Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 30 de decembro de 2014 Páx. 53692

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de decembro de 2014 pola que se establece a porcentaxe que cómpre transferir ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de representación gratuíta do ano 2013, sobre o importe certificado o ano 2012.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta e establece no seu artigo 38 que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de procuradores para a implantación e o funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. Mediante o Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndo no seu anexo, letra B) núm. 1 c), as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á representación por procurador en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia. Estas funcións foron asumidas polo Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de procuradores para atender os gastos derivados do funcionamento e da infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, que corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

A cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun oito por cento do importe total devindicado durante o ano 2013, calculado sobre o importe certificado o ano 2012 polos colexios de procuradores dos tribunais da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de representación gratuíta, o que supón un total de cincuenta e catro mil seiscentos oitenta e un euros e corenta e tres céntimos (54.681,43 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza