Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 29 de outubro de 2014 Páx. 45768

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 22 de outubro de 2014 pola que se amplía o prazo de notificación e remate das accións e solicitude de pagamento da primeira anualidade establecido na Orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2014 e 2015 cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

missing image file

O 7 de agosto de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2014 e 2015 cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

No artigo 20.7 establécese que a notificación e remate das accións (total ou parcial) e solicitude de pagamento das axudas deberá xustificarse como data límite do 15 de novembro de 2014 para a anualidade do ano 2014 e do 15 de xuño de 2015 para a anualidade do ano 2015 e que estes prazos serán en todo caso improrrogables. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

O elevado número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros, ademais da obriga de efectuar unha inspección sobre o terreo para comprobar a realidade e viabilidade do solicitado, previa á proposta de resolución da concesión das axudas, imposibilita o cumprimento dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación polos beneficiarios das axudas, polo que é procedente ampliar o prazo de notificación e remate das accións e solicitude de pagamento da anualidade do
ano 2014.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación do punto 7 do artigo 20 da Orde do 28 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000 e a súa convocatoria para os anos 2014 e 2015 cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O artigo 20.7 da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«7. A notificación e remate das accións (total ou parcial) e solicitude de pagamento das axudas deberá xustificarse con data límite do 19 de decembro de 2014 para a anualidade do ano 2014 e do 15 de xuño de 2015 para a anualidade do ano 2015. Estes prazos serán en todo caso improrrogables. Para estes efectos considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición adicional

As modificacións establecidas non supoñen a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes de axudas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2014

P.S. (Decreto 122/2014, do 25 de setembro; DOG núm. 184, do 26 de setembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza