Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 14 de novembro de 2014 Páx. 47380

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2014, da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de outubro de 2014, polo que se aproban as Directrices de técnica normativa.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de outubro de dous mil catorce adoptou o Acordo polo que se aproban as Directrices de técnica normativa.

Para xeral coñecemento, procédese á publicación do referido acordo e das Directrices de técnica normativa que figuran como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2014

Manuel Pillado Quintáns
Director xeral da Asesoría Xurídica Xeral

ANEXO
Acordo do 30 de outubro de 2014, do Consello da Xunta de Galicia,
polo que se aproban as Directrices de técnica normativa

Tanto a experiencia como a doutrina especialista en técnica xurídica puxeron de relevo a importancia que a calidade e claridade das disposicións normativas teñen para a súa correcta comprensión polas persoas destinatarias e para a consecución dun ordenamento rigorosamente configurado na orde formal. En efecto, nun Estado de dereito, as normas, consideradas en si mesmas, deben reunir uns requisitos mínimos de claridade expresiva, de estrutura formal e de lóxica interna. Ademais, consideradas en relación co seu contexto, as normas teñen que se axustar ás circunstancias da realidade sobre a cal actúan e deben integrarse nun ordenamento xurídico xa existente. Unhas e outras exixencias son, inequivocamente, horizontes a cuxa consecución debe coadxuvar o emprego dunha correcta técnica normativa.

A recente Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, recolle no seu artigo 37 unha serie de instrumentos para a mellora da calidade normativa entre os cales se encontra a aprobación polo Consello da Xunta dunhas directrices de técnica normativa que, carecendo do valor das normas xurídicas, proporcionen criterios técnicos ou pautas de redacción na elaboración de anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral.

As Directrices de técnica normativa que agora se aproban en cumprimento deste mandato legal teñen como obxectivo fundamental lograr un maior grao de achegamento ao principio constitucional de seguridade xurídica mediante a mellora da calidade técnica e lingüística das normas de orixe gobernamental. Neste sentido, o propio Tribunal Constitucional conectou a seguridade xurídica coa técnica normativa, ao afirmar que «non se pode subestimar a importancia que para a certeza do dereito e a seguridade xurídica ten o emprego dunha depurada técnica xurídica no proceso de elaboración das normas» e que «unha lexislación confusa, escura e incompleta, dificulta a súa aplicación e, ademais de socavar a certeza do dereito e a confianza da cidadanía nel, pode terminar por embazar o valor da xustiza» (STC 150/1990, do 4 de outubro).

Para a elaboración das presentes directrices partiuse do exemplo marcado polas Directrices de técnica normativa aprobadas por Acordo do Consello de Ministros, do 22 de xullo de 2005, así como por outras comunidades autónomas, mais non se considerou pertinente recoller técnicas e linguaxes diverxentes das previstas por outras administracións públicas. Si se recolleron, en cambio, previsións derivadas da práctica administrativa, así como recomendacións efectuadas polo Consello Consultivo de Galicia nos seus ditames sobre proxectos normativos, e tamén se tivo en conta o Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, o Consello da Xunta, na súa reunión do día trinta de outubro de dous mil catorce,

acorda:

Primeiro. Aprobación das Directrices

Apróbanse as Directrices de técnica normativa, cuxo texto se insire a seguir.

Segundo. Ámbito de aplicación

As Directrices de técnica normativa aplicaranse na elaboración de anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral. Ademais, en todo o que sexa posible, teranse en conta na redacción das propostas de acordo do Consello da Xunta e dos actos administrativos dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que se publiquen en diarios oficiais. Tamén poderán servir de orientación para outros actos, escritos e documentos que redacten os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

Terceiro. Publicación e produción de efectos

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación.

Directrices de técnica normativa

I. Estrutura dos anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral.

a) Aspectos xerais.

1. División.

2. Contido.

3. Obxecto único e completo.

4. Homoxeneidade.

5. Reprodución de preceptos legais en normas regulamentarias.

6. Reprodución de normativa básica estatal en normas autonómicas.

b) Título.

7. Natureza do título.

8. Identificación do tipo de disposición.

9. Denominación.

10. Uso restritivo de siglas e abreviaturas.

11. Disposicións modificativas e disposicións de carácter temporal.

c) Índice.

12. Inserción de índices.

d) Parte expositiva.

13. Denominación da parte expositiva.

14. Contido.

15. Consultas e informes.

16. Contidos específicos.

17. División.

18. Fórmula aprobatoria.

e) Parte dispositiva: disposicións xerais.

19. Natureza.

20. Lugar de inclusión.

f) Parte dispositiva: sistemática e división.

21. Ordenación interna.

22. División.

23. Libros.

24. Títulos.

25. Capítulos.

26. Seccións.

27. Subseccións.

g) Parte dispositiva: artigos. Redacción e división.

28. Criterios de redacción.

29. Contido normativo.

30. Numeración.

31. Titulación.

32. Composición.

33. Extensión.

34. División do artigo.

35. Enumeracións.

h) Parte final.

36. Clases de disposicións.

37. Criterio restritivo.

38. Criterios de prevalencia.

39. Composición.

40. Numeración e titulación.

41. Disposicións adicionais.

42. Disposicións transitorias.

43. Disposicións derrogatorias.

44. Disposicións derradeiras.

45. Antesinatura.

i) Anexos.

46. Localización e composición.

47. Referencia na parte dispositiva.

48. Contido.

49. Normas aprobatorias.

50. Modificación dos anexos.

51. División.

j) Remisións.

52. Natureza.

53. Non proliferación.

54. Uso da remisión.

55. Indicación da remisión.

56. Modo de realización.

57. Remisións cruzadas e remisións encadeadas.

k) Citas.

58. Cita curta e decrecente.

59. Economía de cita.

60. Cita dunha serie de artigos.

61. Mención innecesaria do diario oficial.

62. Cita da Constitución e dos estatutos de autonomía.

63. Cita de normas.

64. Primeira cita e citas posteriores.

65. Cita de ordes ministeriais.

66. Cita de normas autonómicas.

67. Cita de normativa comunitaria.

68. Cita de acordos de órganos colexiados de goberno.

69. Cita de resolucións administrativas.

70. Cita de resolucións xudiciais.

71. Cita do diario oficial.

72. Citas de órganos administrativos.

II. Especificidades das disposicións modificativas.

73. Carácter restritivo.

74. Tipos.

75. Restrición das modificacións múltiples.

76. Contido.

77. Título.

78. División.

79. Estilo.

80. Texto marco.

81. Texto de regulación.

82. Modificación simple.

83. Modificación múltiple.

84. Normas non modificativas que conteñen preceptos modificativos.

85. Orde das modificacións.

86. Reprodución íntegra de números ou parágrafos.

87. Non alteración da numeración orixinal.

III. Especificidades relativas aos decretos aprobatorios.

88. Título.

89. Artigo único.

90. Parte final.

91. Texto normativo aprobado.

IV. Criterios lingüísticos xerais.

92. Linguaxe clara e precisa, de nivel culto, pero accesible.

93. Emprego de linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

94. Terminoloxía uniforme.

95. Estrutura gramatical.

96. Fuxida da pobreza de expresión.

97. Uso non sexista da linguaxe.

98. Signos ortográficos.

99. Uso específico das maiúsculas nos textos normativos.

100. Denominacións oficiais.

101. Concordancias de xénero e número.

102. Abreviaturas.

103. Uso específico de siglas.

I. Estrutura dos anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral.

a) Aspectos xerais.

1. División.

Os anteproxectos de lei e os proxectos de decreto lexislativo e de disposicións administrativas de carácter xeral estrutúranse nas seguintes partes: título da disposición; parte expositiva, que no caso dos anteproxectos de lei se denominará sempre «exposición de motivos», e parte dispositiva, na cal se inclúen o articulado, a parte final e, se for o caso, os anexos.

2. Contido.

O contido das disposicións debe ter unha orde lóxica que outorgue claridade ao texto e facilite a identificación de cada un dos seus preceptos dentro da estrutura do texto normativo.

Por isto, na redacción das disposicións manterase a orde seguinte:

a) Do xeral ao particular.

b) Do abstracto ao concreto.

c) Do normal ao excepcional.

d) Do substantivo ao procesual.

As prescricións desenvolveranse dunha maneira xerárquica e ordenada, sen deixar ocos nin lagoas.

3. Obxecto único e completo.

Na medida do posible, nunha mesma disposición debe regularse un único obxecto, pero en todo o seu contido e, se procede, os aspectos que teñan directa relación con el. Con isto evitarase a dispersión normativa, pois esta complica o ordenamento e dificulta o coñecemento e a localización da normativa aplicable.

Neste sentido, nos supostos de regulamentos de execución dunha lei, procurarase que sexan completos e non parciais. En todo caso, este tipo de regulamentos deberán cumprir a función de servir de complemento indispensable para asegurar a correcta aplicación e a plena efectividade da lei que desenvolven. A norma regulamentaria incumprirá tal labor cando se limite a reproducir os designios legais ou os desenvolva nuns termos absolutamente insuficientes, deixando numerosos asuntos sen regular.

4. Homoxeneidade.

Convén velar pola homoxeneidade do texto. Para tal fin, observaranse as seguintes regras:

a) O ámbito de aplicación debe respectarse no conxunto da disposición.

b) Os dereitos e obrigas deben ser coherentes entre si e non contradicirse.

c) Un texto esencialmente temporal non debe conter disposicións de carácter definitivo.

A homoxeneidade debe observarse tamén en relación con outras disposicións normativas. Neste sentido, cómpre evitar a produción, nun mesmo ámbito, de superposicións e contradicións. A creación normativa require un proceso reflexivo no cal se deben ponderar todos os elementos que inciden na materia obxecto da norma proxectada, o que non resulta compatible con actuacións que provoquen retrocesos, baleiros normativos ou mesmo desestruturacións normativas que fragmenten o marco normativo en múltiples normas reguladoras de situacións idénticas ou converxentes.

5. Reprodución de preceptos legais en normas regulamentarias.

A reprodución de preceptos legais en normas regulamentarias só é admisible cando resulte indispensable para a adecuada comprensión e estruturación da norma. Nestes casos, exíxese a reprodución literal do precepto legal. O regulamento debe evitar a utilización de fórmulas alternativas á dicción legal, pois iso pode introducir dúbidas ou inseguridade na interpretación e na aplicación da norma.

Xunto ao anterior, un risco inherente á técnica de reprodución de preceptos legais en normas regulamentarias radica na posible confusión sobre a procedencia das normas contidas no texto regulamentario, de aí que, cando se faga uso desa técnica, deberá incluírse unha referencia expresa aos preceptos legais que son obxecto de reprodución, precedida da expresión «de acordo con» ou «de conformidade con».

6. Reprodución de normativa básica estatal en normas autonómicas.

Conforme a doutrina do Tribunal Constitucional, a técnica consistente na reprodución en normas autonómicas de normativa básica estatal é admisible sempre que sirva á finalidade dunha mellor intelixibilidade da norma, permitindo así que no texto normativo queden perfectamente integradas as normas básicas estatais e as autonómicas co fin de que os seus destinatarios poidan ter unha visión de conxunto da regulación aplicable. Neste sentido, na memoria xustificativa que conste no expediente de elaboración da norma deberá facerse unha mención á escolla desta opción de técnica normativa, fronte á outra posibilidade consistente en regular unicamente os aspectos innovadores ou de desenvolvemento, remitíndose no resto á normativa básica estatal.

Ademais, en caso de utilizar a técnica de reprodución da normativa básica estatal, deberá recollerse unha referencia expresa aos preceptos estatais que son obxecto de reprodución, precedida da expresión «de acordo con» ou «de conformidade con». Alén disto, a reprodución deberá ser literal, evitando alteracións, pois con elas poden introducirse matices ou xiros de relevancia substantiva ou material e non meramente nominal ou de estilo.

Xunto ao anterior, debe evitarse a simple reprodución de normas básicas estatais en normas autonómicas, sen engadir ningún contido de regulación propia, pois esta técnica, dalgún modo, implica renunciar ás posibilidades dunha normativa autonómica propia ou, polo menos, adaptada ás características propias da Administración autonómica en cada materia. E é que unha das características das normas básicas é, precisamente, evitar unha regulación de detalle en exceso para así posibilitar suficiente marxe para a regulación das especificidades propias por parte das normas autonómicas. De aí que a simple repetición das normas básicas noutras autonómicas poña, en certo modo, estas últimas en cuestión, no sentido de que non cumprirían propiamente o seu papel complementador da normativa de que derivan, desnaturalizando o seu papel e convertendo así a propia regulación, en certa medida, nun esforzo inútil.

b) Título.

7. Natureza do título.

O título forma parte do texto e permite a súa identificación, interpretación e cita.

Debe ser diferente dos títulos das outras disposicións en vigor.

8. Identificación do tipo de disposición.

O título iníciase sempre coa identificación do tipo de disposición.

Na tramitación de expedientes relativos á iniciativa lexislativa do Consello da Xunta, o texto denominarase «Anteproxecto de lei». Cando o Consello da Xunta aprobe o texto definitivo para a súa remisión ao Parlamento pasará a denominarse «Proxecto de lei».

Nos casos de lexislación delegada, o título incluirá a expresión «Proxecto de decreto lexislativo».

En relación coas disposicións administrativas de carácter xeral, o texto denominarase, segundo os casos, «Anteproxecto de decreto» ou «Anteproxecto de orde» ata que se produza a súa aprobación inicial como «Proxecto de decreto» ou «Proxecto de orde», conforme o disposto no artigo 41.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Unha vez aprobados, os decretos e os decretos lexislativos recibirán o seu número de orde en cada tipo, referido ao ano da súa aprobación. O número e ano –este expresado coas súas catro cifras en caracteres numéricos– deben ir separados por unha barra e seguidos da mención do día, en cifra, e do mes, en letra. Tamén as leis, unha vez aprobadas polo Parlamento, se numeran de igual forma. En consecuencia, durante o procedemento de elaboración destas disposicións, no título, despois da identificación do tipo de disposición, deixarase en branco o espazo correspondente ao número, ao ano e á data de aprobación.

As ordes, unha vez aprobadas, soamente deben facer constar a data, comezando polo día, en número, seguido do mes, en letra, e do ano co número completo. Detrás da data, menciónase o/a conselleiro/a do/da cal emana a disposición. En consecuencia, durante o procedemento de elaboración destas disposicións, no título, despois da identificación do tipo de disposición, deixarase en branco o espazo correspondente á data.

9. Denominación.

Tras a identificación da disposición sitúase o nome, que tamén forma parte do título.

O nome indica o obxecto da disposición e o seu contido esencial de modo que permita facerse unha idea do seu contido e diferencialo do de calquera outra disposición. A súa redacción debe ser clara e concisa, sen inclusión de descricións propias da parte dispositiva. Debe reflectir con exactitude e precisión a materia regulada, evitando que importantes aspectos que son obxecto de regulación non teñan reflexo nel.

Os termos empregados no título deben ser os mesmos que se encontren no texto normativo.

10. Uso restritivo de siglas e abreviaturas.

No nome da disposición debe evitarse, no posible, o uso de siglas e abreviaturas.

11. Disposicións modificativas e disposicións de carácter temporal.

Nas disposicións modificativas o nome debe indicar este carácter explicitamente, con cita do título completo da disposición modificada. A cláusula utilizada será: «Anteproxecto de lei/Proxecto de decreto ... pola/lo que se modifica …».

Nas disposicións de carácter temporal debe facerse constar no nome o seu período de vixencia.

c) Índice.

12. Inserción de índices.

Nas disposicións de gran complexidade e amplitude é conveniente incluír un índice.

O índice debe ir colocado despois do título e sempre antes da parte expositiva. Se se trata de decretos lexislativos ou decretos aprobatorios, o índice situarase inmediatamente despois do título da disposición aprobada.

O índice conterá as distintas divisións do texto coas súas respectivas epígrafes e tamén poderá incluír a referencia aos artigos que integran cada unha das divisións.

d) Parte expositiva.

13. Denominación da parte expositiva.

Nos anteproxectos de lei, a parte expositiva denomínase «exposición de motivos» e débese inserir así no texto correspondente, colocando a citada expresión centrada no texto e escrita con letras maiúsculas. Todos os anteproxectos de lei deberán levar exposición de motivos, ademais do resto da documentación ou dos antecedentes que a súa natureza particular exixa.

Nas demais disposicións non se titulará a parte expositiva.

14. Contido.

A función da parte expositiva é a de describir o contido da disposición, indicando o seu obxecto e finalidade, os seus antecedentes e as competencias e habilitacións en cuxo exercicio se dita, facendo mención á incidencia que poida ter na normativa en vigor, con especial atención aos aspectos novos. Se é preciso, resumirá sucintamente o contido da disposición co fin de lograr unha mellor comprensión do texto, pero non conterá partes do texto do articulado, pois á parte expositiva estalle vedado todo contido normativo, que se debe trasladar necesariamente á parte dispositiva do texto.

Deben evitarse nela as exhortacións, as declaracións didácticas, as frases laudatorias e outras manifestacións análogas.

Non debe confundirse a parte expositiva coa memoria xustificativa que ten que formar parte do expediente de elaboración da norma. A dita memoria debe recoller unha análise máis ampla da regulación normativa proxectada.

15. Consultas e informes.

Na parte expositiva deberanse destacar os aspectos máis relevantes da tramitación: consultas efectuadas, principais informes emitidos, audiencia das entidades e sectores afectados, etc. Esta información deberá figurar en parágrafo independente, antes da fórmula aprobatoria.

16. Contidos específicos.

Nos proxectos de decreto lexislativo, a parte expositiva deberá conter unha referencia expresa á lei en virtude da cal se efectúa a delegación. Pola súa vez, se esta última confire a potestade de refundir textos, especificarase se a habilitación autoriza ou non para os regularizar, aclarar ou harmonizar.

Nos proxectos de disposicións administrativas de carácter xeral incluirase unha referencia, se for o caso, á habilitación legal específica e ao chamamento que faga o lexislador ao ulterior exercicio, polo seu titular, da potestade regulamentaria.

17. División.

A parte expositiva non ten necesariamente que ser extensa, a menos que a complexidade ou a novidade do contido da parte dispositiva o aconsellen, sobre todo no caso dos anteproxectos de lei. Cando resulte longa, poderase dividir en partes, que se identificarán con números romanos centrados no texto.

18. Fórmula aprobatoria.

Os proxectos normativos, exceptuando os anteproxectos de lei, incluirán a fórmula aprobatoria destes, que se inserirá ao final da parte expositiva.

Nos proxectos de decreto lexislativo e nos proxectos de decreto a dita fórmula iniciarase co sintagma «na súa virtude» seguido da referencia ao conselleiro ou á conselleira propoñente, baixo a fórmula «por proposta de…». En caso de proposta conxunta, a referencia aos/ás conselleiros/as propoñentes farase baixo a fórmula «por proposta conxunta de…». A continuación, se o houber, deberá aludirse ao ditame do Consello Consultivo de Galicia empregando a fórmula que proceda de entre as previstas no artigo 11.5 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Por último, deberá facerse referencia á deliberación previa do Consello da Xunta na súa reunión da data de aprobación. O parágrafo pecharase cunha coma e, en liña inferior, colocarase, centrada e con maiúsculas, a palabra «DISPOÑO», seguida de dous puntos.

Nos proxectos de orde a ligazón farase mediante unha frase que comezará coa expresión «en consecuencia», «por isto» ou outra similar, e terminará coa palabra «ACORDO» ou «RESOLVO» en maiúsculas. No caso de regulamentos executivos, na fórmula aprobatoria deberá aludirse ao ditame do Consello Consultivo de Galicia nos termos indicados no citado artigo 11.5 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia.

Exemplos de fórmula aprobatoria:

«Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día…,

DISPOÑO:»

e) Parte dispositiva: disposicións xerais.

19. Natureza.

As disposicións xerais son aquelas que fixan o obxecto e o ámbito de aplicación da norma. Enténdese por obxecto a materia sobre a cal versa a norma mentres que o termo «ámbito de aplicación» designa as categorías de situacións de feito ou de dereito e as persoas a que se aplica a disposición.

Tamén é contido propio das disposicións xerais dunha norma recoller as definicións necesarias para unha mellor comprensión dalgúns dos termos empregados nela e, se for o caso, os principios xerais da regulación que establece.

20. Lugar de inclusión.

As disposicións xerais deberán figurar nos primeiros artigos da norma e son directamente aplicables xa que se inclúen na parte dispositiva.

Se a norma se divide en títulos, os artigos que conteñan disposicións xerais incluiranse no título preliminar, baixo a epígrafe «Disposicións xerais» ou outras do tipo «Ámbito e finalidade».

Se a norma se divide en capítulos, os artigos que conteñan disposicións xerais incluiranse no capítulo I, coa epígrafe antes sinalada.

f) Parte dispositiva: sistemática e división.

21. Ordenación interna.

A parte dispositiva ordenarase internamente, segundo proceda, adoptando a seguinte estrutura:

Disposicións xerais.

a) Obxecto.

b) Ámbito de aplicación.

c) Definicións.

d) Principios.

Parte substantiva.

e) Normas substantivas.

f) Normas organizativas.

g) Normas planificadoras.

h) Normas prescritoras de dereitos, obrigas, prohibicións e limitacións.

i) Infraccións e sancións.

Parte procedemental.

j) Normas procedementais.

k) Normas procesuais e de garantía.

Parte final.

l) Disposicións adicionais.

m) Disposicións transitorias.

n) Disposicións derrogatorias.

ñ) Disposicións derradeiras.

Anexos.

22. División.

O artigo é a unidade básica de toda disposición normativa, polo que esta división debe aparecer sempre nesas disposicións, calquera que for a extensión do texto. O articulado poderase dividir en:

a) Libros.

b) Títulos.

c) Capítulos.

d) Seccións.

e) Subseccións.

Non se pasará dunha unidade de división a outra omitindo algunha intermedia, salvo no caso das seccións, xa que os capítulos poderán dividirse en seccións e estas, se procede, en subseccións, ou ben directamente en artigos. Tamén, de maneira excepcional, pode haber títulos sen capítulos, cando estes non sexan necesarios, tal e como se indica na directriz 24.

23. Libros.

A división en libros é excepcional nas disposicións normativas. Unicamente os anteproxectos de lei ou os proxectos de decreto lexislativo moi extensos e con vocación de codificar un determinado sector do ordenamento xurídico se poderán dividir en libros.

Os libros irán numerados con ordinais expresados en letras e deberán ir titulados.

A composición será a seguinte:

LIBRO PRIMEIRO
(centrado, maiúscula, sen punto)

Dos dereitos e deberes
(centrado, minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente,
grosa, sen punto)

24. Títulos.

Soamente se dividirán en títulos as disposicións que conteñan partes claramente diferenciadas e cando a súa extensión así o aconselle.

Nos títulos agruparanse sistematicamente os capítulos, aínda que excepcionalmente pode haber títulos sen capítulos cando estes non sexan necesarios.

O título deberá ir numerado con romanos, salvo o disposto para as disposicións xerais ‒as cales, conforme o disposto na directriz 20, se situarán nun título preliminar, se a disposición se divide en títulos‒, e debe levar nome ou título.

A composición será a seguinte:

TÍTULO PRELIMINAR
(centrado, maiúscula, sen punto)

Disposicións xerais
(centrado, minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente,
grosa, sen punto)

ou

TÍTULO IX
(centrado, maiúscula, sen punto)

Réxime sancionador
(centrado, minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente,
grosa, sen punto)

25. Capítulos.

A división en capítulos non é obrigada senón que debe facerse soamente por razóns sistemáticas e non a causa da extensión do proxecto de disposición.

Os capítulos deben ter un contido materialmente homoxéneo, numeraranse con romanos e deben levar título.

A composición será a seguinte:

CAPÍTULO I
(centrado, maiúscula, sen punto)

Práctica das apostas
(centrado, minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente,
grosa, sen punto)

26. Seccións.

Trátase dunha subdivisión opcional dos capítulos. Só se dividirán en seccións os capítulos moi extensos e con partes claramente diferenciadas.

As seccións numeraranse con ordinais arábigos en feminino e deberán levar título.

A composición será a seguinte:

Sección 1ª. Edificios de uso público
(centrado, minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, cursiva, sen punto)

27. Subseccións.

Excepcionalmente as seccións de certa extensión poden dividirse en subseccións, cando regulen aspectos que admitan unha clara diferenciación dentro do conxunto.

As subseccións numeraranse con ordinais arábigos en feminino e deberán levar título.

A composición será a seguinte:

Subsección 1ª. A Comisión Galega de Protección Civil
(centrado, minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente,
cursiva, sen punto)

g) Parte dispositiva: artigos. Redacción e división.

28. Criterios de redacción.

Os criterios orientadores básicos na redacción dun artigo son os seguintes: cada artigo, un tema; cada parágrafo, un enunciado; cada enunciado, unha idea.

A información dos artigos ordenarase de forma lóxica, isto é, a idea central indicarase nun primeiro parágrafo seguido dos estritamente necesarios para expresar as especificacións que procedan.

Debe procurarse que o artigo constitúa unha unidade de sentido completa, de maneira que para comprendelo non sexa necesario recorrer ao artigo anterior nin ao posterior.

29. Contido normativo.

Deben dotarse os artigos de contido normativo, obviando motivacións ou explicacións, cuxo lugar adecuado é a parte expositiva da disposición. Tampouco deben conter desexos, intencións, declaracións nin formulacións innecesarias ou carentes de sentido.

Debe evitarse, así mesmo, o emprego de expresións de posibilidade ou excesivamente amplas xa que a redacción da norma nestes termos (por exemplo «poderá autorizar», «poderá establecer») ou mediante cláusulas abertas introduce incerteza á hora de interpretar e aplicar a norma en cuestión e mesmo pode ser fonte de arbitrariedade na actuación dos poderes públicos.

30. Numeración.

Os artigos deben numerarse con cardinais arábigos, desde o 1 ata o que corresponda, en orde correlativa e serie única, sen alterar nin interromper a numeración en ningún caso.

No suposto de que a disposición conteña un só artigo, este deberá designarse como «artigo único».

Nas normas modificativas observarase o disposto na parte correspondente ás especificidades deste tipo de normas.

31. Titulación.

Os artigos deberán levar un título ou epígrafe que indique concisamente o contido ou a materia a que se refiren.

Non pode repetirse o mesmo título ou epígrafe en distintos artigos dunha mesma disposición.

32. Composición.

A composición dos artigos será a seguinte:

Na marxe esquerda da liña superior á do texto do artigo correspondente escribirase a palabra «Artigo» en minúscula, salvo a primeira letra, citando a palabra completa, non a súa abreviatura, no mesmo tipo de letra que o texto e sen grosa nin subliñado nin cursiva. Despois da palabra «Artigo» debe ir o cardinal arábigo, seguido dun punto e un espazo. A seguir, en cursiva, debe colocarse o título do artigo en minúscula, salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, e sen punto ao final.

O contido do artigo porase na liña inferior ao seu título, en minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, sen grosa, nin subliñado nin cursiva.

Exemplo:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto regular (…).

33. Extensión.

Os artigos non deben ser excesivamente longos. Cada artigo debe conter un precepto, un mandato, unha instrución ou unha regra, ou máis dun, sempre que respondan a unha mesma unidade temática.

34. División do artigo.

No suposto de que os artigos sexan especialmente complexos, isto é, que regulen aspectos que se deban diferenciar con precisión, deben dividirse en números. Tamén se recorrerá á división do artigo en números cando, para introducir especificacións respecto da idea central sobre a que versa o artigo, sexan necesarios máis de dous ou tres parágrafos.

Estes números escribiranse con cardinais arábigos, a non ser que só haxa un. En tal caso, non se numerará.

Non é conveniente que os artigos teñan máis de catro números xa que o exceso de subdivisións dificulta a comprensión, polo que resulta máis adecuado transformalas en novos artigos.

Os distintos parágrafos dun número non se consideran subdivisións deste, polo que non deben ir numerados.

Cando deba subdividirse un número, farase en alíneas sinaladas con letras minúsculas, ordenadas alfabeticamente a partir do «a» e envoltas co signo de paréntese posterior. Usaranse todas as letras simples do alfabeto, pero non os dígrafos «ch» e «ll».

Cando o parágrafo ou bloque de texto deba, pola súa vez, subdividirse, circunstancia que debe ser excepcional, as divisións numeraranse correlativamente con ordinais arábigos, en masculino ou en feminino, segundo proceda (1º, 2º, 3º ou 1ª, 2ª, 3ª).

Non se deben utilizar en ningún caso guións, asteriscos nin outro tipo de marcas no texto da disposición.

Para a cita destas divisións internas dun artigo observarase o disposto na directriz 58.

35. Enumeracións.

As enumeracións que se realicen nun artigo deben respectar as seguintes regras:

a) Todos os ítems deben ser da mesma clase de modo que a enumeración debe ter un tema común.

b) Os ítems non deben ir sangrados, senón que terán as mesmas marxes que o resto do texto.

c) Cada ítem deberá concordar gramaticalmente coa fórmula introdutoria e co inciso final, se o hai.

d) As cláusulas introdutoria e de peche non estarán tabuladas.

e) Como norma xeral, a primeira letra de cada ítem escribirase con maiúscula e os ítems deberán separarse entre eles con punto e á parte. No caso de que a enumeración sexa unha lista ou relación formada unicamente por sintagmas nominais, cada ítem poderá iniciarse con minúscula e acabar cunha coma, excepto o penúltimo, que acabará coas conxuncións «ou» ou «e», e o último, que, de non haber cláusula de peche, acabará con punto e á parte.

f) Debe restrinxirse a utilización de puntos suspensivos mediante a súa substitución por unha cláusula de peche que dea cabida ao resto de supostos análogos aos que conforman a enumeración.

h) Parte final.

36. Clases de disposicións.

A parte final das normas poderá dividirse nas seguintes clases de disposicións e nesta orde, que se deberá respectar sempre:

a) Disposicións adicionais.

b) Disposicións transitorias.

c) Disposicións derrogatorias.

d) Disposicións derradeiras.

37. Criterio restritivo.

Deberá utilizarse un criterio restritivo na elaboración da parte final.

Só se incluirán os preceptos que respondan aos criterios que a definen.

As disposicións adicionais, no entanto, poderán incorporar as regras que non poidan situarse no articulado sen prexudicar a súa coherencia e unidade interna.

38. Criterios de prevalencia.

Na elaboración das disposicións da parte final teranse en conta os seguintes criterios:

a) O contido transitorio debe prevalecer sobre os demais.

b) O contido derrogatorio prevalecerá sobre o final e o adicional.

c) O contido final prevalecerá sobre o adicional.

39. Composición.

A composición das disposicións da parte final será a seguinte:

Na marxe esquerda da liña superior á do texto da disposición correspondente escribirase o tipo de disposición en minúscula, salvo a primeira letra da primeira palabra, citando as palabras completas, sen abreviaturas, no mesmo tipo de letra que o texto e sen grosa nin subliñado nin cursiva. A seguir débese escribir o ordinal en letra, seguido dun punto e un espazo. Despois figurará o título da disposición en cursiva e con minúsculas, salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, e sen punto ao final.

Nas liñas seguintes situarase o texto da disposición, en minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, sen grosa, nin subliñado nin cursiva.

Exemplo:

«Disposición adicional primeira. Consorcios autonómicos

O patrimonio dos consorcios autonómicos regularase polos seus estatutos.»

40. Numeración e titulación.

Cada unha das clases de disposicións en que se divide a parte final terá numeración correlativa propia, con ordinais femininos en letra. De haber unha soa disposición, denominarase «única».

As disposicións da parte final deben levar título.

41. Disposicións adicionais.

Estas disposicións deberán regular:

a) Os réximes xurídicos especiais que non poidan situarse no articulado. A orde destes réximes será a seguinte: territorial, persoal, económico e procesual.

O réxime xurídico especial implica a creación de normas reguladoras de situacións xurídicas diferentes das previstas na parte dispositiva da norma. Estes réximes determinarán de forma clara e precisa o ámbito de aplicación e a súa regulación será suficientemente completa para que poidan ser aplicados inmediatamente.

b) As excepcións, dispensas e reservas á aplicación da norma ou dalgún dos seus preceptos, cando non sexa posible ou adecuado regular estes aspectos no articulado.

c) Os mandatos e autorizacións non dirixidos á produción de normas xurídicas. Deberán usarse restritivamente e establecerán, se for o caso, o prazo dentro do cal se deberán cumprir.

d) Os preceptos residuais que, pola súa natureza e contido, non teñan acomodo en ningunha outra parte do texto da norma.

Exemplos:

«Disposición adicional primeira. Consello do Turismo de Galicia

No prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei constituirase o Consello do Turismo de Galicia.

Disposición adicional sexta. Réxime xurídico de determinados organismos

O Servizo Galego de Saúde rexerase polo establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e, no non previsto nela, pola presente lei».

42. Disposicións transitorias.

Estas disposicións teñen como finalidade facilitar o tránsito ao réxime xurídico previsto pola nova regulación.

O redactor examinará sempre os problemas de transitoriedade que a entrada en vigor da disposición poida orixinar.

As disposicións transitorias deben utilizarse con carácter restritivo e deberá delimitarse de forma precisa a aplicación temporal e material da disposición transitoria correspondente. Evitaranse fórmulas vagas e imprecisas como, por exemplo, «respectaranse os dereitos adquiridos».

Estas disposicións incluirán exclusivamente, e por esta orde, os preceptos seguintes:

a) Os que establezan unha regulación autónoma e diferente da establecida polas normas nova e antiga para regular situacións xurídicas iniciadas antes da entrada en vigor da nova disposición.

b) Os que declaren a pervivencia ou ultraactividade da norma antiga para regular as situacións xurídicas iniciadas antes da entrada en vigor da nova disposición.

c) Os que declaren a aplicación retroactiva ou inmediata da norma nova para regular situacións xurídicas iniciadas antes da súa entrada en vigor.

d) Os que, para facilitar a aplicación definitiva da nova norma, declaren a pervivencia ou ultraactividade da antiga para regular situacións xurídicas que se produzan despois da entrada en vigor da nova disposición.

e) Os que, para facilitar a aplicación definitiva da nova norma, regulen de modo autónomo e provisional situacións xurídicas que se produzan despois da súa entrada en vigor.

Non poden considerarse disposicións transitorias as seguintes: as que se limiten a diferir a aplicación de determinados preceptos da norma sen que isto implique a pervivencia dun réxime xurídico previo e as que deixan de ter eficacia cando se aplican unha soa vez.

Exemplo:

«Disposición transitoria única. Procedementos en tramitación

Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor da presente lei tramitaranse e resolveranse conforme a normativa vixente no momento da presentación da solicitude.»

43. Disposicións derrogatorias.

As disposicións derrogatorias conterán unicamente as cláusulas de derrogación do dereito vixente, que deberán ser precisas e expresas, evitando que pervivan no ordenamento xurídico diversas normas co mesmo ámbito de aplicación.

Así, deberá recollerse unha relación cronolóxica e exhaustiva de todas as disposicións derrogadas e pecharse a lista cunha cláusula xeral de salvagarda que delimitará a materia obxecto de derrogación e que será do seguinte teor: «Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto en…», indicando a seguir o tipo de norma.

A disposición derrogatoria incluirá, se for o caso, e nunha parte diferenciada, unha cláusula de vixencias que conterá unha relación cronolóxica e exhaustiva de todas as disposicións sobre a materia que continuarán vixentes.

Non é preciso exceptuar da derrogación o disposto nas disposicións transitorias, pois as disposicións derrogatorias non prevalecen sobre estas tal e como establece a directriz 38.

Exemplo:

«Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto na presente lei.

2. Mantén a súa vixencia, no que non resulte incompatible coa presente lei, o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, en canto non entren en vigor as disposicións de desenvolvemento da presente lei que o substitúan.»

44. Disposicións derradeiras.

As disposicións derradeiras incluirán, por esta orde:

a) Os preceptos que modifiquen o dereito vixente, cando a modificación non sexa obxecto principal da disposición. Tales modificacións terán carácter excepcional.

b) As cláusulas de salvagarda do rango de certas disposicións ou de competencias alleas.

c) As regras de supletoriedade, se for caso.

d) A incorporación, cando proceda, do dereito comunitario.

e) As autorizacións e mandatos dirixidos á produción de normas xurídicas (tales como habilitacións de desenvolvemento regulamentario, mandatos de presentación de proxectos normativos, autorización de modificación futura do contido dos anexos da propia norma para adaptalos a novas situacións, e similares).

As cláusulas de habilitación regulamentaria dirixiranse á persoa titular do órgano e delimitarán o ámbito material e, se procede, os prazos e os principios e criterios que deberá conter o futuro desenvolvemento. Estas cláusulas deberán evitar ser xenéricas, tratando de concretar, na medida do posible, os desenvolvementos regulamentarios futuros.

f) As regras sobre a entrada en vigor da norma e, se for o caso, sobre a finalización da súa vixencia.

A entrada en vigor fixarase preferentemente sinalando o día, mes e ano en que se deba producir.

Fixarase por referencia á publicación cando a nova disposición deba entrar en vigor de forma inmediata e a fórmula correcta é «entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación» (e non «ao día seguinte da súa publicación»).

A vacatio legis deberá posibilitar o coñecemento material da norma e a adopción das medidas necesarias para a súa aplicación, de maneira que soamente con carácter excepcional a nova disposición preverá a entrada en vigor no mesmo momento da súa publicación.

No caso de non se establecer ningunha indicación, a norma entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación, de acordo co disposto no Código civil e no artigo 44 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No caso de que a entrada en vigor sexa gradual, deberán especificarse con toda claridade os artigos cuxa entrada en vigor se atrasa ou adianta, así como o momento en que debe producirse a súa entrada en vigor, da seguinte maneira: «A presente lei (decreto ...) entrará en vigor ..., excepto os títulos (capítulos/artigos ...) que o farán ...».

Se o que se atrasa é a produción de determinados efectos, a especificación de cales son e cando terán plena eficacia farase tamén nunha disposición derradeira que fixe a eficacia temporal da norma nova, salvo cando isto implique a pervivencia temporal da norma derrogada, que é propio dunha disposición transitoria.

Exemplos:

«Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

1. Nun prazo non superior a doce meses desde a entrada en vigor desta lei a Administración xeral da Comunidade Autónoma desenvolverá:

a) A regulación dos espazos tecnolóxicos e das áreas de innovación previstos no capítulo IV desta lei.

b) O regulamento de funcionamento do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia.

c) O regulamento do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación.

d) O regulamento do Observatorio de Innovación de Galicia.

2. Autorízase a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para ditar e modificar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta lei».

45. Antesinatura.

Os proxectos de disposición administrativa de carácter xeral e de decreto lexislativo incorporarán a antesinatura correspondente de quen vaia asinar e, se for o caso, referendar a disposición.

i) Anexos.

46. Localización e composición.

Se a disposición leva anexos, estes deberán figurar a seguir dos espazos en branco correspondentes á data e á sinatura ou sinaturas.

Os anexos deberán ir numerados con romanos, a non ser que haxa un só (en tal caso, non se numerará), e titulados coa denominación que faga referencia ao seu contido respectivo.

A composición dos anexos será a seguinte:

ANEXO I
(centrado, maiúscula, sen punto)

Modelo de distintivo
(centrado, en minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, grosa, sen punto)

47. Referencia na parte dispositiva.

Na parte dispositiva da norma haberá sempre unha referencia clara e expresa ao anexo ou, se son varios, a cada un deles.

48. Contido.

Os anexos conterán:

a) Conceptos, regras, requisitos técnicos, gráficos, planos, táboas, series numéricas e outros elementos que non poidan expresarse mediante a escritura.

b) Relacións de persoas, bens, lugares, etc., respecto dos cales haxa que concretar a aplicación das disposicións do texto.

c) Acordos ou convenios que o texto dota de valor normativo.

d) Outros documentos que, pola súa natureza e contido, deban integrarse na disposición como anexo.

49. Normas aprobatorias.

Non deben considerarse nin denominarse anexos, aínda que a súa localización na norma sexa similar, os textos articulados ou refundidos aprobados mediante decreto lexislativo, nin os regulamentos, estatutos ou outras normas que se aproban mediante a disposición de que se trate. En relación con esta cuestión, debe observarse o disposto nas directrices 86 a 89.

50. Modificación dos anexos.

Cando se considere necesario e a natureza do anexo o permita, as cláusulas de habilitación para o desenvolvemento regulamentario poderán autorizar para a modificación do contido dos anexos.

51. División.

Como norma xeral, as divisións do anexo adecuaranse ás regras de división do articulado.

j) Remisións.

52. Natureza.

Prodúcese unha remisión cando unha disposición se refire a outra ou outras de modo que o contido destas últimas deba considerarse parte integrante dos preceptos incluídos na primeira.

As remisións deberán indicar que o son e precisar o seu obxecto con expresión da materia, a norma á cal remiten e o alcance.

53. Non proliferación.

Deberá evitarse a proliferación de remisións. O recurso a estas administrarase con prudencia e sobriedade.

54. Uso da remisión.

As remisións utilizaranse cando simplifiquen o texto da disposición e non prexudiquen a súa comprensión ou reduzan a súa claridade.

55. Indicación da remisión.

A remisión deberá indicarse mediante expresións como «de acordo con» ou «de conformidade con».

Debe advertirse que as consecuencias das remisións introducidas pola fórmula «sen prexuízo» con frecuencia distan moito de ser claras. En particular, poden existir contradicións entre a disposición en que se fai a remisión e a norma á cal remite, o que poderá evitarse delimitando mellor o ámbito de aplicación. Ademais, é superfluo remitir mediante esta fórmula a disposicións de rango superior, xa que estas son de aplicación en calquera caso.

56. Modo de realización.

A remisión non debe limitarse a indicar un determinado número dun artigo, senón que deberá incluír unha mención conceptual que facilite a súa comprensión. Por tanto, a remisión non debe realizarse xenericamente ás disposicións, senón, no posible, ao seu contido textual, para que o principio de seguridade xurídica non se resinta.

57. Remisións cruzadas e remisións encadeadas.

Unha remisión cruzada é aquela que se efectúa a outra norma que remite, pola súa vez, á norma que fixo a remisión.

Unha remisión encadeada é unha remisión a outra norma que remite, pola súa vez, a unha terceira norma e así sucesivamente.

En prol da mellor comprensión das disposicións normativas, deben evitarse ambos os tipos de remisións.

k) Citas.

58. Cita curta e decrecente.

Deberase utilizar a cita curta e decrecente, respectando a forma en que estea numerado o artigo, coa seguinte orde: número do artigo, número da división e, se for o caso, a alínea ou parágrafo de que se trate (exemplo: «de conformidade co artigo 14.1.a), parágrafo segundo, da Orde ...»).

Só se permitirá a excepción cando se trate da identificación dun precepto que se vaia modificar. En tal caso, poderá extraerse da cita decrecente o precepto exacto que sofre a modificación (exemplo: «O terceiro parágrafo do artigo 17.3.b) queda redactado da seguinte maneira:»).

Non se admitirá a cita ascendente, salvo que afecte anexos en que non se siga a división interna prevista nestas directrices.

59. Economía de cita.

Cando se cite un precepto da mesma disposición, non deberán utilizarse expresións tales como «da presente lei» ou «deste decreto», excepto cando se citen conxuntamente preceptos da mesma disposición e doutra diferente. Actuarase da mesma maneira cando a cita afecte unha parte do artigo en que aquela se produce.

60. Cita dunha serie de artigos.

Cando se cite unha serie de preceptos, deberá quedar claro cal é o primeiro e cal o último dos citados, mediante o uso de expresións tales como «ambos inclusive».

61. Innecesaria mención do diario oficial.

Nas citas non se deberá mencionar o diario oficial en que se publicou a disposición ou resolución citada.

62. Cita da Constitución e dos estatutos de autonomía.

A cita da Constitución debe realizarse sempre polo seu nome: Constitución española. Non deben utilizarse para a súa cita sinónimos tales como «norma suprema», «norma fundamental», etc.

Os estatutos de autonomía poden citarse de forma abreviada coa súa denominación propia, sen necesidade de incluír a referencia á lei orgánica pola cal se aproban (por exemplo: Estatuto de autonomía de Galicia).

63. Cita de normas.

A cita debe incluír o título completo da norma: tipo (completo), número e ano (cos catro díxitos), separados por unha barra inclinada, data e nome.

Tanto a data da disposición como o seu nome deben escribirse entre comas.

Exemplo:

«... de acordo co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e normas que a desenvolvan.»

Exceptúanse desta regra aquelas normas preconstitucionais que se encontran aínda en vigor e que, pola súa antigüidade, non poden adecuarse aos criterios de cita fixados, polo que se deberán citar polo seu nome, por exemplo: Lei hipotecaria, Código civil ou Código de comercio.

64. Primeira cita e citas posteriores.

A primeira cita dunha norma, tanto na parte expositiva como na parte dispositiva, deberá realizarse completa e poderá abreviarse nas demais ocasións sinalando unicamente o tipo, o número e o ano, se for o caso, e a data.

Xunto a isto, salvo que outra cousa se indique expresamente, a referencia a unha norma sobreenténdese á redacción vixente en cada momento, polo que non é procedente que na parte dispositiva se cite unha norma con referencia a todas as súas modificacións. Esta regra non rexe para o caso da cita de normas na parte expositiva, pois esta, polo seu carácter explicativo, admite a mención dunha norma seguida da das súas modificacións cando isto sexa preciso para describir os antecedentes e as razóns que motivan a aprobación da nova norma.

65. Cita de ordes ministeriais.

No caso de ordes ministeriais publicadas no Boletín Oficial del Estado, a cita realizarase segundo o disposto no Acordo do Consello de Ministros, do 21 de decembro de 2001, polo que se dispón a numeración das ordes ministeriais que se publican no «Boletín Oficial del Estado», feito público mediante a Orde do 21 de decembro de 2001.

O resto das ordes ministeriais citarase do seguinte modo: tipo, ministerio, data (día, mes e ano) e nome.

Exemplo:

«De acordo co artigo único da Orde HAP/490/2013, do 27 de marzo, pola que se modifica a Orde HAP/2662/2012, do 13 de decembro, pola que se aproba o modelo 696 de autoliquidación e o modelo 695 de solicitude de devolución da taxa polo exercicio da potestade xurisdicional nas ordes civil, contencioso-administrativa e social e se determinan o lugar, forma, prazos e os procedementos de presentación.»

66. Cita de normas autonómicas.

Nas citas de normas doutras comunidades autónomas debe sinalarse, detrás do tipo, o nome oficial da comunidade autónoma que corresponda.

67. Cita de normativa comunitaria.

As normas comunitarias citaranse seguindo os seguintes modelos:

«Regulamento (UE) nº 1215/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2012, relativo á competencia xudicial, ao recoñecemento e á execución de resolucións xudiciais en materia civil e mercantil.

Directiva 2014/25/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, relativa á contratación por entidades que operan nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais e pola que se derroga a Directiva 2004/17/CE.

Decisión 2013/776/UE de execución da Comisión, do 18 de decembro de 2013, pola que se crea a Axencia Executiva no Ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural e se derroga a Decisión 2009/336/CE.»

68. Cita de acordos de órganos colexiados de goberno.

No caso de acordos de órganos colexiados de goberno (como o Consello da Xunta ou o Consello de Ministros), a cita realizarase do seguinte modo: tipo, órgano, data (día, mes e ano) e nome.

Tanto a data do acordo como o seu nome deben escribirse entre comas.

Exemplo:

«De acordo co disposto no punto primeiro do Acordo do Consello da Xunta, do 5 de xuño de 2014, polo que se aproba a modificación da relación de postos de traballo da Axencia Galega de Innovación, e coa finalidade de cumprir o dito punto…»

69. Cita de resolucións administrativas.

Se se trata de resolucións, a cita realizarase do seguinte modo: tipo, órgano, data (día, mes e ano) e título ou resumo do seu contido.

Exemplo:

«De acordo co disposto na Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, do 12 de febreiro de 2014, pola que se publica o Protocolo xeral de colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia polo que se establecen os principios para a localización e condicións da base da brigada de reforzo contra incendios forestais e actuación do seu persoal.»

70. Cita de resolucións xudiciais.

As sentenzas do Tribunal Constitucional deben citarse do seguinte modo: Sentenza ou sentenzas do Tribunal Constitucional ou STC (sen variación no plural), número e ano (cos catro díxitos), separados por unha barra inclinada, data (día e mes) e asunto.

Os fundamentos xurídicos da sentenza, en caso de que se requiran, poderanse citar mediante as abreviaturas «f.x.» ou «ff.xx.» seguidas do cardinal escrito en cifras.

A identificación das sentenzas dos tribunais e xulgados que non estean numeradas, así como a das providencias ou autos, realizarase citando todos os seus elementos identificativos: tipo, órgano, data (completa) e asunto.

Tanto a data da resolución como o nome do asunto deberán escribirse entre comas.

71. Cita do diario oficial.

A cita dun número do Diario Oficial de Galicia, do Boletín Oficial del Estado, dos boletíns doutras comunidades autónomas e do Diario Oficial de la Unión Europea realizarase do seguinte modo: denominación do diario oficial, número e data (día, mes e ano).

Exemplo:

«Esta disposición publicouse no Diario Oficial de Galicia número 104, do 3 de xuño de 2014, (…)».

72. Citas de órganos administrativos.

Os órganos administrativos deben denominarse por referencia ás competencias que teñen atribuídas, en lugar de utilizar o nome que puntualmente corresponda ao órgano no momento de aprobación da norma. Con isto sálvase o carácter conxuntural inherente á organización administrativa, evitando posibles descoordinacións na nomenclatura dos órganos administrativos como consecuencia de modificacións futuras.

II. Especificidades das disposicións modificativas.

73. Carácter restritivo.

Como norma xeral, é preferible a aprobación dunha nova disposición á coexistencia da norma orixinaria e as súas posteriores modificacións. Por tanto, as disposicións modificativas deberán utilizarse con carácter restritivo.

74. Tipos.

As disposicións modificativas poden ser de nova redacción, de adición, de derrogación, de prórroga de vixencia ou de suspensión de vixencia.

75. Restrición das modificacións múltiples.

Deben evitarse as modificacións múltiples (de varias normas nunha mesma disposición modificativa) porque alteran o principio de división material do ordenamento e prexudican o coñecemento e a localización das disposicións modificadas.

76. Contido.

Na medida do posible, a norma modificativa non debe conter disposicións materiais (salvo a entrada en vigor) distintas da modificación, pois a norma que non ten outro obxecto que a modificación carece doutro alcance xurídico e, por tanto, esgota os seus efectos coa súa entrada en vigor, subsistindo soamente a lei modificada na súa nova redacción, que continúa a regular o conxunto da materia.

Precisamente, ao integrarse as modificacións no texto da norma preexistente, debe respectarse a súa estrutura e a súa terminoloxía.

En particular, co obxectivo de evitar a dispersión normativa, nas normas de carácter temporal (particularmente a Lei de orzamentos) e naquelas normas que recollan modificacións múltiples deberá evitarse, na medida do posible, a introdución de disposicións materiais novas de vixencia indefinida, sendo sempre preferible a modificación dunha norma anterior relativa ao mesmo obxecto que se quere regular á introdución dun artigo ou disposición nova que quedaría illada do resto de normativa do seu ámbito.

77. Título.

O título dunha disposición modificativa indicará que se trata dunha disposición desta natureza, así como o título das disposicións modificadas, sen mencionar o diario oficial en que se publicaron.

En ningún caso deberán figurar no título os artigos ou as partes da disposición que resultan modificados, aínda que poderá incluírse a referencia ao contido esencial da modificación que se introduce cando esta se refira a aspectos concretos da norma que modifica.

Se se trata de disposicións de prórroga ou de suspensión de vixencia, deberá reflectirse explicitamente esta circunstancia no título da disposición.

A expresión que debe conter o título é a seguinte: «(tipo) ... polo/la que se modifica o/a  …».

78. División.

Posto que a regra xeral é que as modificacións moi extensas deben xerar unha norma completa de substitución, as disposicións modificativas soamente se dividirán en capítulos ou títulos de modo excepcional.

Por tanto, a unidade de división das normas modificativas será normalmente o artigo. Os artigos numeraranse con ordinais escritos en letras e destacaranse tipograficamente do seguinte modo:

Na marxe esquerda da liña superior á do texto do artigo correspondente escribirase a palabra «Artigo» en minúscula, salvo a primeira letra, citando a palabra completa, non a súa abreviatura, no mesmo tipo de letra que o texto e en grosa, sen subliñado nin cursiva. Despois da palabra «Artigo» colocarase o ordinal escrito con letras en grosa, seguido dun punto e un espazo. A seguir debe figurar o título do artigo en cursiva e con minúsculas, salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, e sen punto ao final.

O contido do artigo porase na liña inferior ao seu título, en minúscula salvo a maiúscula inicial e as que procedan ortograficamente, sen grosa, nin subliñado nin cursiva.

Exemplo:

«Artigo primeiro. Modificación do Decreto ...

O artigo 5 do Decreto ... queda redactado da seguinte maneira:»

79. Estilo.

A modificación dunha norma pode levarse a cabo de dous formas distintas: mediante o estilo de regulación ou mediante o estilo de modificación.

O estilo de regulación consiste en dar unha nova redacción aos preceptos modificados.

O estilo de modificación consiste en substituír algunhas palabras ou expresións da norma modificada sen dar unha nova redacción a todo o parágrafo, artigo ou á propia norma.

Como regra xeral, as normas modificativas deben utilizar o estilo de regulación, no cal o texto marco e o texto de regulación a que se refiren as directrices 80 e 81 deben ir separados.

O estilo de modificación utilizarase exclusivamente nos casos de substitución de palabras illadas, de cambio reiterado das mesmas expresións en distintos lugares da norma, de alteración de cantidades ou outros análogos. Se se utiliza este estilo, destacaranse as expresións que se cambian, así como as novas. Por exemplo, unhas e outras irán entre comiñas.

Exemplo:

O artigo 5 da Lei (…) queda modificado no sentido de substituír a palabra «vinte e un» por «dezaoito».

80. Texto marco.

O texto marco non debe confundirse co título do artigo. É o que indica as disposicións que se modifican e como se produce a súa modificación. Deberá expresar con claridade e precisión os datos da parte que modifica e o tipo de modificación realizada (adición, nova redacción, supresión, etc.).

81. Texto de regulación.

O texto de regulación é o novo texto en que consiste precisamente a modificación. Deberá ir separado do texto marco, en parágrafo á parte, entre comiñas e sangrado, co fin de resaltar tipograficamente que se trata do novo texto.

82. Modificación simple.

No caso de que a disposición modifique unha soa norma, conterá un artigo único titulado coa identificación completa da norma modificada detrás da expresión «modificación de».

A seguir inserirase o texto marco.

Se a modificación afecta varios preceptos dunha soa norma, o artigo único dividirase en partes, unha por precepto, nas cales se inserirá como texto marco unicamente a referencia ao precepto que se modifica, sen especificar o título da norma, que xa se especifica no parágrafo introdutorio. Estas partes numeraranse con cardinais escritos en letra (un, dous, tres ...).

Exemplos:

a) Exemplo de modificación simple dun único precepto:

«Artigo único. Modificación do Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas

O número 1 do artigo 10 do Decreto 60/2007, do 22 de marzo, polo que se regulan os cursos de formación en materia de benestar animal, se establece o procedemento de autorización das entidades de formación e se crea o rexistro destas, queda redactado da seguinte maneira:

«1. A vixencia da autorización será ilimitada a partir da data de resolución da autorización, sen prexuízo do disposto no número seguinte.»

b) Exemplo de modificación simple que afecta varios preceptos dunha norma:

«Artigo único. Modificación do Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios

O Decreto 12/2009, do 8 de xaneiro, polo que se regula a autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 5 queda redactado como segue:

«Artigo 5. Solicitude de autorización

1. A presentación das solicitudes realizarase soamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.»

Dous. Suprímese o número 1 do artigo 7.

Tres. Suprímese o número 3 do artigo 8.»

83. Modificación múltiple.

Tal e como se sinala na directriz 75, con carácter xeral, non son recomendables as modificacións múltiples, polo que deben efectuarse en casos excepcionais.

En tales casos deben utilizarse unidades de división distintas para cada unha das disposicións modificadas. Así, destinarase un artigo distinto, coa súa numeración ordinal en letra e o seu título, para cada unha delas. Cada artigo citará na súa epígrafe o título completo da norma que se modifique detrás da expresión «modificación de».

O texto marco inserirase a seguir.

Se a modificación afecta varios preceptos dunha norma, o artigo correspondente dividirase en puntos, un por precepto, nos cales se inserirá como texto marco unicamente a referencia ao precepto que se modifica, sen especificar o título da norma, que xa se especifica no parágrafo introdutorio.

Por conseguinte, deberán utilizarse tantos artigos como normas modificadas e tantos puntos como preceptos modificados.

84. Normas non modificativas que conteñen preceptos modificativos.

Se un proxecto de disposición non propiamente modificativo contén tamén modificacións doutra ou doutras disposicións, circunstancia que só se dará de maneira excepcional, pode optarse por incluír estas nas disposicións derradeiras, indicando no título da disposición correspondente que se trata dunha modificación, así como o título das disposicións modificadas, ou por destinar un capítulo ou título da norma, segundo proceda, a recoller as modificacións.

85. Orde das modificacións.

Se se trata de modificacións múltiples, as disposicións modificativas seguirán a orde de aprobación das disposicións afectadas.

As modificacións de preceptos dunha mesma norma seguirán a orde da súa división interna.

86. Reprodución íntegra de puntos ou parágrafos.

No caso de que se modifiquen varios puntos ou parágrafos dun artigo, o contido deste reproducirase integramente. Se se trata de modificacións menores, cabe admitir a nova redacción unicamente do punto ou parágrafo afectados.

87. Non alteración da numeración orixinal.

Para evitar alteracións no articulado da disposición, cando se supriman artigos completos deberase acudir á declaración de artigos sen contido.

Nas modificacións consistentes en engadir algún artigo novo na disposición orixinal, manterase a numeración do articulado orixinario co fin de non alterar o xogo de remisións que se podería facer a el noutras disposicións. Para non cambiala, os artigos engadidos recibirán o número do artigo despois do cal se sitúen seguido do adverbio numeral latino que por orde corresponda (bis, ter, quáter). Esta regra aplicarase con independencia do número de artigos de que consta a norma modificada, incluíndo, por tanto, os supostos de adición a disposicións de artigo único.

Non obstante, nos casos en que se engadan artigos novos ao final da disposición que se modifica, continuarase a numeración dos artigos desta última.

O disposto nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo de que toda modificación que implique a adición de máis de tres novos artigos debería xerar a redacción dunha nova disposición.

III. Especificidades relativas aos decretos aprobatorios.

Os decretos aprobatorios de regulamentos, estatutos, regulamentacións técnicas ou outras normas axustaranse ás regras formais contidas nas directrices que seguen.

88. Título.

O título do proxecto de decreto aprobatorio indicará que se trata dun proxecto desta natureza, de acordo co seguinte modelo:

«Decreto polo que se aproba/aproban ...».

89. Artigo único.

O proxecto conterá un artigo único, que se titulará: «Aprobación do Regulamento», «Aprobación dos Estatutos» ..., e o seu contido axustarase ao seguinte modelo:

«Apróbase/apróbanse o/os Regulamento/os Estatutos de ..., cuxo texto se inclúe a seguir.»

90. Parte final.

A parte final figurará, como norma xeral, no corpo do decreto aprobatorio; antes, por tanto, que o texto do regulamento, do estatuto ou da norma obxecto de aprobación.

91. Texto normativo aprobado.

A seguir da parte final incluirase a versión literal do texto normativo aprobado, coa súa propia estrutura de artigos (e os seus agrupamentos e subdivisións) e complementado, se for o caso, polos anexos.

En caso de que os estatutos ou o regulamento aprobados teñan parte expositiva, esta non se titulará.

IV. Criterios lingüísticos xerais.

92. Linguaxe clara e precisa, de nivel culto, pero accesible.

O destinatario das normas xurídicas é a cidadanía. Por isto, deben redactarse nun nivel de linguaxe culto, pero accesible para o cidadán medio.

Neste sentido, a redacción dos textos normativos debe ser:

a) Clara, isto é, de fácil comprensión, desprovista de equívocos,

b) Sinxela, é dicir, concisa, desprovista de elementos superfluos e

c) Precisa, de modo que non deixe lugar a dúbidas no lector.

Utilizarase un repertorio léxico común, nunca vulgar, e recorrerase, cando proceda, ao emprego de termos técnicos dotados de significado propio. Nese caso, engadiranse descricións que os aclaren. Para isto, tanto no caso de emprego de termos técnicos como, en xeral, cando exista risco de confusión na interpretación semántica dun termo, é conveniente acudir á técnica das definicións, inserindo ao comezo da norma a definición que aclare o sentido con que o termo en cuestión é utilizado nela e empregándoo en todo o documento con igual sentido.

A alternativa de establecer un catálogo de definicións non poderá substituírse polo emprego de locucións aclaratorias entre parénteses.

93. Emprego de linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

Evitarase o uso de estranxeirismos cando se dispoña dun equivalente nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma, a utilización de palabras e construcións lingüísticas inusuais, así como a españolización ou galeguización de termos estranxeiros cando nos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia teñan outro significado. Tamén debe limitarse o uso de léxico latino ao realmente imprescindible.

94. Terminoloxía uniforme.

É conveniente manter unha terminoloxía unitaria ao longo do texto, evitando a utilización de sinónimos e xiros diferentes para expresar unha mesma idea.

Débese gardar, pois, unha coherencia terminolóxica que implica utilizar os mesmos termos para expresar os mesmos conceptos e non usar termos idénticos para expresar conceptos diferentes. Todo isto co fin de eliminar toda ambigüidade, contradición ou dúbida en canto ao significado dun concepto.

94. Estrutura gramatical.

A redacción do texto normativo debe buscar a claridade expresiva por medio dunha estrutura gramatical correcta, sinxela e directa, próxima ao nivel común.

A claridade e sinxeleza exixen respectar a orde normal dos elementos da oración, prescindindo do hipérbato, e evitar todo aquilo que, sen engadir precisións de contido, complique ou recargue innecesariamente a redacción da norma como, por exemplo, o emparellamento de sinónimos léxicos ou sintácticos, as locucións prepositivas e adverbiais, os epítetos triviais, as perífrases, os sintagmas superfluos e as construcións nominais que poden ser substituídas por verbos simples (por exemplo, «iniciar» en lugar de «proceder ao inicio»).

Nesa mesma liña, evitarase o uso de formas pasivas, tanto das que se forman co verbo ser como das pasivas con «se» ou reflexivas, cando o máis correcto ou adecuado sexan as expresións activas. Por exemplo: «Os solicitantes presentarán os anteriores documentos xunto coa súa solicitude», e non «Polos solicitantes serán presentados os anteriores documentos xunto coa súa solicitude» nin «Por parte dos solicitantes presentaranse os anteriores documentos xunto coa súa solicitude».

Tamén é preferible o emprego das frases en sentido positivo, sempre que sexa posible sen mingua da intención da mensaxe, ao seren máis directas e facilmente comprensibles que as de sentido negativo. E, sobre todo, debe evitarse a negativa dobre que adoita requirir dunha segunda e moi atenta lectura para interpretar correctamente o que se pretende transmitir.

96. Fuxida da pobreza de expresión.

O decoro lingüístico das normas xurídicas obriga, dentro da sinxeleza, a coidar a propiedade e a fuxir da pobreza de expresión.

Neste sentido deben evitarse, pola súa pobreza lingüística, as expresións e locucións de sentido moi xeral que parecen servir para todo e dispensar da procura de termos máis precisos para cada ocasión. Incórrese nisto cando se utilizan verbos de sentido moi xeral (por exemplo, «facer un expediente» en lugar de «tramitar un expediente») ou cando se abusa de comodíns léxicos difundidos: «paquete de medidas» por «conxunto de medidas» ou, simplemente, «medidas».

Tamén deben evitarse na redacción do articulado as redundancias e as reiteracións de palabras.

97. Uso non sexista da linguaxe.

En cumprimento das previsións contidas no artigo 14 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e dos artigos 17 e 18 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, na redacción dos textos utilizarase unha linguaxe que evite o uso de formas discriminatorias ou androcéntricas, de modo que a terminoloxía empregada estea en harmonía co principio de igualdade de sexos.

98. Signos ortográficos.

Os signos ortográficos constitúen elementos esenciais da redacción. Contribúen de maneira decisiva a dar ás frases o sentido que se pretende pois tanto a súa omisión como a súa colocación indebida ou equivocada o terxiversan a miúdo, polo que se debe gardar especial coidado no seu correcto uso.

Como regra xeral, escríbense unidos á palabra anterior e separados da seguinte, se a hai, por un espazo.

99. Uso específico das maiúsculas nos textos normativos.

O uso das maiúsculas debe restrinxirse o máximo posible.

As letras maiúsculas deben acentuarse graficamente sempre que o exixan as regras de acentuación.

Ademais de cumprir as normas ortográficas, na cita de disposicións seguiranse as seguintes recomendacións, atendendo á especial natureza da linguaxe xurídico-administrativa:

a) Escribirase con maiúscula inicial o tipo de disposición cando sexa citada como tal e coa súa denominación oficial completa ou abreviada.

Exemplo:

«... de acordo co disposto na Lei 14/2013, do 26 de decembro, (…)»

b) Non se escribirá con maiúscula inicial o tipo de disposición cando no texto se faga referencia á propia norma ou a unha clase xenérica de disposición.

Exemplo:

«Esta lei entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

c) A parte citada dunha norma escribirase en minúscula: artigo, número, parágrafo, disposición derradeira primeira, capítulo, sección, título, libro.

100. Denominacións oficiais.

As normas deben respectar nas súas citas as denominacións oficiais de países, divisións territoriais, entes locais, institucións e organismos oficiais, que se deben citar sempre coa súa denominación completa.

101. Concordancias de xénero e número.

Debe coidarse a correcta concordancia en xénero (masculino ou feminino) e número (singular ou plural) entre o substantivo e o artigo e o adxectivo ou os adxectivos que acompañan o substantivo. Tamén deberán concordar o suxeito e o verbo.

102. Abreviaturas.

Non é aconsellable o uso de abreviaturas nos textos normativos porque a economía de tempo e espazo que supoñen non compensa a posible perda de transparencia, sobre todo se se trata de abreviaturas non bastante coñecidas ou que susciten dúbidas.

103. Uso específico de siglas.

O uso das siglas pode xustificarse dentro dunha disposición para evitar formulacións longas e repeticións.

Só se deben empregar aquelas siglas que son, por arraigadas, moi coñecidas, as que corresponden a institucións e organismos moi estables (e non as de simples órganos administrativos que poden ser obxecto de reformas e modificacións) e, nas normas dirixidas a destinatarios sectoriais moi específicos, as usuais no sector.

En todo caso, cando aparezan por primeira vez (fóra do título e da parte expositiva), deben indicarse mediante a súa inclusión entre parénteses ou entre comas precedida da expresión «en diante» e deben escribirse en maiúsculas sen puntos nin espazos de separación.