Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 23 de setembro de 2014 Páx. 41904

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 10 de setembro de 2014 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual número 16 das normas subsidiarias de planeamento de Vilanova de Arousa, relativa ao grao de protección do Pazo Vista Real.

O Concello de Vilanova de Arousa remite o proxecto de modificación puntual número 16 das normas subsidiarias municipais respecto da parcela en que se sitúa o Pazo Vista Real, situada na parroquia de Caleiro, promovendo a modificación da protección outorgada polo catálogo de patrimonio das normas subsidiarias á dita edificación, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas normas subsidiarias municipais de planeamento, actualmente vixentes, aprobadas o 14.3.1997, redactadas ao abeiro da Lei 11/1985, do 22 de agosto, de adaptación da do solo a Galicia (Lasga).

I.2. Consta Decisión do 14.6.2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual número 16.

I.3. A presente modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno en sesión do 11.3.2014. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses mediante anuncios nos xornais Faro de Vigo e Diario de Arousa do 12.3.2014; e no DOG nº 53, do 18.3.2014. Consta notificación aos concellos limítrofes.

I.4. Constan informes municipais: técnicos do 22.8.2013 e 26.2.2014, xurídicos do 22.8.2013 e 27.2.2014, e de secretaría do 28.2.2014 e 21.5.2014, respecto da legalidade e calidade técnica da ordenación proposta.

I.5. Constan informes sectoriais de:

– Axencia Galega de Infraestruturas da CMATI do 15.4.2014.

– Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 10.9.2014.

I.6. O Concello de Vilanova de Arousa, en sesión plenaria do 26.5.2014, aprobou provisionalmente a modificación puntual número 16 do PXOM.

II. Análise e consideracións

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Vilanova de Arousa e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. A modificación puntual ten por finalidade modificar o grao da protección outorgada á edificación do Pazo Vista Real e edificacións anexas polo catálogo das normas subsidiarias municipais de planeamento, substituíndo o nivel de protección estrutural polo de protección ambiental, co fin de poder levar a cabo obras de conservación, rehabilitación ou restauración da estrutura orixinal.

II.2. A parcela en cuestión está situada entre núcleos rurais e cualificada coa ordenanza denominada de predios singulares.

II.3. As razóns de interese público exixidas no artigo 94.1 da LOUG resultan xustificadas nesta modificación puntual toda vez que se pretende recuperar a fisionomía orixinaria dun inmoble catalogado, eliminando as transformacións realizadas que desvirtuaron a identidade propia do edificio protexido.

II.4. A modificación proposta non implica reclasificación de solo nin incremento de intensidade de uso, nin altera os sistemas xerais previstos no planeamento vixente polo que non precisou de informe previo á aprobación inicial.

II.5. O informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en data do 10.9.2014 suxeita o desenvolvemento de calquera intervención no Pazo á previa autorización do documento técnico correspondente.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución

En consecuencia, visto o sinalado no punto II anterior e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 16 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Vilanova de Arousa, con estrita suxeición á consideración sinalada no punto II.5 desta orde respecto da obriga de sometemento de calquera intervención no Pazo Vista Real á autorización previa pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2014

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas