Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 14 de novembro de 2014 Páx. 47378

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de outubro de 2014 pola que se designa novo vogal da Comisión Xestora do municipio de Oza–Cesuras.

Os municipios de Cesuras e Oza dos Ríos culminaron no ano 2013 un pioneiro procedemento de fusión para constituírense nun único municipio. O devandito proceso rematou coa aprobación do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras.

O citado Decreto 83/2013, do 6 de xuño, establece na súa disposición adicional que, mediante orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, se procederá ao nomeamento dunha comisión xestora, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais e cuxo número de membros será igual ao de concelleiros segundo a poboación resultante do novo concello.

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2013 da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 10 de xuño, procedeuse á designación dos membros da Comisión Xestora do municipio fusionado de Oza-Cesuras, que se constituíu no día 14 de xuño de 2013.

A Comisión Xestora, en sesión extraordinaria do 28 de abril de 2014, tomou coñecemento da renuncia presentada por José Antonio Pedreira Manteiga a formar parte da Comisión Xestora e remitiu certificación do acordo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos oportunos.

A seguinte persoa na lista do BNG con dereito a acceder a ser vogal, presentou escrito renunciando a formar parte da Comisión Xestora, do cal tomou coñecemento a mesma comisión na sesión do 30 de xuño de 2014. A seguinte persoa na lista do BNG sería Sagrario Aránzazu Sánchez Varela. Constatouse formalmente que non foi presentado escrito ningún de renuncia ao seu dereito a ser concelleira como membro da lista do BNG nas eleccións ao municipio de Oza nin tampouco renuncia ao seu dereito a ser vogal da Comisión Xestora de Oza-Cesuras.

En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e dando cumprimento ao establecido na disposición adicional do Decreto 83/2013, do 6 de xuño, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cesuras e Oza dos Ríos e se constitúe o municipio de Oza-Cesuras,

DISPOÑO:

Primeiro. Designar como novo membro da Comisión Xestora do municipio de Oza-Cesuras en substitución de José Antonio Pedreira Manteiga a Sagrario Aránzazu Sánchez Varela.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza