Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Xoves, 23 de outubro de 2014 Páx. 45208

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 17 de outubro de 2014 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 18 de febreiro de 2014 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2014.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 18 de febreiro de 2014 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2014, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2014.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 4 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, a Consellería de Facenda autorizou o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 18 de febreiro de 2014 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea a), da dita orde, increméntase no importe de 114.279.351,60 euros, e con cargo á aplicación 12.80.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014, polo que o importe total para as axudas desta alínea e desta aplicación orzamentaria, despois deste incremento é de 165.574.187,46 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 18 de febreiro de 2014 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro).

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2014

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar