Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 28 de novembro de 2014 Páx. 48912

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2014, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para a integración na escala de axentes facultativos/as ambientais da Xunta de Galicia, subgrupo C1, dos funcionarios/as do corpo de auxiliares técnicos/as da Xunta de Galicia, subgrupo C2, escala de axentes forestais.

En sesión que tivo lugar o día 21 de novembro de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 30 de abril de 2014 (DOG nº 92, do 15 de maio), modificada pola Orde do 13 de xuño de 2014 (DOG nº 119, do 25 de xuño) da Consellería de Facenda para cualificar o proceso selectivo para a integración na escala de axentes facultativos/as ambientais da Xunta de Galicia, subgrupo C1, dos/das funcionarios/as do corpo de auxiliares técnicos/as da Xunta de Galicia, subgrupo C2, escala de axentes forestais, convocado pola Orde do 16 de xullo de 2013 (DOG nº 140, do 24 de xullo), adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Anular as preguntas número 45 e 57, que pasan a ser substituídas, por orde correlativa, polas preguntas de reserva número 61 e 62.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. Que de acordo co establecido na base II.1.1.1 da Orde de convocatoria, superaron o primeiro exercicio os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte e cinco (25) puntos, fixándose en trinta (30) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación.

Cuarto. Realizar os trámites oportunos para publicar as puntuacións obtidas polos/las aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio do proceso selectivo para a integración na escala de axentes facultativos/as ambientais da Xunta de Galicia, subgrupo C1, dos funcionarios/as do corpo de auxiliares técnicos/as da Xunta de Galicia, subgrupo C2, escala de axentes forestais, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Rexistro Xeral e Atención á Cidadanía da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na página web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Quinto. Que de acordo co disposto na base II.1.2.7 da Orde da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.1.2 da Orde da convocatoria os aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez días hábiles (10) a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG nº146, do 30 de xullo), para os efectos da exención prevista no segundo exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.12 da convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o/a conselleiro/a competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2014

Alfonso Barreiro Filgueira
Presidente do tribunal