Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 24 de novembro de 2014 Páx. 48379

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Mondoñedo para a delimitación do núcleo rural histórico-tradicional do Arco, parroquia de Masma (expediente PTU-LU-13/025).

O Concello de Mondoñedo remitiu documentación do referido expediente para os efectos previstos na disposición adicional segunda.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en virtude do establecido na disposición adicional décimo segunda da Lei de vivenda de Galicia.

Unha vez analizada a documentación achegada polo Concello de Mondoñedo e vista a proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

As actuais normas subsidiarias municipais foron aprobadas no ano 1978.

De acordo coa documentación remitida polo Concello, realizáronse as seguintes actuacións:

– Con data do 5 de abril de 2013 comunícaselle ao Concello que o proxecto debe tramitarse de acordo co establecido na disposición adicional segunda.2 da LOUG.

– Con data do 23 de xullo de 2013 sométese o proxecto á información pública durante o prazo dun mes, mediante publicación de anuncios no Diario Oficial de Galicia (26.8.2013) e nos xornais El Progreso (31.7.2013) e La Voz de Galicia (7.8.2013), e non se presentaron alegacións.

– Certificación do secretario municipal sobre a exposición pública do proxecto e sobre a aprobación provisional polo Pleno do Concello realizada con data do 29.5.2014.

– Tras o requirimento de modificacións no proxecto por parte do Servizo de Urbanismo de Lugo, certificación do secretario municipal sobre a nova aprobación provisional polo Pleno do Concello realizada con data do 27.8.2014, incluíndo as modificacións efectuadas.

– Constan os seguintes informes sectoriais favorables: do Servizo de Infraestruturas Agrarias (6.9.2013); da Axencia Galega de Infraestruturas (16.9.2013); da Deputación Provincial de Lugo en materia de estradas (21.11.2013); da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (26.12.2013); de Augas de Galicia (3.3.2014) e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (17.3.2014).

II. Contido.

a) Proponse a delimitación, como núcleo rural histórico-tradicional, do asentamento poboacional do Arco, na parroquia de Masma.

b) O proxecto recoñece o viario público existente e determina os terreos edificables do asentamento, e regula as súas condicións de uso e edificación. Así mesmo, incorpora un catálogo no cal se inclúen as construcións singulares e unha regulamentación específica das áreas excluídas de edificación por risco de inundación, en cumprimento da lexislación sectorial de augas.

c) Xustifícase o interese público da modificación na adaptación ás novas determinacións urbanísticas no ámbito afectado, debido á non correspondencia da clase «núcleo urbano exterior» das normas subsidiarias municipais de Mondoñedo de 1978 con ningún dos tipos ou categorías definidas pola lexislación vixente urbanística, e pola indefinición da delimitación nuclear das citadas normas, realizada a unha escala 1:25.000, evitando así a actual inseguridade xurídica que afecta os terreos.

III. Análise e consideracións.

Compróbase que no expediente se acredita o cumprimento dos requisitos establecidos pola disposición adicional segunda.2 da LOUG.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural histórico-tradicional do Arco, na parroquia de Masma, no concello de Mondoñedo.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública non caberá interpor recurso en vía administrativa, e poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Notifíqueselle ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file