Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 17 de novembro de 2014 Páx. 47600

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 145/2014, do 6 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de recuperación integral do río Artes e o seu contorno (concello de Ribeira).

O Concello de Ribeira, en sesión celebrada o día trinta e un de marzo de dous mil catorce, aprobou o proxecto de obras de recuperación integral do río Artes e o seu contorno (concello de Ribeira); e na do vinte e oito de abril acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinalan o Concello e o informe do técnico municipal, na marxe do río obxecto das actuación proxectadas, nas zonas de servidume de protección e policía, existe unha rede de camiños de trazado aleatorio cuxo uso abusivo está a producir unha grave afección sobre determinados hábitats e especies de fauna de especial importancia en materia de conservación. Asemade, algunhas das leiras destinadas a cultivo están labradas ata o propio río, sen respectar a zona de servidume, o que supón unha afección directa sobre as especies animais e vexetais que habitan nesa franxa e indirecta sobre a calidade das augas.

Co proxecto de recuperación preténdese protexer o río e o seu contorno creando un carreiro paralelo ao leito do río para delimitar a liña de circulación das persoas e minimizar así as afeccións sobre os hábitats de interese comunitario e prioritarios existentes.

Ademais, as obras deberían realizarse antes do inverno, xa que durante esta estación é frecuente o asolagamento dalgúns tramos do río, e fóra do período de crecemento vexetativo e de cría de especies animais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de recuperación integral do río Artes e o seu contorno (concello de Ribeira), tendo en conta o certificado emitido pola secretaria municipal do vinte e nove de outubro de dous mil catorce sobre a adquisición de parcelas de mutuo acordo; unha vez ocupados os terreos necesarios, débense obter, se for o caso, as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza