Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Venres, 24 de outubro de 2014 Páx. 45305

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 137/2014, do 17 de outubro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada PO-334 desde a C-550 a praia América, a prol do Concello de Nigrán.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada PO-334 dende a C-550 a Praia América, cunha lonxitude de 1,5 km, que foi aceptada polo Concello de Nigrán.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de outubro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Nigrán da estrada PO-334 dende a C-550 a Praia América, cunha lonxitude de 1,5 km.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Nigrán deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Nigrán, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de outubro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio
e Infraestruturas
P.S. (Decreto 122/2014, do 25 de setembro;
DOG nº 184, do 26 de setembro)
O vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza
Alfonso Rueda Valenzuela