Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 1 de decembro de 2014 Páx. 49106

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 11 de novembro de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal de Coirós, modificación das aliñacións na estrada N-VI ao seu paso polos núcleos rurais.

O Concello de Coirós remite a modificación referida en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Coirós dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 19 de setembro de 2002, ao abeiro da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 23 de agosto de 2013 non someter a proposta de modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previo á aprobación inicial conforme o artigo 85.1 da LOUG con data 20 de decembro de 2013.

4. Constan informes municipais técnico-xurídicos do 29 de outubro de 2013, 9 de xaneiro de 2014 e 7 de xullo de 2014.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 16 de xaneiro de 2014. Foi sometida a información pública por dous meses (El Ideal Gallego do 5 de febreiro de 2014, La Voz de Galicia do 6 de febreiro de 2014 e o Diario Oficial de Galicia do 11 de febreiro de 2014). O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Oza-Cesuras, Aranga, Irixoa, Paderne e Betanzos. Non foron presentadas alegacións.

6. A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) emitiu informe favorable con data 28 de marzo de 2014.

7. A Deputación da Coruña emitiu o 6 de xuño de 2014 informe favorable en materia de estradas.

8. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en Pleno do 10 de xullo de 2014.

9. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante oficio do 8 de agosto de 2014. O Servizo de Urbanismo requiriu, ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG, a emenda das deficiencias documentais observadas mediante escrito do 1 de setembro de 2014. O concello achegou a documentación requirida mediante oficio do 3 de setembro de 2014.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O obxecto da modificación é a alteración das aliñacións nos ámbitos dos núcleos rurais lindeiros coa estrada N-VI. No Plan xeral de ordenación municipal vixente estas aliñacións coinciden coa liña límite de edificación establecida no artigo 25 da Lei 25/1988, de estradas, e coa modificación as aliñacións pasan a coincidir co límite da zona de servidume establecida no artigo 22 da dita lei.

2. Alégase como razón de interese público para a proposta que a franxa de terreo entre a aliñación actual e a estrada N-VI ten uns gastos de mantenemento a cargo do concello dificilmente asumibles por esta Administración local.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación supón unha redución da franxa de superficie de viario municipal contigua ás aliñacións que oscila entre os 12 e os 17 metros.

2. Os ámbitos atinxidos pola modificación están clasificados como solo de núcleo rural, sen que a modificación supoña incremento de edificabilidade aínda que se produza aumento das superficies destinadas a usos edificatorios.

De conformidade co artigo 89 da LOUG e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG, resolvo:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 3 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Coirós «modificación das aliñacións na estrada N-Vi ao seu paso polos núcleos rurais do concello de Coirós».

2º. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas