Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 20 de novembro de 2014 Páx. 48102

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 17 de outubro de 2014 para publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de outubro de 2014 polo que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, declarado como de incidencia supramunicipal polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de xaneiro de 2013 (clave OU/09/283.00).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia considerou a necesidade de analizar as comunicacións viarias da área de estudo e a súa interconexión coas principais vías de comunicación existentes. Búscase definir un modelo de rede viaria metropolitana que resolva a conexión dos diversos centros de xeración e atracción de viaxes entre si e coa rede de alta capacidade, pola cal accede unha parte importante dos fluxos exteriores á zona de estudo.

Por isto e mediante Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 3 de xaneiro de 2013 aprobouse provisionalmente o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia (clave OU/09/283.00).

Posteriormente, con data do 10 de xaneiro de 2013, o Consello da Xunta de Galicia aprobou a declaración de incidencia supramunicipal, de conformidade co artigo 25.2 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e o co artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, do denominado Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia.

Con data do 8 de febreiro de 2013 publícase no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública, por un prazo de dous meses, o plan sectorial, tanto desde o punto de vista ambiental como territorial.

Máis tarde, e con data do 2 de maio de 2014 publícase no Diario Oficial de Galicia a Resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 7 de abril de 2014, pola que se aproba a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia.

Visto todo o que antecede e cos fundamentos xurídicos e técnicos expostos na proposta de acordo, elevada ao Consello da Xunta de Galicia pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 10 de outubro de 2014 adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, clave OU/09/283.00, para os efectos establecidos pola Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e polo Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Segundo. Consonte o disposto nos artigos 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, e 8.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, deberase modificar o planeamento urbanístico municipal para adecuar as súas determinacións ao plan aprobado.

Terceiro. O ámbito do presente plan sectorial comprende os municipios de Ourense, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Taboadela, Barbadás, Toén, Coles, Punxín e Amoeiro».

No anexo a este anuncio inclúese a normativa do Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia.

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2014

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO I
Normativa para a aplicación do Plan sectorial da rede viaria de Ourense
e a súa área de influencia

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta normativa é establecer as determinacións do Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia, que vincularán aos instrumentos de ordenación urbanística municipal dos concellos do seu ámbito de aplicación, así como establecer as determinacións dos anteditos instrumentos de ordenación urbanística municipal que se teñan que modificar como consecuencia da aprobación do plan sectorial.

Por outra banda, é tamén obxecto desta normativa o establecemento dun réxime transitorio para a súa aplicación en canto os instrumentos de ordenación urbanística municipal non se adapten ás determinacións incluídas no plan sectorial, a que fai referencia o parágrafo anterior.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación desta normativa abrangue os concellos incluídos no ámbito do Plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia:

a) Ourense.

b) O Pereiro de Aguiar.

c) San Cibrao das Viñas.

d) Paderne de Allariz.

e) Taboadela.

f) Barbadás.

g) Toén.

h) Coles.

i) Amoeiro.

j) Punxín.

Artigo 3. Seguimento da incidencia ambiental do plan sectorial

O plan sectorial desenvolverase segundo o indicado no informe de sustentabilidade ambiental e na memoria ambiental correspondente, de acordo coas seguintes determinacións:

1. Todas as actuacións desenvolvidas en cumprimento do plan asegurarán o cumprimento da lexislación sectorial, relacionada coa preservación dos valores naturais, que estea vixente no momento do seu desenvolvemento.

2. O desenvolvemento das actuacións do novo trazado considerará a necesidade de tramitarse segundo a normativa vixente en materia de avaliación ambiental de proxectos; actualmente, Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, cuxas determinacións, segundo proceda en cada caso, deberán ser desenvolvidas nos proxectos correspondentes.

3. As actuacións de desenvolvemento do plan non afectadas pola Lei 21/2013, ou calquera outra que puidese substituíla ou modificala deberán incluír un documento que podería denominarse como «Anexo de xustificación do cumprimento das medidas do ISA», onde, segundo procedese e axustándose a cada caso concreto, se desenvolverán as medidas preventivas, correctoras, protectoras e de seguimento que se integran no ISA.

Para estes efectos, o ISA integra un Catálogo de medidas correctoras, aplicable ao caso do desenvolvemento do proxectos de infraestruturas lineais, que xorde co obxecto de servir de referencia para a súa toma en consideración no marco dos proxectos que desenvolvan as actuacións do plan.

4. O seguimento do desenvolvemento do plan sectorial levarase a cabo segundo os mecanismos previstos no informe de sustentabilidade ambiental e na memoria ambiental.

Capítulo II
Determinacións do plan sectorial

Artigo 4. Esquema da rede

1. Defínese o esquema da rede de estradas na área de influencia de Ourense, segundo os planos 06 e 07 correspondentes.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as administracións das entidades locais do ámbito de aplicación desta normativa promoverán as medidas precisas para o desenvolvemento das actuacións que compoñen o esquema da rede de estradas na área de influencia de Ourense. A Administración xeral do Estado desenvolverá as actuacións que tivese previsto executar, segundo a súa planificación en materia de estradas, no exercicio da súa competencia exclusiva sobre as obras públicas de interese xeral, cuxa realización afecte máis dunha comunidade autónoma.

Artigo 5. Reservas viarias

1. Defínense inicialmente como reservas viarias do plan sectorial as áreas identificadas como tales nos planos correspondentes.

2. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecido unha reserva viaria se teña desenvolvido a nivel de estudo informativo aprobado definitivamente, a reserva viaria prevista para ela no plan sectorial será substituída pola banda de flutuación do antedito estudo informativo, excepto que este fose tramitado como un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e na súa normativa se estableza unha regulación diferente. En defecto de definición da banda de flutuación no estudo informativo, esta estenderase 100 m a cada lado do eixe da infraestruturas e 200 m en torno ao punto quilométrico de referencia dos enlaces previstos.

3. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecido unha reserva viaria se teña desenvolvido a nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente, deixará de considerarse a reserva viaria prevista para ela no plan sectorial, e a partir dese momento establecerase a zona de dominio público da estrada proxectada e as súas zonas de protección correspondentes, segundo o previsto na lexislación sectorial autonómica en materia de estradas.

Artigo 6. Zonas de non edificación

1. Defínense inicialmente como zonas de non edificación do plan sectorial as áreas comprendidas entre as liñas de non edificación identificadas como tales nos planos de reservas viarias. No seu defecto tomarase como liña de non edificación a liña de reserva viaria.

2. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecido unha zona de non edificación se teña desenvolvido a nivel de estudo informativo aprobado definitivamente, a zona de non edificación prevista para ela no plan sectorial será substituída pola zona reservada da edificación do antedito estudo informativo, excepto que este fose tramitado como un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e na súa normativa se estableza unha regulación diferente.

En defecto de definición da zona reservada da edificación no estudo informativo, esta entenderase:

a) 75 m a cada lado do eixe, no caso de autoestradas, autovías e vías para automóbiles.

b) 35 m a cada lado do eixe da infraestrutura no caso de estradas convencionais.

c) 100 m en torno ao punto quilométrico de referencia dos enlaces previstos.

d) 50 m en torno ao punto quilométrico de referencia das interseccións a nivel previstas.

3. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecida unha zona de non edificación se teña desenvolvido a nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente, deixará de considerarse a zona de non edificación prevista para ela no plan sectorial, e a partir dese momento establecerase a liña límite de edificación da estrada proxectada, segundo o previsto na lexislación sectorial autonómica en materia de estradas.

Artigo 7. Informes previos

1. Para a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade nas reservas viarias do plan sectorial deberá obterse previamente informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas.

2. O informe a que fai referencia este artigo deberá emitirse no prazo do dous (2) meses contados desde o día seguinte a aquel en que a solicitude teña entrado no Rexistro da Axencia Galega de Infraestruturas.

O transcurso do dito prazo sen que se teña practicado a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender a súa pretensión como:

a) Desestimada se a obra, instalación ou actividade que se pretende realizar se sitúa, totalmente, fóra da zona de non edificación.

b) Estimada se a obra, instalación ou actividade que se pretende realizar se sitúa, totalmente, fóra da zona de non edificación.

3. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecido unha reserva viaria se teña desenvolvido a nivel de estudo informativo aprobado definitivamente, observarase o previsto nos artigos 5.2 e 6.2.

4. Cando a actuación para cuxa execución se teña establecido unha reserva viaria se teña desenvolvido a nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción non será precisa a obtención do informe previo a que se fai referencia neste artigo. Non obstante, nestes casos, a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada proxectada ou nas súa zonas de protección estará suxeita ao deber de obter a correspondente autorización previa, segundo o previsto na lexislación autonómica en materia de estradas.

5. Non se poderán outorgar licencias, permisos u outras autorizacións de carácter urbanístico para a realización de obras e actividades nas reservas viarias sen que previamente se obtivese o informe previo a que se refire este artigo. As licenzas, permisos ou outras autorizacións de carácter urbanístico que se outorguen deberán respectar o contido dos informes previos a que se refire este artigo, cuxo contido as vinculará e, en todo caso, prevalecerán sobre aquelas.

Artigo 8. Transferencias de titularidade de estradas

1. Propóñense as transferencias de titularidade de estradas que se indican no plano 08 correspondente e na táboa do número 9.5.2. do documento Memoria xeral do plan sectorial.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as administracións das entidades locais do ámbito de aplicación desta normativa colaborarán para a materialización das transferencias de titularidade de estradas propostas no plan sectorial, segundo os procedementos previstos na lexislación autonómica en materia de estradas. No caso de que unha das administracións afectadas sexa a Administración xeral do Estado, aplicarase a regulación sobre cambio de titularidade prevista na normativa estatal en materia de estradas.

Capítulo III
Determinacións da planificación urbanística a modificar

Artigo 9. Obriga de modificación

As determinacións contidas nesta normativa vincularanse á implantación das entidades locais, que terán que adaptarse a elas no prazo dun ano desde a data da súa aprobación e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión da implantación urbanística vixente.

Artigo 10. Informes da Axencia Galega de Infraestruturas

Os informes da Axencia Galega de Infraestruturas a que se fai referencia neste capítulo deberán emitirse no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte a aquel en que a solicitude teña entrado no rexistro da Axencia Galega de Infraestruturas.

O transcurso do dito prazo sen que se teña practicado a notificación da resolución permitiralle á persoa interesada entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

Sección 1ª. Determinacións referidas á clasificación do solo

Artigo 11. Clasificación dos terreos afectados pola reservas viarias

Os terreos afectados polas reservas viarias do plan sectorial clasificaranse, coas excepcións previstas neste sección, como solo rústico de protección de infraestruturas, e poderá superpoñerse esa clasificación a calquera outra de solo rústico de especial protección.

Neste sentido, as determinacións con respecto ás distintas clases de solo contidas nesta sección refírense única e exclusivamente aos terreos afectados polas reservas viarias do plan sectorial.

Artigo 12. Solos urbanos

1. Os solos clasificados como urbanos con anterioridade á aprobación do plan sectorial poderán manter a súa clasificación.

2. Non se permitirá a clasificación como solos urbanos dos terreos incluídos nas reservas viarias do plan sectorial que non estivesen clasificados como tales con anterioridade á aprobación daquel, tendo en conta as prescricións do artigo 5.2 para o caso de actuacións desenvolvidas a nivel de estudo informativo aprobado definitivamente e do artigo 5.3 para o das desenvolvidas a nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente.

Artigo 13. Solos urbanizables

1. Os solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, poderán manter a súa clasificación.

2. Nos solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que non conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, deberá recadarse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

3. Nos solos que se pretendan clasificar como urbanizables, cando non estivesen clasificados dese maneira con anterioridade á aprobación do plan sectorial, deberá recadarse previamente un informe da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

4. No informe a que se fai referencia nos números anteriores, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a clasificación dese solo como urbanizable, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se poderá clasificar como tal.

b) Que a clasificación dese solo como urbanizable, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que poderán integrala nun sector de solo urbanizable, pero destinándoos, total ou parcialmente, ao sistema xeral viario. Neste caso, no instrumento da implantación preverase a obtención deses terreos por parte da Administración titular da estrada mediante cesión obrigatoria ou ocupación directa, nos termos previstos na lexislación autonómica en materia de ordenación urbanística.

c) Que a clasificación dese solo como urbanizable, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá clasificar como solo rústico de protección de infraestruturas, clasificación que se poderá superpor a calquera outra de solo rústico de especial protección.

Artigo 14. Solos de núcleo rural

1. Os solos clasificados como de núcleo rural tradicional con anterioridade á aprobación do plan sectorial poderán manter a súa clasificación.

2. Nos solos clasificados como núcleo rural común ou complexo con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberá obterse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

3. No informe a que se fai referencia no número anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a clasificación dese solo como núcleo rural común ou complexo, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é parcial ou totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que poderá clasificarse como tal.

b) Que a clasificación dese solo como núcleo rural común ou complexo, na parte que se ve afectada pola reserva viaria do plan sectorial, é parcial ou totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que deberá clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas, clasificación que se poderá superpor a calquera outra de solo rústico de especial protección.

4. Nos se permitirá a clasificación como solos de núcleo rural dos terreos incluídos nas reservas viarias do plan sectorial que non estivesen clasificadas como tales con anterioridade á aprobación daquel, tendo en conta as prescricións do artigo 4.2 para o caso de actuacións desenvolvidas a nivel de estudo informativo aprobado definitivamente e do artigo 4.3 para o das desenvolvidas a nivel de anteproxecto, proxecto de trazado ou proxecto de construción aprobado definitivamente.

Artigo 15. Solos rústicos

1. Os solos clasificados como rústicos de protección ordinaria con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberán clasificarse como solo rústico de protección de infraestruturas.

2. Os solos clasificados como rústicos de especial protección con anterioridade á aprobación do plan sectorial poderán manter a súa clasificación, e superpoñéndoa á de solo rústico de protección de infraestruturas.

Sección 2ª. Determinacións referidas á ordenación do solo

Artigo 16. Ordenación dos terreos afectados pola zonas de non edificación

Os terreos afectados polas zonas de non edificación do plan sectorial ordenaranse, coas excepcións previstas nesta sección, de tal xeito que non se permita nelas ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Neste sentido, as determinacións con respecto ás distintas clases de solo contidas nesta sección refírense única e exclusivamente aos terreos afectados pola zonas de non edificación do plan sectorial.

Artigo 17. Solos urbanos

1. Nos solos clasificados como urbanos con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberá recadarse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

2. No informe a que fai referencia no número anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a ordenación do solo urbano, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestruturas viaria prevista, polo que se poderá manter a ordenación proposta.

b) Que a ordenación do solo urbano, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá modificar total ou parcialmente a ordenación proposta. Neste caso, deberá indicarse concretamente o alcance das modificacións necesarias.

c) Que a ordenación do solo urbano, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestruturas viaria prevista, polo que todos os terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial se deberán ordenar de tal xeito que non se permita neles ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 18. Solos urbanizables

1. Nos solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, deberá recadarse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

2. No informe a que se fai referencia no número anterior, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a ordenación do solo urbanizable, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se poderá manter a ordenación proposta.

b) Que a ordenación do solo urbanizable, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá modificar total ou parcialmente a ordenación proposta. Neste caso deberá indicarse concretamente o alcance das modificacións necesarias.

c) Que a ordenación do solo urbanizable, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que todos os terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial se deberán ordenar de tal xeito que non se permita neles ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

3. En canto aos solos clasificados como urbanizables con anterioridade á aprobación do plan sectorial que non conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, e poidan manter a súa clasificación en aplicación do previsto no artigo 13.2, deberá preverse a súa ordenación de tal xeito que non se permita, nos terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial, ningún tipo de construción da nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante o terreo.

4. En canto aos solos que se pretendan clasificar como urbanizables, cando non estivesen clasificados desa maneira con anterioridade á aprobación do plan sectorial, e poidan pasar a clasificarse como urbanizables en aplicación do previsto no artigo 13.3, deberá preverse a súa ordenación de tal xeito que non se permita, en terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial, ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 19. Solos de núcleo rural

1. Nos solos clasificados como de núcleo rural tradicional con anterioridade á aprobación do plan sectorial deberá recadarse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

2. Nos solos clasificados como núcleo rural común ou complexo con anterioridade á aprobación do plan sectorial, e poidan manter a súa clasificación en aplicación do previsto no artigo 14.2, deberá recadarse previamente un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a compatibilidade da ordenación proposta co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

3. No informe a que se fai referencia nos números anteriores, a Axencia Galega de Infraestruturas poderá declarar:

a) Que a ordenación do solo de núcleo rural, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se poderá manter a ordenación proposta.

b) Que a ordenación do solo de núcleo rural, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é parcialmente compatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que se deberá modificar total ou parcialmente a ordenación proposta. Neste caso, deberá indicarse concretamente o alcance das modificacións necesarias.

c) Que a ordenación do solo de núcleo rural, na parte que se ve afectada pola zona de non edificación do plan sectorial, é totalmente incompatible co futuro desenvolvemento da infraestrutura viaria prevista, polo que todos os terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial deberán ordenarse de tal xeito que non se permita neles ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Artigo 20. Solos rústicos

Os solos clasificados como rústicos deberán ordenarse de tal xeito que non se permita nos terreos situados entre as liñas de non edificación indicadas no plan sectorial, ningún tipo de construción de nova planta, nin a reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo.

Disposición transitoria primeira

En canto non se adaptan ás determinacións establecidas nesta normativa, a execución dos instrumentos de ordenación urbanística municipais nos terreos incluídos nas reservas viarias do plan sectorial rexeranse pola regulación transitoria establecida nesta disposición.

1. Solo urbano: os solos clasificados como urbanos, consolidados ou non consolidados, manterán a súa clasificación orixinal, e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente.

2. Solo urbanizable:

a) Os solos clasificados como urbanizables, delimitados ou non delimitados, que conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, manterán a súa clasificación orixinal, e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente.

b) Os solos clasificados como urbanizables, delimitados ou non delimitados, que non conten cun plan parcial aprobado, ou instrumento de desenvolvemento equivalente, deberán obter, con carácter previo á aprobación daquel, un informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial, segundo o establecido e cos efectos previstos nos artigos 13 e 18 desta normativa, que serán efectivos de xeito inmediato.

3. Solo de núcleo rural:

a) Os solos clasificados como de núcleo rural tradicional manterán a súa clasificación orixinal e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente.

b) Os solos clasificados como de núcleo rural común manterán a súa clasificación orixinal e rexeranse pola normativa que para eles se estableza no instrumento de ordenación urbanística vixente, pero previamente á concesión da licenza por parte do concello correspondente será precisa a obtención dun informe vinculante da Axencia Galega de Infraestruturas sobre a súa compatibilidade co desenvolvemento das infraestruturas viarias previstas no plan sectorial.

O antedito informe rexerase polo indicado nos artigos 14 e 19 desta normativa e provocará, de xeito inmediato, os efectos previstos nel.

En todo caso, o informe deberá emitirse en sentido desfavorable cando a obra, instalación ou actividade que se pretenda realizar consista nalgún tipo de construción de nova planta, ou na reconstrución ou ampliación das existentes, por encima ou por debaixo da rasante do terreo, e se sitúe, total ou parcialmente, na zona de non edificación.

4. Solo rústico:

a) Os solos clasificados como rústicos de protección ordinaria pasarán a ter a consideración de solo rústico de protección de infraestrutura e rexeranse polo previsto para eles na lexislación autonómica de ordenación urbanística.

b) Os solos clasificados como rústicos de especial protección manterán a súa clasificación, superpoñéndoa á de solo rústico de protección de infraestruturas, e rexeranse polo previsto para eses casos na lexislación autonómica de ordenación urbanística.

Disposición derradeira

Esta normativa entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra este acordo poderase interpor, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, un recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.