Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 29 de outubro de 2014 Páx. 45777

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2014 pola que se convoca a segunda práctica do plan anual de adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2014 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria das bases do segundo adestramento regulamentario para a seguridade no manexo das armas, dos/as policías locais de Galicia, que se deberá desenvolver de acordo coas seguintes bases:

Obxectivos.

– Facilitar o cumprimento do disposto no artigo 11.4 da Lei 4/2007, de coordinación de policías locais.

– Dispoñer de persoal actualizado nas prácticas de armamento e tiro policial de defensa.

– Controlar a práctica anual e regulamentaria do cadro de persoal, mediante un control e unha cartilla de tiro individual.

– Establecer distintos niveis para categorías de tirador segundo a seguridade e habilidade que demostren no manexo das armas.

Destinatarios/as.

A actividade vai dirixida aos funcionarios/as dos corpos da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan interese en cumprir co disposto no artigo 11.4 de la Lei 4/2007, relativo a garantir unha adecuada preparación no uso do arma regulamentaria para o persoal dos corpos de policía local.

Solicitudes.

Os concellos interesados deberán remitir o formulario que se encontra na páxina web http://agasp.xunta.es/es á Academia Galega de Seguridade Pública; avenida da Cultura, s/n, A Estrada (Pontevedra), antes do día 5 de novembro de 2014.

As solicitudes poderán presentarse a través do fax da Agasp número 886 20 61 22, ou de acordo co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán estar autorizadas pola alcaldía, concellaría ou xefe de persoal, segundo proceda.

Todos aqueles concellos que adquirisen recentemente armas regulamentarias para a policía local terán preferencia para efectuar as prácticas regulamentarias, indispensables para un mellor coñecemento da nova arma e a adquisición da destreza suficiente para o seu manexo con seguridade e habilidade necesarias.

Medios.

Para o desenvolvemento da actividade, os alumnos deberán traer cada un a súa arma regulamentaria da dotación e a correspondente munición para as prácticas. A Academia Galega de Seguridade Pública nomeará os profesores e instrutores necesarios.

Determinación da data das prácticas.

A segunda práctica do plan anual terá lugar os días 18, 20, 24, 27 de novembro e 1 de decembro, das 10.30 ás 20.00 horas; 18, 25 de novembro e 2 de decembro, das 9.30 ás 15.00 horas, e 19, 26 de novembro e 3 de decembro, das 15.00 a 20.00 horas.

Configurado o calendario segundo as solicitudes recibidas comunicarase aos concellos coa finalidade de que, pola súa vez, informen con antelación suficiente da relación nominal do persoal participante na práctica.

Control e cartilla de tiro.

O control das prácticas do persoal xestionarano conxuntamente a Academia Galega de Seguridade Pública e a persoa designada polo concello.

Estableceranse niveis segundo a categoría e habilidade que cada tirador mostre nos aspectos tanto de seguridade como no manexo coas armas, niveis aos cales irá accedendo paulatinamente cada policía, de ser o caso. Estes niveis constarán na cartilla ou documento de control que se dispoña para as prácticas de tiro, tal e como se indicaba na epígrafe anterior.

Lugar.

As prácticas desenvolveranse na galería de tiro da Academia Galega de Seguridade Pública, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do plan anual de actualización para adaptalo as necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de outubro de 2014

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior