.12.2014, o Fogasa presenta un recurso de aclaración por entender que existe un erro de transcrición no feito probado da sentenza, que leva consigo, pola súa vez, un erro de cálculo na resolución da sentenza.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Dispón o artigo 214 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil (LAC), sobre invariabilidade das resolucións, que:

1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material de que adoezan.

2. As aclaracións a que se refire o número anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou por petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo. Neste caso, será resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Segundo. De igual forma, e en relación coa emenda e complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, o artigo 215 do mesmo corpo legal establece que:

1. As omisións ou defectos de que poidan adoecer sentenzas e autos e que sexa necesario remediar para levar plenamente para efecto as devanditas resolucións poderán ser emendados, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecido no artigo anterior.

2. Se se trata de sentenzas ou autos que omitisen manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contado desde a notificación da resolución, logo de traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala.

3. Se o tribunal advirte en sentenzas ou autos que ditase as omisións a que se refire o número anterior, poderá, no prazo de cinco días contado desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que acordase.

4. Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores números deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a sentenza ou auto a que se referise a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñecese ou negase a omisión de pronunciamento e acordase ou denegase remediala.

Terceiro. Efectivamente, tal e como sinala o Fogasa, existe un erro de transcrición no feito probado primeiro, por canto se consigna neste unha data de antigüidade anterior á sinalada na demanda. Polo tanto, débese corrixir este nos termos solicitados. Así mesmo, este erro na data de antigüidade que, conforme a demanda, se debe fixar no 14.2.2009, dato determinante para o cálculo da indemnización, leva consigo un erro de cálculo da suma indemnizatoria, que tamén debe ser corrixido.

Ademais, apréciase de oficio un segundo erro de transcrición na resolución da sentenza, ao declarar extinguida a relación laboral a día de hoxe, isto é, da data da sentenza (4.2.2014), fixando por erro, entre paréntese, o 4.2.2012.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e especial aplicación

Parte dispositiva:

Que rectifico os erros de transcrición e cálculo que se aprecian no feito probado primeiro e na resolución da sentenza, os cales deben quedar redactados do seguinte xeito:

Feito probado primeiro:

Rubén Pedro Pereira Garrido prestou servizos por conta da mercantil demandada desde o 10.4.2009, coa categoría profesional de xefe de comercialización e con dereito a percibir un salario mensual bruto, incluído o rateo de pagas extras, de 1.725,40 euros (56,73 euros diarios). Ao traballador resúltalle de aplicación o Convenio colectivo do sector siderometalúrxico.

Resolvo:

Que estimo a demanda interposta por Rubén Pedro Pereira Garrido fronte á mercantil Sportauto Santiago, S.L. e o Fogasa e, en consecuencia:

1. Declaro improcedente o despedimento efectuado pola mercantil con efectos do 31.12.2012.

2. Declaro extinguida a día de hoxe (4.2.2014) a relación laboral existente entre Rubén Pedro Pereira Garrido e a mercantil Sportauto Santiago, S.L.

3. Condeno a empresa Sportauto Santiago, S.L. a aboar á parte demandante a cantidade de 11.189,99 euros en concepto de indemnización.

4. Absolvo o Fogasa das pretensións deducidas contra el.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe recurso ningún, ben que se poderá interpor contra a resolución que se rectifica, no modo e forma nesta establecidos, desde a notificación ás partes deste auto.

Así o acordo, mando e asino, Mª del Carmen Barcala Barreiro, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela».

E para que sirva de notificación en legal forma a Sportauto Santiago, S.L., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e a súa publicación no taboleiro do xulgado.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2014

A secretaria xudicial