Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 9 de outubro de 2014 Páx. 43736

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de outubro de 2014 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Ingada.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ingada con domicilio na rúa Curros Enríquez número 17-19, no Temple. Cambre (A Coruña).

Feitos.

1. Carmen María García Miranda, vogal do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ingada foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o 13 de xaneiro de 2014, ante o notario Isidoro Antonio Calvo Vidal, co número de protocolo 23, por Lorena María Gómez Guerrero, Carmen María García Miranda, Beatriz Losada Martínez, Enrique Vázquez Justo, María Elvira Ferrer Vázquez, Lorenzo Juan Capllonch Casteleiro, Rosa María Triay López e Ángel María Carracedo Álvarez, que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi complementada por outra outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 22 de xullo de 2014, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número de protocolo 1.653.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto dar asistencia integral a persoas afectadas por TDAH (trastorno por déficit de atención e hiperactividade) e trastornos asociados en Galicia dada a alta prevalencia destas patoloxías na nosa sociedade e as carencias existentes para a súa atención desde todas as áreas necesarias (clínica, educativa, social, familiar e laboral).

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Ángel María Carracedo Álvarez como presidente; María Elvira Ferrer Vázquez como vicepresidenta; Enrique Vázquez Justo como secretario e Lorena María Gómez Guerrero, Carmen María García Miranda, Beatriz Losada Martínez e Lorenzo Juan Capllonch Casteleiro como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Ingada, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede á súa clasificación como de interese sanitario e á súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de Fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 29 de setembro de 2014.

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Ingada, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza