Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 22 de setembro de 2014 Páx. 41765

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 111/2014, do 4 de setembro, polo que se modifica o Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes, para crear a Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo.

A Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, veu establecer o novo marco normativo para o sector do taxi e do arrendamento con condutor na nosa comunidade autónoma. Respectando os principios de universalidade e accesibilidade que debe presidir todo transporte público, incorporou unha serie de melloras orientadas a garantir o mantemento do servizo ao tempo que estableceu ferramentas para modernizalo e incrementar a súa eficacia.

Nese sentido, e a modo de exemplo, pode citarse o procedemento específico de continxentamento para adaptar a oferta ás necesidades reais da poboación, a regulación duns horarios, calendarios, descansos e vacacións que garantan a continuidade do servizo, ou a previsión de incorporar progresivamente melloras tecnolóxicas na súa prestación.

Todas estas novidades van complementadas por un reforzo do principio democrático na concepción do servizo, tanto na regulación que lles corresponde aos concellos como na que se lle encomenda á Xunta de Galicia. As achegas dos diversos colectivos afectados, desde persoas consumidoras e usuarias ata profesionais do sector, sen dúbida contribuirán a unha mellor adaptación do servizo ás necesidades reais duns e doutros, o que redundará nun incremento da súa calidade.

Como canle para recoller todas esas inquedanzas, a mesma lei prevé na súa disposición derradeira segunda a creación dunha Comisión Especial de Transporte Público de Persoas en Vehículos de Turismo no seo do Consello Galego de Transportes, cuxa regulación detallada se deixa á vía regulamentaria. A norma legal engade así un órgano especializado na materia do transporte en vehículos de turismo dentro do organismo que, con carácter xeral, ten encomendadas as funcións de consulta e asesoramento da Administración en materia de transporte.

A relevancia que a dita comisión está chamada a ter exixe unha regulación que marque as súas regras xerais de organización e funcionamento, sen prexuízo do previsto con carácter xeral na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Para tal finalidade responde este decreto, que modifica o 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes, para incorporar a nova comisión.

Así, modifícase o artigo 3 para incluír a citada comisión como órgano integrante do dito consello, e logo engádense tres artigos (18 bis, 18 ter e 19.2) que regulan, respectivamente, a natureza e composición da comisión, as súas funcións e réxime de funcionamento. Así mesmo, o fortalecemento do sector do taxi nas súas relacións coa Administración aconsella introducir unha representación deste no seo da Comisión Permanente do propio consello, co fin de que poida participar nos asuntos propios da súa competencia.

En virtude do exposto, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do catro de setembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes

O Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes, queda modificado como segue:

Un. O primeiro parágrafo do artigo 3 queda redactado do seguinte xeito:

«O Consello Galego de Transportes componse dos seguintes órganos: Pleno, Comisión Permanente, Relatorios Técnicos, Comisión Especial do Transporte Aéreo, Comisión Especial do Transporte Escolar e Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo».

Dous. O parágrafo cuarto do guión cuarto do artigo 6 queda redactado como segue:

«Dous representantes do Departamento de Transporte de Viaxeiros do Comité Galego de Transportes por Estrada. Cando menos un destes representantes deberá ser proposto polas asociacións e federacións integradas no devandito comité que sexan representativas do sector profesional do transporte en taxi».

Tres. Engádese un novo artigo 18 bis, do seguinte teor:

«1. A Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo actuará como órgano participativo de coordinación, asesoramento e consulta, que analice as necesidades e as oportunidades do transporte público en vehículos de turismo, de conformidade coa Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia e co resto da normativa aplicable.

2. A Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo terá a seguinte composición:

a) Presidencia: será ocupada pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

b) Vicepresidencia: ocuparaa a persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte dependente da dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

c) Vogalías: serán vinte, designadas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia do seguinte xeito:

1º. Unha, por proposta da dirección xeral competente en materia de Administración local da Xunta de Galicia.

2º. Unha, por proposta da consellería competente en materia de benestar da Xunta de Galicia.

3º. Dúas, por proposta de unidades ou departamentos da Xunta de Galicia con interese no sector do transporte público en vehículos de turismo, entre autoridades ou o persoal que preste servizos neles.

4º. Cinco, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias. Estas cinco vogalías deberán distribuírse do seguinte xeito: unha, en representación dos concellos de ata 5.000 habitantes; unha, en representación dos concellos de entre 5.001 e 20.000 habitantes; unha, en representación dos concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes, unha, en representación dos concellos de entre 50.001 e 125.000 habitantes, e unha en representación dos concellos de máis de 125.000 habitantes.

5º. Dúas, por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios ou órgano, que, de ser o caso, o substitúa.

6º. Unha, por proposta do Consello Galego de Persoas con Discapacidade ou órgano que, de ser o caso, o substitúa.

7º. Tres, por proposta do Comité Galego de Transportes por Estrada, de entre as asociacións e federacións integradas nel que sexan representativas do sector profesional do transporte en taxi. Na proposta das tres vogalías deberase atender á representación que as distintas asociacións ou federacións dese tipo teñan no propio comité.

8º. Unha, por proposta do Comité Galego de Transportes por Estrada, de entre as asociacións e federacións integradas nel que sexan representativas do sector profesional do arrendamento con condutor/a.

9º. Unha, por proposta do Comité Galego de Transportes por Estrada, de entre as asociacións e federacións integradas nel que sexan representativas do sector profesional do transporte en autobús.

10º. Tres, por proposta das organizacións sindicais que, consonte a normativa vixente en materia de representación sindical, teñan a consideración de máis representativas no transporte no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

d) Secretaría: será ocupada pola persoa designada para o efecto pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de transportes da Xunta de Galicia, de entre o persoal da propia dirección xeral. A persoa titular da secretaría actuará nas xuntanzas con voz pero sen voto.

Ademais, a presidencia poderá convocar ás reunións a persoas representantes de calquera colectivo que fose conveniente escoitar en función dos puntos que se van tratar, as cales actuarán con voz pero sen voto.

3. De acordo co que establece o artigo 16.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da presidencia, esta será substituída pola persoa titular da vicepresidencia; en defecto desta, polo/a membro do órgano colexiado de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre as persoas que o compoñen.

En caso de ser necesaria a substitución temporal da persoa titular da secretaría por razón vacante, ausencia ou enfermidade, realizará as súas funcións a persoa designada para o efecto pola titular da presidencia.

4. Na composición da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres».

Catro. Engádese un novo artigo 18 ter, do seguinte teor:

«Serán funcións da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo:

a) Actuar como órgano de interlocución e consulta entre o sector do transporte en vehículos de turismo e as administracións públicas competentes.

b) Emitir os informes e exercer as funcións que se lle atribúen ao Consello Galego de Transportes na Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia. En particular, corresponderalle emitir informe nos procedementos de elaboración de disposicións de carácter xeral que se diten en desenvolvemento ou en aplicación desa lei e, en xeral, sobre os que afecten o sector do transporte público de persoas en vehículos de turismo. O informe emitido nestes casos substituirá o previsto no artigo 9.c).

c) Presentar ás administracións públicas competentes os informes, as propostas e as suxestións que considere adecuados para a mellora do transporte de persoas en vehículos de turismo na comunidade autónoma.

d) Colaborar coas administracións públicas competentes para conseguir a mellora progresiva das condicións da prestación do servizo do transporte en vehículos de turismo, particularmente no que se refire ao incremento da seguridade e á incorporación de novas tecnoloxías, e no cumprimento da mellora do nivel de accesibilidade do servizo ás persoas con mobilidade reducida.

e) Aqueloutras que lle sexan encomendadas e que garden relación co transporte público de persoas en vehículos de turismo».

Cinco. O actual contido do artigo 19 pasará a numerarse como punto 1 dese mesmo artigo. Simultaneamente, introdúcese nel un punto 2, co seguinte contido:

«2. Sen prexuízo do anterior, os acordos da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo adoptaranse por maioría simple das persoas membros presentes ou representadas con dereito a voto. Porén, en caso de que vote en contra o 25 por cento ou máis dos/as membros presentes ou representados/as con dereito a voto, será necesario alcanzar unha maioría absoluta de votos favorables para que o acordo se entenda aprobado.

Cando non sexa posible acadar as maiorías previstas no parágrafo anterior, non existirá informe ou acordo formal da comisión, sen prexuízo de que as opinións sustentadas se reflictan nunha acta. O trámite que requirise a intervención da comisión entenderase, en calquera caso, cumprido».

Disposición adicional única. Consignacións orzamentarias

A creación da Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Designación da representación das persoas con discapacidade ata a posta en funcionamento do Consello Galego de Persoas con Discapacidade

Mentres non estea en funcionamento efectivo o Consello Galego de Persoas con Discapacidade ou o órgano que, de ser o caso, o substitúa regulamentariamente, a designación das persoas representantes das persoas con discapacidade na Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo corresponderalle ao Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Designación de membros da Comisión Especial de Transporte en Vehículos de Turismo

Os órganos ou entidades a que se refire o novo artigo 18 bis, punto 2, do Decreto 230/1986, do 10 de xullo, polo que se regula a estrutura, a composición e as funcións do Consello Galego de Transportes, deberán propoñer as persoas que ocuparán as respectivas vogalías no prazo máximo de 20 días naturais desde a entrada en vigor deste decreto. Transcorrido ese prazo, a dirección xeral competente en materia de transportes fará as correspondentes designacións dos/as membros propostos/as.

En caso de que, transcorrido o prazo anterior, algún daqueles órganos ou entidades non realizase proposta ningunha, a dita comisión poderá ser convocada e quedará validamente constituída cos/coas membros efectivamente designados/as. Isto último entenderase sen prexuízo de que os ditos órganos ou entidades fagan as súas propostas de representación con posterioridade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de setembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas