Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 30 de outubro de 2014 Páx. 45897

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 23 de setembro de 2014 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Innovapyme Galicia e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Vista a documentación pola que se inicia o expediente de extinción da Fundación Innovapyme Galicia, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes,

Feitos.

Primeiro. Con data do 3 de xullo de 2014 presentouse no Rexistro Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a solicitude de ratificación do acordo de extinción da Fundación Innovapyme Galicia, adoptado polo padroado.

Segundo. A fundación constituíuse en escritura pública na data 22 de novembro de 2006, foi clasificada como de interese industrial por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 23 de xaneiro de 2007 e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Innovación e Industria do 14 de marzo de 2007, e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2006/22.

Terceiro. Os fins da fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, consisten en promover e contribuír eficazmente á investigación científica, así como ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación en todas as súas manifestacións no ámbito da Comunidade Autónoma galega. O campo da actividade da Fundación abranguerá o fomento, a difusión, a coordinación e a promoción de cantas actividades de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxicas sexan de interese para as pequenas e medianas empresas de industria en xeral, a construción e os servizos.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión do 21 de maio de 2014 adoptou o acordo de extinción da fundación, por considerar que os seus obxectivos os poden alcanzar de igual modo polos padroeiros, individualmente considerados, sen necesidade de canalizalos a través da Fundación.

No expediente consta a seguinte documentación:

– Acta da reunión do padroado.

– Acordo de extinción da Fundación: causa e memoria xustificativa; contas da Fundación á data; proxecto de distribución dos activos resultantes da liquidación; apertura da liquidación.

Consideracións legais.

Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo padroado da Fundación en virtude do disposto no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no seu regulamento.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional e para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación e foi aprobado por acordo do padroado coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Innovapyme Galicia.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e podendo interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria