Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 9 de decembro de 2014 Páx. 50543

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 21 de novembro de 2014 polo que se fai pública a Resolución do 18 de novembro de 2014 pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-151, no seu treito situado entre os puntos quilométricos 0+120 ao 0+380.

Con data do 18 de novembro de 2014, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu resolución de aprobación definitiva da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-151, no seu treito situado entre os puntos quilométricos 0+120 ao 0+380, co seguinte contido:

«Antecedentes:

1. O Concello de Piñor solicitou o pasado 13 de marzo de 2014 a redución da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-151, no seu treito situado entre os puntos quilométricos 0+120 ao 0+380 da antedita estrada, en aplicación da excepcionalidade recollida no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. A Área de Planificación e Programación emitiu informe ao respecto, o 7 de xullo de 2014, e elaborou un plano en que se establecía unha delimitación proposta para a liña límite de edificación da estrada autonómica OU-151 (N-525-Loeda-N-525), no seu treito situado entre os puntos quilométricos 0+120 ao 0+380.

3. Mediante Resolución do 21 de xullo de 2014, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter provisional a delimitación anterior, e resolveu tramitala segundo o procedemento establecido no artigo 85 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro.

4. A delimitación provisional foi sometida a información pública, durante o prazo de trinta días hábiles, mediante Anuncio do 4 de agosto de 2014, publicado no Diario Oficial de Galicia número 155, do luns 18 de agosto de 2014, e no taboleiro de anuncios do Concello de Piñor, co fin de que calquera persoa física ou xurídica formulase as alegacións que considerase pertinentes.

5. O expediente estivo exposto ao público, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela e na casa do concello de Piñor.

6. Mediante informe do 26 de setembro 2014, a Área de Planificación e Programación indicou que non se presentaron alegacións durante o período de información pública da delimitación provisional e que tampouco emitiron ningún informe ao respecto as entidades locais consultadas.

Consideracións legais:

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é competente para resolver o expediente de delimitación da liña límite de edificación previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ao abeiro do indicado no artigo 85.4 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

Visto todo o que antecede e, en particular, o informe de resposta da Área de Planificación e Programación,

RESOLVO:

1. Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica OU-151, no seu treito situado entre os puntos quilométricos 0+120 ao 0+380, segundo o plano que se xunta, que supón as seguintes reducións, con respecto ao establecido con carácter xeral na antedita lei:

a) A 8 metros desde o eixe da estrada, entre os puntos quilométricos 0+120 e 0+360, na marxe dereita da estrada OU-151.

b) A 8 metros desde o eixe da estrada, entre os puntos quilométricos 0+170 e 0+380, na marxe esquerda da estrada OU-151.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo na vía administrativa, cabe interpor potestativamente o recurso de reposición ante o mesmo órgano que o ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo establecen os artigos 116.1º e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Porén, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa (artigo 116.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro). Para tal efecto, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña o recurso de reposición non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto».

O que se fai público para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2014

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas