Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 3 de outubro de 2014 Páx. 43147

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de setembro de 2014 pola que se modifica a autorización, por cambio de titularidade, dos centros privados Novacaixagalicia, da Coruña; Campelo Novacaixagalicia, de Poio, e Colegio Hogar Novacaixagalicia, de Vigo.

O representante legal dos centros privados Novacaixagalicia, do concello da Coruña; Campelo Novacaixagalicia, do concello de Poio (Pontevedra), e Colegio Hogar Novacaixagalicia, do concello de Vigo (Pontevedra), solicita o cambio da denominación específica e da titularidade dos centros educativos.

A denominación específica proposta para os centros privados é a de Afundación A Coruña (código 15005270), Campelo Afundación (código 36015962) e Colegio Hogar Afundación (código 36011609).

A Fundación Especial Novacaixagalicia Obra Social, modifica o seus estatutos tal e como consta na escritura do 26 de xuño de 2014, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, de elevación a público do acordo adoptado polo padroado, e pasa a ser unha fundación ordinaria denominada Fundación Galicia Obra Social.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar o cambio da denominación específica que pasa a ser Afundación A Coruña (código 15005270), Campelo Afundación (código 36015962) e Colegio Hogar Afundación (código 36011609).

Segundo. Autorizar o cambio de titularidade de todos os centros mencionados no punto anterior a favor da Fundación Galicia Obra Social.

O cambio de titularidade non afectará o réxime de funcionamento dos centros.

Terceiro. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. Os centros quedan obrigados ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria