Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Venres, 10 de outubro de 2014 Páx. 43878

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 128/2014, do 25 de setembro, polo que se modifica o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

En virtude do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, publicado o 6 de marzo de 2013, establécese a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

De entre os órganos en que se estrutura a consellería, na área de traballo a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social como órgano de dirección asume, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos, as competencias en materia de políticas activas de emprego, política laboral, relacións laborais e saúde laboral, cooperativas e outras entidades de economía social. Así mesmo, na área de benestar a consellería conta coa Secretaría Xeral de Política Social, órgano superior que asume as competencias en materia de atención ás persoas maiores, ás persoas con discapacidade e ás persoas dependentes.

O referido decreto foi modificado en virtude do Decreto 113/2012, do 24 de xullo, coa inclusión dunha nova disposición adicional para os efectos de establecer a adscrición de determinados órganos e a atribución das competencias. Así mesmo, o decreto foi modificado polo Decreto 32/2014, do 6 de marzo, co obxecto de concretar e redistribuír as funcións no ámbito da Secretaría Xeral Técnica e reforzar as de coordinación cos demais órganos da consellería e coas súas xefaturas territoriais.

Neste marco, procede agora realizar unha nova modificación da estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar en vigor, co obxecto de conseguir unha xestión administrativa máis áxil e eficaz dos asuntos que ten atribuídos e baixo o respecto aos principios de austeridade, eficacia e eficiencia no deseño e funcionamento da Administración pública, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Así, a existencia do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, adscrito á Consellería de Traballo e Benestar, aconsella a revisión da estrutura da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para os efectos de evitar duplicidades funcionais. Igualmente, procede a revisión da repartición funcional na Secretaría Xeral de Política Social coa incidencia na súa estrutura.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o punto segundo do artigo 12, que queda redactado como segue:

«2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Traballo.

b) Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social.

c) Subdirección Xeral de Fomento da Contratación e o Traballo Autónomo».

Dous. Modifícase o punto 1 do número 2 do artigo 13, que queda redactado como segue:

«2.1. Servizo de Relacións Laborais.

Corresponderalle a este servizo o exercicio das seguintes funcións:

a) A tramitación e instrución dos expedientes de procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos de traballo e redución temporal de emprego e daqueloutros sobre relacións individuais ou colectivas atribuídas á Administración laboral.

b) A xestión e tramitación das axudas e subvencións competencia da subdirección.

c) A tramitación e instrución do depósito, rexistro e publicación de convenios e acordos colectivos de traballo, adhesión e instrución dos procedementos de extensión de convenios colectivos.

d) A tramitación e instrución do depósito de estatutos dos sindicatos e das asociacións empresariais e a expedición de certificación de documentación en depósito.

e) Coordinación e tramitación das funcións correspondentes aos procesos de eleccións sindicais.

f) A recepción, o seguimento e a coordinación das declaracións de folgas e peches patronais, así como a xestión e instrución dos procedementos e o desenvolvemento das funcións de mediación, arbitraxe e conciliación.

g) A tramitación das autorizacións administrativas e o rexistro das empresas de traballo temporal.

h) A preparación de ditames, normativa, estatísticas e demais informes na área de traballo e relacións laborais.

i) Desenvolvemento de actuacións en materia de responsabilidade social empresarial.

j) As funcións da xestión do Rexistro de Empresas Acreditadas no Sector da Construción (REA).

k) Tramitación das comunicacións de desprazamentos transnacionais de traballadores/as.

l) A promoción, coordinación e execución das competencias da comunidade autónoma en materia de prevención de riscos laborais, así como o establecemento de vías de colaboración e cooperación técnica e institucional con organismos e institucións con competencias na materia, sen prexuízo das competencias que a lexislación vixente lle atribúe ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e á consellería competente no referente a traballos en minas, canteiras e túneles que exixan a aplicación da técnica mineira.

m) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións a entidades formativas para impartir formación en materia de prevención de riscos laborais, de acordo coa normativa vixente en cada momento.

n) A tramitación, inscrición e seguimento das autorizacións dos servizos de prevención alleos e auditorías de prevención.

ñ) A tramitación, xestión e seguimento dos programas de axudas a entidades para a mellora das condicións de seguranza e saúde laboral.

o) Todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados».

Tres. Suprímese o artigo 16.

Catro. Modifícase o artigo 25, que queda redactado como segue:

«Artigo 25. Subdirección Xeral de Planificación e Innovación

Á Subdirección Xeral de Planificación e Innovación, como órgano de dirección, corresponderanlle a coordinación e xestión das iniciativas de I+D+i e de calidade e a planificación no ámbito das competencias da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos, e concretamente:

a) A planificación e a elaboración das propostas normativas en desenvolvemento da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, de cara á reordenación competencial das administracións competentes en coordinación cos demais órganos con competencias na materia.

b) O desenvolvemento e a coordinación de sistemas de avaliación de tecnoloxías e programas de servizos sociais.

c) A planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da Secretaría Xeral de Política Social nas materias de innovación tecnolóxica e investigación e innovación na xestión dos programas e servizos sociais, especialmente orientados á promoción da autonomía persoal e mellora da calidade de vida das persoas maiores, persoas con discapacidade e persoas en situación de dependencia, así como a iniciativa da proposta normativa nesta materia.

d) A coordinación, impulso e xestión das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sociais e a supervisión da/s plataforma/s tecnolóxica/s que dean soporte a estas actividades dentro do sistema de servizos sociais, en coordinación cos órganos competentes na materia.

e) A planificación estratéxica, o deseño, adquisición, implantación, formación, soporte, normalización e mantemento dos sistemas de información de servizos sociais e a plataforma e servizos TIC que os sustentan.

f) O impulso e a coordinación dos demais órganos de dirección na implementación de programas, medidas e accións de mellora da calidade da xestión e dos programas e servizos da Secretaría Xeral de Política Social, sen prexuízo dos que lle correspondan a outros órganos.

g) A xestión e captación dos fondos necesarios para a implementación de programas e iniciativas de I+D+i no ámbito dos programas e servizos sociais e, con particularidade, a xestión e planificación de fondos europeos, así como doutras entidades, a través da presentación dos respectivos programas e proxectos en coordinación cos demais órganos directivos competentes na materia, sen prexuízo das que lles correspondan a outros órganos».

Disposición adicional única. Supresións e amortizacións de postos

Ás supresións de órganos e amortizacións de postos que se produzan como consecuencia do establecido neste decreto seralles de aplicación, de ser o caso, o réxime transitorio establecido no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar