Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 30 de decembro de 2014 Páx. 53694

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de decembro de 2014 pola que se complementa o establecido na Orde do 27 de febreiro de 2014, relativa á cantidade que cómpre transferir ao Consello da Avogacía Galega para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas do ano 2012 (sobre o importe certificado o ano 2011), e pola que se establece a porcentaxe para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas do ano 2013 (sobre o importe certificado o ano 2012).

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo, letra B) núm. 1 c), as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e a asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da Comunidade Autónoma. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender os gastos derivados do funcionamento e da infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, que corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 27 de febreiro de 2014, na cal se fixaba que a cantidade para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta era o 4 % do importe total devindicado durante o ano 2012, calculado sobre o importe do certificado o ano 2011, polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas. As limitacións orzamentarias dese momento non permitiron que se fixase a porcentaxe no 8 %, tal e como se fixo na orde equivalente relativa ao devindicado polos colexios de procuradores de Galicia, que son os outros profesionais que atenden o sistema de asistencia xurídica gratuíta.

Tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias actuais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, preténdese complementar a porcentaxe fixada na mencionada Orde do 27 de febreiro de 2014, de xeito que o importe total acade o 8 % do devindicado durante o ano 2012, calculado sobre o total certificado o ano 2011, polos colexios de avogados de Galicia, igualando así a porcentaxe fixada para os colexios de avogados e mais para os colexios de procuradores, así como establecer a porcentaxe do 5,28 % sobre o importe certificado en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas polos colexios de avogados durante o ano 2013, calculado sobre o total certificado o ano 2012.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1

A cantidade adicional destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 4 % do importe total devindicado durante o ano 2012 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de trescentos setenta e dous mil seiscentos sesenta e sete euros e cincuenta e sete céntimos (372.667,57 €).

Artigo 2

A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase no 5,28 % do importe total devengado durante o ano 2013 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de catrocentos cincuenta mil cento cincuenta e tres euros e vinte e sete céntimos (450.153,27 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza