Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 1 de decembro de 2014 Páx. 49109

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 12 de novembro de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Friol para a creación dunha dotación de aparcamento no lugar da Baiuca.

O Concello de Friol remitiulle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a documentación do expediente de referencia, recibida no Rexistro do Servizo de Urbanismo de Lugo o 18 de abril de 2013, 18 de xuño de 2013 e 5 de novembro de 2013, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, de acordo co establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Friol, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) O Concello de Friol dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas o 19 de setembro de 1990, con varias modificacións posteriores, das cales interesa mencionar unha aprobada o 28 de xaneiro de 2004, responsable das determinacións urbanísticas que rexen actualmente na maior parte dos terreos afectados pola presente modificación.

b) O Concello de Friol está a tramitar un plan xeral de ordenación municipal, aprobado inicialmente o 23 de abril de 2013, no cal xa se avanza a proposta que agora está a definir a presente modificación.

c) O 14 de novembro de 2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre a modificación de referencia, e indicáronse as observacións que se deberán cumprir. En data do 12 de setembro 2012 emitíronse os informes municipais previstos no artigo 85.1 da LOUG.

d) Consta a aprobación inicial da modificación por acordo do Concello Pleno de 30 de novembro de 2012, publicada o 11 de decembro de 2012 no Diario Oficial de Galicia, en La Voz de Galicia e en El Progreso. Presentou unha alegación a comunidade do monte veciñal propietaria da maior parte dos terreos afectados e deuse audiencia aos concellos limítrofes.

e) Consta a emisión dos seguintes informes sectoriais:

– En materia de augas, emitido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 18 de febrero de 2013. Nega afeccións ao dominio público hidráulico.

– En materia de montes, emitidos polo Servizo de Montes da Xunta en Lugo o 20 de decembro de 2012, 12 de marzo de 2013, 17 de xuño de 2013, 30 de xullo de 2013 e 3 de outubro de 2013; e pola Xefatura da Consellería de Medio Rural en Lugo o 3 de outubro de 2013, favorables á declaración de prevalencia da utilidade pública intrínseca á modificación do uso sobre a propia do monte veciñal afectado.

– En materia de estradas, emitido pola Deputación Provincial de Lugo o 26 de febrero de 2013, favorable.

– Informe da alegación presentada polo equipo redactor (26 de marzo de 2013).

– Informe da Secretaría municipal sobre a adecuación da tramitación realizada (1 de abril de 2013).

f) Consta a aprobación provisional da modificación por Acordo do Concello Pleno do 5 de abril 2013.

g) A Comisión Superior de Urbanismo, en cumprimento do artigo 94.4 da LOUG e por tratarse de terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres públicos, emitiu informe, de carácter favorable, en data 22 de setembro de 2014.

II. Aspectos xerais.

a) A modificación ten por obxecto a creación dunha dotación de aparcadoiro de vehículos ao aire libre próximo ao mercado gandeiro, para os efectos de satisfacer as necesidades de estacionamento dos visitantes que acoden a distintos actos que se celebran neste equipamento.

b) A modificación delimita dúas dotacións: un aparcadoiro de nova concepción (4 ha); e un espazo libre público (12,6 ha) previsto con outra configuración no planeamento vixente.

c) O ámbito da modificación presenta unha superficie aproximada de 16,6 ha, sendo inmediato ao solo urbano da vila de Friol. Os terreos afectados pertencen en máis de dúas terceiras partes á Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Lamas (expediente 24/76 do Xurado Provicial de Montes).

d) Os terreos afectados teñen distinto tratamento no planeamento vixente:

– Maioritariamente solo rústico de protección forestal con cualificación de espazos libres públicos –sistema xeral– (parte do ámbito que fora ordenada na modificación aprobada en 2004).

– Solo non urbanizable de protección de vías –número 6.8.1 da normativa das NSP–, destinado a viario (terreos da marxe leste da estrada LU-P-2102).

– Outros terreos non urbanizables con distintas categorizacións (números 6.7.2, 6.8.1, 6.6.2… da normativa das NSP), presumiblemente clasificables como solo rústico de protección forestal consonte a LOUG, tendo en conta as determinacións do PXOM en tramitación (parte leste do novo espazo libre).

III. Análise e consideracións.

III.1. Cumprimento das observacións do informe previo da SXOTU.

a) Punto III.1 (compatibilización da dotación prevista coa protección forestal da área afectada): considérase cumprido.

b) Punto III.2. do ISXOTU (elección dunha das alternativas de zona verde bosquexadas no proxecto previo á aprobación inicial; redución da superficie deste sistema xeral): No proxecto aprobado provisionalmente optouse por unha das alternativas propostas no proxecto previo base do ISXOTU.

En canto á incidencia na extensión do sistema xeral de espazos libres, a superficie reservada no planeamento vixente é duns 120.605 m2, superficie que se mantén na proposta de modificación.

c) Punto III.3 do ISXOTU (informes sectoriais): recadáronse os informes sectoriais indicados.

d) Punto III.4 do ISXOTU (necesidade de intervención da CSU): a Comisión Superior de Urbanismo, en cumprimento do artigo 94.4 da LOUG e por tratarse de terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres públicos, emitiu informe, de carácter favorable, en data 22 de setembro de 2014.

De conformidade co artigo 89 da LOUG e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG, resolvo:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Friol, para a creación dunha dotación de aparcamento no lugar da Baiuca, deixando constancia da obriga de someter o proxecto de urbanización a informe do Servizo de Vías e Obras Provinciais da Deputación de Lugo, como se indica no seu informe.

2º. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. Notifíqueselles esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas