Eu, Encarnación Mercedes Tubío Lariño, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos 545/2014 por instancia de Manuel Pedreira Candal contra a empresa Desguaces y Desmantelamientos, S.L. e o Fondo de Garantía Salarial, sobre despedimento, nos cales recaeu sentenza do 9 de setembro de 2014 que, copiada nos particulares necesarios, di así:
«Resolvo:
Estímase a demanda formulada por Manuel Pedreira Candal contra Desguaces y Desmantelamientos, S.L., con intervención do Fondo de Garantía Salarial e, en consecuencia:
Declárase improcedente o despedimento efectuado pola demandada, Desguaces y Desmantelamientos, S.L., ao demandante.
Condénase a Desguaces y Desmantelamientos, S.L. a que no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza opte entre a readmisión do demandante ou o aboamento dunha indemnización de 2.580,11 euros; o aboamento da dita indemnización determinará a extinción do contrato de traballo. No caso de optar pola readmisión, deberá aboar os salarios de tramitación que desde a data do despedimento ata a presente importan 7.011,96 euros, aos cales se lles deberán engadir os que se devindiquen ata a súa notificación a razón de 49,38 euros diarios.
Notifíqueselles esta resolución ás partes.
Contra esta resolución cabe recurso de suplicación, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar neste xulgado no prazo do cinco días seguintes ao da notificación desta resolución, e abondará a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social colexiado ou representante dentro do indicado prazo.
Se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao tempo de anunciar o recurso, ter consignado a cantidade obxecto de condena, así como o depósito de 300 euros, na conta de depósitos e consignacións que ten aberta este xulgado, facendo constar no ingreso o número de procedemento.
Así o acorda, manda e asina Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado do Xulgado do Social número 4 da Coruña».
E para que conste, para os efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia co fin de que sirva de notificación en forma á empresa Desguaces y Desmantelamientos, S.L., expido e asino este edicto.
A Coruña, 16 de setembro de 2014
A secretaria xudicial