Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Xoves, 11 de decembro de 2014 Páx. 50870

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO 884/2013).

Procedemento ordinario 884/2013

Sentenza

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2014.

Susana Villarino Moure, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, despois de ver os presentes autos 884/2013, promovidos ante este xulgado do social sobre reclamación de cantidade por instancia de Yolanda Ulloa Cruz, asistida polo letrado Pedro Blanco Lobeiras contra Limpiezas El Polígono e o Fogasa, que non comparecen, ditou a presente sentenza.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A demandante presentou o día 25 de setembro de 2013 ante o Decanato desta cidade unha demanda fronte á demandada identificada no encabezamento desta resolución en que interesa a súa condena a aboar 800,58 euros máis os xuros devindicados.

Segundo. Admitida a trámite a demanda fixouse como data para a realización do xuízo o 17 de novembro de 2014. No acto de xuízo a parte demandante ratificouse en demanda. Practicada a proba –documental e interrogatorio do demandado– a parte enunciou as súas conclusións, e quedaron os autos vistos para sentenza.

Feitos probados:

1º. Yolanda Ulloa Cruz prestou servizos para a entidade Limpiezas El Polígono, S.L. coa categoría de limpadora, cunha antigüidade recoñecida en nómina do 24 de outubro de 2007, e percibiu no mes de novembro de 2012 unha retribución desagregada do seguinte modo: 147,26 euros de salario base, 11,05 euros de complemento de asistencia, 12,27 euros da parte proporcional da paga extra de xullo, 12,27 euros da parte proporcional da paga extra de decembro, 12,27 euros da parte proporcional da paga de beneficios, 10,99 euros do complemento de transporte.

2º. A empresa demandada dedícase á actividade de limpeza de edificios e locais.

3º. A demandada debe ao traballador os seguintes importes: 79,29 euros do mes de agosto de 2012, 56,81 euros do mes de setembro de 2012, 88,79 euros do mes de outubro de 2012, 38,02 euros do mes de novembro de 2012, 38,02 euros do mes de decembro de 2012, 38,19 euros do mes de xaneiro de 2013, 207,76 euros da nómina de febreiro de 2013 e o mesmo importe da nómina de marzo de 2013 e 51,94 euros da parte proporcional das vacacións do ano 2013.

4º. Tivo lugar o preceptivo acto de conciliación ante o SMAC o 3 de setembro de 2013 en virtude de papeleta presentada o 21 de agosto de 2013, que finalizou como intentada sen efecto.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Os anteriores feitos probados resultan da proba documental ademais da facultade de ter por confesa a demandada que, citada, non compareceu, ex artigo 91.2 da LRXS. A iso debe engadirse que se lle requiriu á demandada a achega das nóminas correspondentes ao tempo traballado e, polo tanto, ao período reclamado, sen que a demandada atendese este requirimento, pois nin sequera compareceu ao acto da vista, razón pola que, en aplicación do artigo 94.2 da LRXS, procede ter por acreditados os feitos invocados pola parte contraria, isto é, que conforme as ditas nóminas se lle deben á traballadora os importes recollidos no relato de feitos probados.

Segundo. A pretensión da parte demandante ten o seu sustento nos artigos 4.2 e 29 ET, nos cales se recoñece o dereito dos traballadores á percepción puntual da remuneración pactada ou legalmente establecida.

A parte probou a relación laboral en virtude do informe de vida laboral e as nóminas, así como o dereito aos conceptos reclamados segundo a valoración da proba establecida no fundamento anterior.

Sen ter probado a demandada o pagamento dos importes interesados, conforme as regras do artigo 217 da LAC, considerando ademais acreditado a súa débeda en virtude da ficta confesio e a aplicación do artigo 94.2 da LRXS, procede condenar a empresa ao seu pagamento. Ascende a suma total a 800,58 euros segundo desagregación en demanda a que me remito en prol da brevidade.

Desta, os conceptos salariais, excluído pois o complemento de transporte, isto é, 778,44 euros devindican o xuro moratorio do artigo 29.3 do ET, ao ser a súa devindicación automática e obxectiva segundo xurisprudencia recente do TS. Isto supón unha cantidade en concepto de xuros do artigo 29.3 do ET de 94,27 euros e a suma restante de 22,14 euros devindicará o xuros dos artigos 1100 e seguintes do Código civil, ao non ter natureza salarial, isto é, calculado igualmente desde a data da conciliación ata a data da presente sentenza, resulta unha contía de 1,07 euros. Un total en concepto de xuros de 95,34 euros.

Polo que respecta ao Fogasa este debe ser condenado a estar e pasar por esta resolución nos termos do artigo 23.6, inciso primeiro da LRXS ao ter sido citado por estar desaparecida a empresa demandada, o que provocou, segundo consta nas actuacións, a súa citación mediante edictos.

Decisión

Que debo estimar e estimo a demanda presentada e, en consecuencia, condeno a Limpiezas El Polígono, S.L. a pagarlle ao demandante 800,58 euros, máis 95,34 euros en concepto de xuros. Condeno o Fogasa a estar e pasar por esta declaración nos termos do artigo 23.6, inciso primeiro da LRXS.

Notifíqueselles a presente resolución ás partes facéndolles saber que contra esta non cabe recurso de suplicación.

Lévese o orixinal desta resolución ao libro de sentenzas e déixese testemuño nas actuacións.

Así o acordo, mando e asino.

A maxistrada xuíza