Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 26 de novembro de 2014 Páx. 48645

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 147/2014, do 6 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade de varios ramais de acceso ao parque empresarial da Laracha, a prol do Concello da Laracha.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos destas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello da Laracha solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de varios ramais de acceso ao parque empresarial da Laracha, co obxecto de destinar os ditos bens públicos a fins de interese social.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos seguintes tramos:

– Ramal principal de calzada única e dobre sentido que vai desde a rotonda do p.q.: 23+200 da AC-552 ata o parque empresarial incluída a rotonda e ramais de acceso ao parque.

– Ramal secundario de calzada única e sentido único que vai desde a saída da peaxe da autoestrada AG-55 ata o ramal principal do número 1.

– Ramal secundario que vai desde a rotonda do p.q.: 23+200 da AC-552 en dirección sur ata conectar cun camiño local.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello da Laracha dos seguintes tramos:

– Ramal principal de calzada única e dobre sentido que vai desde a rotonda do p.q.: 23+200 da AC-552 ata o parque empresarial incluída a rotonda e ramais de acceso ao parque.

– Ramal secundario de calzada única e sentido único que vai desde a saída da peaxe da autoestrada AG-55 ata o ramal principal do número 1.

– Ramal secundario que vai desde a rotonda do p.q.: 23+200 da AC-552 en dirección sur ata conectar cun camiño local.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Laracha deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Así mesmo, deberá de levar a cabo as actuacións necesarias ante os organismos oficias correspondentes para regularizar a titularidade do terreo adxacente obxecto de cesión.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello da Laracha, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular dos terreos.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas