Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Luns, 27 de outubro de 2014 Páx. 45411

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de outubro de 2014 pola que se modifica a Orde do 14 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2014.

As axudas a unidades de investigación competitiva do Sistema universitario de Galicia (SUG) deben ter un efecto incentivador, isto é, deben provocar un cambio nas universidades beneficiarias de modo que estas incrementen substancialmente o seu grao de actividade de I+D+i, consolidando grupos de referencia competitiva e grupos con potencial de crecemento ou apoiando o desenvolvemento de redes de investigación.

Polo carácter incentivador, resulta obrigado adoptar un determinado comportamento destinado a lograr o fin da subvención, polo cal pode ser necesario un financiamento inicial para poder levar a cabo o obxecto da axuda.

As beneficiarias das axudas para unidades de investigación competitiva só poden ser as universidades que integran o SUG, consideradas como entidades de dereito público con personalidade xurídica propia que, conforme o establecido no artigo 3.2 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (DOG núm. 125, do 3 de xullo), realizan o servizo público do ensino superior universitario en Galicia mediante o exercicio da docencia, o estudo, a investigación, a creación, a difusión e a transferencia de coñecemento, e cunha provisión de fondos necesarios para o seu funcionamento procedente das comunidades autónomas, administracións públicas ás cales tamén lles corresponde, pola súa vez, e entre outros, o control da xestión e do gasto das universidades instaladas dentro do seu ámbito.

A posibilidade de realizar un pagamento anticipado da axuda debe estar prevista nas bases reguladoras da subvención, singularmente no relativo ás garantías e forma de facer os pagamentos, axustándose ás previsións contidas nos artigos 63 e 65 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Por todo o anterior, no uso das facultades que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 14 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema universitario de Galicia e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2014

Un. Modifícase o parágrafo 2 do artigo 8, que queda redactado como segue:

«Para poder proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade beneficiaria expida, na data límite do 15 de decembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento acompañada dunha memoria explicativa do logro dos obxectivos de consolidación e estruturación do grupo. Esta memoria explicativa irá asinada polo/a coordinador/a do grupo de investigación».

Dous. Engádese un artigo 8 bis, redactado como segue:

«1. Poderán realizarse pagamentos anticipados que supoñan entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención e ata un máximo do 50 % da subvención concedida.

De acordo co artigo 65.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as universidades do Sistema universitario de Galicia quedan exoneradas da constitución da garantía a que se refire o artigo 63.2 da mesma norma.

2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria