Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 19 de setembro de 2014 Páx. 41636

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 12 de setembro de 2014 pola que se regulan as bases que rexerán o Plan de formación permanente para o persoal da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia e se convocan as actividades para o ano 2014.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece a familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento da persoa, e regula a obriga que os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen de apoiar e protexer as familias e os seus membros e, en especial, os nenos e as nenas e os e as adolescentes.

De acordo co Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 32/2014, do 6 de marzo, atribúense á Dirección Xeral de Familia e Inclusión as competencias relativas ás políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e a adopción das medidas que aseguren a conciliación do traballo coa vida familiar e persoal.

Neste marco de competencias a Consellería de Traballo e Benestar xestiona a rede de escolas infantís 0-3 da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 102 que a formación permanente constitúe un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións e dos propios centros.

Neste contexto convócase o Plan de formación 2014 para o persoal da rede de escolas infantís 0-3, que ten por obxecto dar resposta ás necesidades de formación de todo o persoal dos centros e propiciar a actualización dos coñecementos científicos e didácticos dos equipos educativos.

Para a elaboración desta nova proposta de formación tivéronse en conta as valoracións e preferencias manifestadas polas persoas que participaron no Plan de formación de 2013. Con base nestes resultados elabórase a nova proposta que distingue dúas modalidades de formación, os cursos de actualización científica e didáctica e a formación en centros.

Conforme o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular as bases que rexerán o Plan de formación permanente para o persoal da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia, integrada polas escolas infantís xestionadas pola Consellería de Traballo e Benestar e polas xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, correspondente ao ano 2014.

Artigo 2. Modalidades de formación

O Plan de formación regulado nesta orde distingue dúas modalidades de formación:

1. Cursos de actualización científica e didáctica.

Constitúe unha modalidade formativa dirixida a profesionais da educación infantil de forma individual.

Nesta modalidade inclúense todas as actividades formativas recollidas no anexo I, deseñadas de acordo coas preferencias manifestadas polas persoas participantes no Plan de formación do pasado ano, integradas nas áreas de didáctica e intervención educativa e na de relacións persoais.

As datas de cada curso, así como o lugar e as datas de realización publicaranse coa antelación suficiente na páxina web: http://www.escolasinfantisdegalicia.es/

2. Formación en centros.

Constitúe unha modalidade formativa dirixida fundamentalmente aos equipos educativos das escolas infantís.

Esta modalidade pretende servir os equipos educativos para iniciar unha dinámica de traballo conxunto, afondar nalgún aspecto considerado nuclear para o deseño e desenvolvemento da planificación didáctica ou para sensibilizalos cunha forma concreta de traballo.

Artigo 3. Cursos de actualización científica e didáctica

1. Requisitos das persoas participantes.

Poderán solicitar a súa participación nos cursos de actualización científica e didáctica os e as profesionais que, reunindo os requisitos establecidos para cada unha das actividades formativas relacionadas no anexo I, presten os seus servizos nas escolas infantís 0-3 da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia de xestión directa e se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de fillo ou filla, de familiar ou de persoas a cargo.

Poderán solicitar, así mesmo, a súa participación aquelas persoas que no momento da convocatoria estean gozando das licenzas de maternidade ou dos permisos por paternidade ou por adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple.

As persoas admitidas nunha acción formativa deberán estar de alta laboral no momento do inicio desta. De atoparse en situación de baixa laboral por incapacidade temporal no momento do inicio da actividade, quedarán excluídas da relación de persoas admitidas.

2. Solicitudes. Prazo e documentación.

a) As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos no anexo I para cada un dos cursos, desexen participar en calquera das actividades formativas desta modalidade, presentarán a súa solicitude de acordo co modelo establecido no anexo II, que poderán descargar na sección de formación da páxina web da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia (http://www.escolasinfantisdegalicia.es/).

Xunto co anuncio das actividades formativas no portal educativo concretarase o lugar e as datas de realización de cada unha delas.

b) Con carácter xeral, o prazo de inscrición para cada unha das actividades formativas abrirase cunha antelación de 22 días hábiles antes da data de inicio da acción formativa correspondente. Desde a apertura do prazo de inscrición, a persoa interesada disporá de 3 días hábiles para formalizar a súa solicitude.

Non obstante, co fin de desenvolver todas as actividades formativas previstas no Plan de formación 2014, a apertura do prazo de inscrición en cada procedemento de admisión poderá variar dunha actividade a outra, establecéndose unha antelación mínima de 7 días hábiles antes da data de inicio da acción formativa correspondente.

A inscrición poderá realizarse por calquera das seguintes vías:

Fax: 981 56 87 13.

Vía telemática: http://www.escolasinfantisdegalicia.es/

3. Cursos de convocatoria directa.

O órgano convocador poderá designar directamente como persoas destinatarias dalgunha das actividades que integran este plan de formación determinados ou determinadas profesionais que carezan da formación complementaria considerada prioritaria para o desenvolvemento do seu traballo diario, cun límite máximo do 20 % das prazas da actividade formativa de que se trate.

Ao igual que o resto das persoas solicitantes seleccionadas, as persoas designadas directamente para algún dos cursos consumirán a súa opción preferente.

4. Criterios de selección.

a) Os criterios de selección aplicables no acceso ás actividades formativas serán os seguintes:

1º. Pertenza á categoría profesional a que se dirixe a convocatoria do curso.

2º. Orde de presentación das solicitudes por calquera das vías establecidas no artigo 3.2.b) desta norma.

3º. Non ter realizado o mesmo curso en edicións anteriores.

As persoas que soliciten a súa participación nunha actividade formativa en que xa participaron en convocatorias anteriores quedarán automaticamente excluídas de tal actividade.

4º. En cada curso reservarase unha praza para solicitantes que presenten o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.

b) Cando o número de solicitantes sexa superior ao número de prazas ofertadas elaborarase unha listaxe de espera. De quedaren prazas vacantes para calquera das actividades, procederase ao chamamento telefónico das persoas que figuren na dita lista.

Para a elaboración das listaxes tanto de persoas admitidas como de listaxe de espera teranse en conta os seguintes criterios:

Todas as persoas solicitantes terán preferencia para participar nunha (1) acción formativa, establecéndose a prioridade de acordo coa orde de presentación das solicitudes.

A preferencia reservarase ata ter realizada unha das actividades pertencentes ao presente plan.

Unha vez consumida a opción preferente aplicarase o criterio do número de actividades realizadas do presente Plan de formación. Neste sentido, a orde da listaxe establecerase dando prioridade a aquelas persoas que teñan menos actividades formativas realizadas. No caso de que dúas persoas teñan o mesmo número de cursos realizados, a listaxe establecerase en relación coa orde de presentación das solicitudes.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas participantes dará lugar á súa exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso do Plan de formación do presente ano.

d) As persoas solicitantes ou designadas para participar nunha actividade formativa deberán estar de alta laboral no momento do inicio do curso. A situación de baixa laboral por incapacidade temporal implicará a exclusión destas persoas da relación de persoas admitidas e de non comunicar a dita circunstancia, aínda tendo cumprido cos requisitos de asistencia á actividade, non se procederá á súa certificación.

5. Publicación das listaxes de persoas admitidas.

As listaxes de persoas admitidas para cada actividade formativa serán publicadas na páxina web http://www.escolasinfantisdegalicia.es/ o segundo día hábil contado a partir do día seguinte ao remate do prazo de inscrición de cada unha delas.

As persoas seleccionadas recibirán unha notificación automática da súa admisión.

6. Requisitos de asistencia.

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións da actividade formativa de que se trate. Para a obtención da correspondente certificación da actividade, a ausencia por causas xustificadas non poderá exceder do 25 % das horas presenciais de cada unha. Esta ausencia xustificada deberá ser acreditada documentalmente, enviando o dito documento á seguinte conta de correo: formacion.ei@igualdadebenestar.org, nun prazo máximo de 10 días naturais despois de que a actividade finalice. A ausencia, aínda xustificada, dun tempo superior ao indicado determina a perda do dereito á obtención da correspondente certificación.

A falta de acreditación documental da causa ou causas alegadas poderá determinar non só a perda do dereito á obtención da certificación senón que poderá ser causa de exclusión das convocatorias das restantes actividades do Plan de formación 2014.

b) Durante a realización das actividades formativas levarase un control permanente de asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto. Neste sentido, cando unha persoa participante se ausente durante parte dunha sesión debe anotar, na folla disposta para o efecto, a hora de chegada ou saída para poder acreditar a dita ausencia. De non facelo así e realizarse un control extraordinario de asistencia, perderá o dereito a recibir o certificado acreditativo da actividade formativa.

c) A parte non presencial das actividades formativas acreditarase mediante o traballo práctico fixado polo relator ou pola relatora responsable de cada unha das actividades. O alumno ou alumna deberá remitirllo no prazo establecido previamente por este ou esta. A non remisión do dito traballo seguindo os requisitos mínimos de calidade e os prazos de entrega fixados implica a perda do dereito á certificación da actividade formativa correspondente.

7. Avaliación e certificados.

A avaliación dos coñecementos adquiridos polo alumnado realizarase seguindo os criterios establecidos no deseño de cada unha das actividades.

O certificado acreditativo da actividade formativa expedirase unicamente a aquelas persoas que cumpran os requisitos da actividade correspondente.

8. Anulación da reserva.

Cando unha persoa seleccionada non poida asistir á actividade para a que está admitida deberá comunicar a súa renuncia por calquera das vías sinaladas no artigo 3.2.b) desta norma, no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das listaxes de persoas admitidas.

De non facelo así, agás causa xustificada, non poderá ser admitida a ningunha das actividades formativas integradas neste Plan de formación.

A cobertura das prazas vacantes por baixas realizarase segundo a orde da listaxe de espera.

9. Suspensión ou modificación das actividades formativas.

No suposto de que o número de solicitantes a unha actividade formativa sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a Administración reserva para si o dereito a suspender, modificar as datas ou agrupar varias edicións da mesma actividade. Neste suposto, a comunicación ás persoas interesadas farase mediante anuncio na páxina web
http://www.escolasinfantisdegalicia.es/

Así mesmo, o órgano convocador poderá acordar a suspensión ou substitución dalgunha das actividades formativas recollidas no anexo I, cando por causas alleas a este concorran circunstancias que fagan inviable a súa realización.

Artigo 4. Formación en centros

1. Requisitos dos equipos participantes.

Poderán solicitar a súa participación nesta modalidade os equipos educativos das escolas infantís de xestión directa da Rede de escolas infantís 0-3 de Galicia.

2. Tipos de formación en centros.

Dentro da modalidade de formación en centros, este Plan de formación distingue entre seminarios e proxectos de formación por curso.

Ademais doutras características diferenciais significativas, os seminarios e os proxectos de formación por curso distínguense pola súa duración. Nos seminarios encádranse aquelas accións formativas que se poden planificar nun momento puntual do curso escolar, mentres que os segundos son propostas de traballo conxunto que se prolongan durante todo o curso escolar.

3. Seminarios.

Trátase dunha modalidade de formación baseada no traballo colaborativo que a partir da reflexión conxunta, o debate interno e o intercambio de experiencias permite afondar naqueles aspectos do traballo educativo e da planificación didáctica que forman parte das necesidades e preocupacións sentidas polo profesorado.

Os seminarios pódense planificar e desenvolver nun momento puntual do curso escolar e poden contar coa colaboración desinteresada de persoas do contexto próximo.

a) Características xerais:

As temáticas que se van tratar nos seminarios estarán directamente relacionadas co proxecto educativo e co traballo diario na escola infantil, e terán como eixes principais os seguintes:

– A alimentación na escola infantil.

– O deseño de espazos e ambientes na escola infantil.

– A hixiene e o descanso na escola infantil.

– O xogo.

– O tratamento da psicomotricidade na escola infantil.

– A comunicación e a participación das familias na escola infantil.

b) Duración.

Os seminarios terán unha duración mínima de 10 horas e máxima de 30 horas e poderán contar cun número de horas de docencia que non poderá superar o 40 % das horas totais do seminario.

O desenvolvemento dos seminarios estrutúrase en dúas fases:

– A primeira, de documentación e desenvolvemento do seminario a partir dos obxectivos propostos, á cal se dedicará o 80 % das horas totais do proxecto aprobado. Esta fase poderá ser apoiada por unha asesoría externa ou ben por unha actividade de carácter docente.

– A segunda, de avaliación, en que as persoas participantes abordan a valoración do seminario e elaboran a memoria da acción formativa, de acordo co anexo IV desta orde. A esta fase dedicarase un 20 % do total das horas polas que foi aprobado o seminario.

c) Compoñentes.

Ao ser esta unha modalidade dirixida aos equipos das escolas infantís é condición recomendable para a súa realización que participe a maior parte do persoal dun centro, podendo tamén agruparse dous ou tres equipos de centros próximos e intereses comúns.

Cada seminario estará integrado por un mínimo de cinco participantes e un máximo de vinte, pertencentes ao mesmo ou a distintos centros educativos, incluíndo neste cómputo a persoa coordinadora do grupo.

Non obstante, nas escolas infantís de menos de 3 unidades poderanse admitir, con carácter excepcional, grupos inferiores a cinco participantes, cando o número de membros do propio equipo educativo sexa inferior a este número e non exista a posibilidade de compartir a acción formativa con ningún outro centro do contorno próximo pertencente á rede.

A coordinación do grupo correspóndelle a unha persoa traballadora da escola infantil, que será tamén responsable da presentación do proxecto e da xustificación deste, das comunicacións coa comisión, do deseño, planificación e avaliación interna da proposta formativa, da organización e dinamización do traballo do grupo, da xestión dos recursos necesarios, da convocatoria e coordinación das reunións, do seguimento e valoración das persoas participantes e da presentación da memoria unha vez finalizado o seminario.

Para o desenvolvemento do seminario poderase contar coa colaboración de persoal da mesma escola infantil, doutra escola ou do contexto próximo (unha familia, persoal sanitario, persoal docente dun centro educativo) que, de forma desinteresada, poida impartir unha charla ou un obradoiro sobre a temática central do seminario.

d) Solicitudes. Prazo e documentación.

Para participar nesta modalidade de formación será necesario presentar a solicitude debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da coordinación da actividade formativa, de acordo co modelo establecido no anexo III desta orde, dirixida á Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros.

A Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros (en diante, a comisión), estará integrada por dous membros do Equipo de atención educativa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e por un técnico ou técnica da Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Na composición da comisión procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

De acordo coas epígrafes do anexo III, na solicitude incluirase a xustificación, os obxectivos da formación e de repercusión na práctica educativa, o programa de contidos e actividades, a metodoloxía de traballo, a organización dos recursos humanos e materiais, os criterios e procesos de avaliación e a temporización da actividade.

As solicitudes presentaranse cunha antelación mínima dun mes antes da data prevista para o inicio da actividade formativa.

A presentación da solicitude será telemática descargando o modelo da páxina web de formación en centros do Plan de formación 2014 e enviándoa xunto co plan de traballo ao correo electrónico formacion.ei@igualdadebenestar.org

e) Valoración e selección dos proxectos presentados.

Unha vez presentada a solicitude por parte da escola infantil, a comisión deberá resolver no prazo máximo de 15 días naturais contados a partir do seguinte á data en que esta foi presentada.

Para a aprobación dos seminarios teranse en conta os seguintes criterios:

– Adecuación ás bases xerais e aos eixes pedagóxicos establecidos nestas bases.

– Repercusión do seminario na práctica educativa da escola infantil.

– Adecuación e coherencia do proxecto á organización temporal e aos recursos materiais e humanos.

– Coherencia interna do proxecto atendendo aos obxectivos da formación, ao programa de contidos e actividades, á metodoloxía e aos criterios e procesos de avaliación.

Unha vez realizada a valoración de cada proxecto presentado, a comisión comunicará á persoa coordinadora de cada grupo a resolución deste, a través do enderezo de correo electrónico achegado na solicitude.

O proxecto deberá contar co informe favorable da comisión.

O desenvolvemento do seminario dará comezo unha vez aprobado o proxecto, nos termos recollidos na solicitude. Neste sentido calquera modificación posterior será comunicada á comisión coa conseguinte aprobación por parte desta.

f) Documentación que se vai entregar ao finalizar o seminario.

Unha vez finalizado o seminario, a persoa coordinadora presentará ante a comisión a través do correo electrónico formacion.ei@igualdadebenestar.org, a memoria final seguindo os puntos establecidos no modelo do anexo IV desta orde, debendo achegar, ademais, os seguintes documentos acreditativos:

– Actas e follas de sinaturas de cada sesión de traballo.

– Acta final asinada pola persoa coordinadora do seminario en que se recollan os datos de identificación e as horas de traballo, así como a sinatura de cada participante.

– Valoración do seminario por parte de todas as persoas asistentes.

– Valoración do seminario por parte da persoa colaboradora, de ser o caso.

O prazo máximo de presentación da memoria e da documentación será de tres meses contados a partir do día seguinte á data de finalización da actividade. A non presentación no prazo establecido suporá a non certificación da actividade.

g) Avaliación e certificados da formación.

A comisión realizará a avaliación final da actividade tendo en conta a memoria final e a documentación presentada, no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de entrega da documentación.

A acta de avaliación reflectirá o número de horas recoñecidas a cada seminario a efectos de certificación, atendendo ás actas das reunións do grupo de traballo, aos materiais entregados e á coherencia e a calidade da memoria presentada.

Unha vez valorada a actividade formativa con base na documentación presentada e avaliada positivamente, a comisión dará o seu visto e prace para a emisión das certificacións correspondentes das persoas participantes nesta, segundo os seguintes criterios:

– Asistentes. Ás persoas que participasen no seminario en calidade de asistentes e obtivesen unha valoración positiva expediráselles unha certificación polo total das horas polas que foi aprobado o proxecto. Para estes efectos, a ausencia ás sesións do grupo de traballo por causas xustificadas e acreditadas non poderá exceder o 15 % das horas totais da acción formativa.

– Persoa ou persoas colaboradoras. Ás persoas que participasen no seminario impartindo unha charla ou asesorando o equipo expediráselles unha certificación polo total de horas de colaboración presencial multiplicado por dous, para os efectos de computarlle o tempo de preparación da colaboración.

– Persoa coordinadora. Á persoa que asumise as funcións de coordinación da acción formativa e exercese a representación do grupo de traballo expediránselle dúas certificacións, unha como coordinadora e outra como asistente, polo total das horas deste.

A certificación das horas non poderá superar, en ningún caso, o límite do cómputo global de horas polo que foi aprobado o proxecto.

4. Proxectos de formación por curso.

Trátase dunha modalidade de formación en centros en que a partir das necesidades experimentadas polo profesorado, o equipo educativo formula unha proposta de traballo conxunto e colaborativo no propio centro que dá comezo ao inicio do curso e prolóngase durante todo o curso escolar. Nesta modalidade preténdese afondar nalgún aspecto considerado nuclear para a planificación didáctica, así como buscar e experimentar fórmulas de sensibilización das persoas integrantes do equipo con determinadas metodoloxías de traballo.

a) Características xerais.

As temáticas que se van tratar nos proxectos de formación por curso estarán directamente relacionadas co proxecto educativo e co traballo diario na escola infantil, e terán como eixes principais os seguintes:

– A alimentación na escola infantil.

– O deseño de espazos e ambientes na escola infantil.

– A hixiene e o descanso na escola infantil.

– O xogo.

– O tratamento da psicomotricidade na escola infantil.

– A comunicación e a participación das familias na escola infantil.

b) Duración.

O número total de horas dos proxectos de formación por curso será dun mínimo de 40 horas e dun máximo de 100 horas, que se distribuirán durante todo o curso escolar.

O número total de horas de cada proxecto dependerá da programación presentada por cada escola infantil para o desenvolvemento adecuado deste. En todo caso, correspóndelle á comisión a adxudicación definitiva de horas de cada proxecto seleccionado con base na coherencia deste e a súa adecuación á organización temporal da proposta.

Os proxectos de formación por curso poderán contar cun número de horas de docencia que non poderá superar o 40 % das horas totais do proxecto.

O desenvolvemento dos proxectos de formación por curso estruturarase en dúas fases:

– A primeira, de documentación e desenvolvemento do proxecto a partir dos obxectivos, contidos e actividades propostas, á cal se dedicará o 80 % das horas totais do proxecto aprobado. Esta fase poderá ser apoiada por unha asesoría externa ou ben por unha actividade de carácter docente.

– A segunda, de avaliación, en que as persoas participantes abordan as conclusións e a valoración do proxecto e elaboran a memoria da acción formativa, de acordo cos puntos recollidos no anexo VI desta orde. A esta fase dedicarase un 20 % do total das horas polas que foi aprobado o proxecto.

c) Compoñentes.

Ao ser esta unha modalidade dirixida aos equipos das escolas infantís é condición recomendable para a súa realización que participe a maior parte do persoal dun centro. Poden tamén agruparse dous ou tres equipos de centros próximos e intereses comúns.

Cada proxecto estará integrado por un mínimo de cinco participantes e un máximo de vinte, pertencentes ao mesmo ou a distintos centros educativos, incluíndo neste cómputo a persoa coordinadora do grupo.

Non obstante, nas escolas infantís de menos de 3 unidades poderanse admitir, con carácter excepcional, grupos inferiores a cinco participantes, cando o número de membros do propio equipo educativo sexa inferior a este número e non exista a posibilidade de compartir a acción formativa con ningún outro centro do contorno próximo pertencente á rede.

A coordinación do grupo correspóndelle a unha persoa traballadora da escola infantil que será tamén responsable da presentación do proxecto e da xustificación deste, das comunicacións coa comisión, do deseño, planificación e avaliación interna da proposta formativa, da organización e dinamización do traballo do grupo, da xestión dos recursos necesarios, da convocatoria e coordinación das reunións, do seguimento e valoración das persoas participantes e da presentación da memoria unha vez finalizado o proxecto de formación por curso.

Para o desenvolvemento do proxecto poderase contar coa colaboración de persoal da mesma escola infantil, doutra escola ou do contexto próximo (unha familia, persoal sanitario, persoal docente doutro centro educativo) que de forma desinteresada poida impartir unha charla, un obradoiro, ou asesorar o grupo de traballo en determinados aspectos do proxecto con base na súa formación ou experiencia.

d) Solicitudes. Prazo e documentación.

Para participar nesta modalidade de formación será necesario presentar a solicitude, dirixida á comisión, debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da coordinación da actividade formativa, de acordo co modelo establecido no anexo V desta orde.

De acordo coas epígrafes do anexo V, na solicitude incluirase a xustificación, os obxectivos da formación e de repercusión na práctica educativa, o programa de contidos e actividades, a metodoloxía de traballo, a organización dos recursos humanos e materiais, os criterios e procesos de avaliación e a temporización da actividade.

As solicitudes presentaranse durante o primeiro trimestre do curso 2014/15, cunha antelación mínima dun mes antes da data prevista para o inicio da actividade formativa.

A presentación das solicitudes será telemática, descargando o modelo da páxina web de formación en centros do Plan de formación 2014, e remitíndoa ao correo electrónico formacion.ei@igualdadebenestar.org

e) Valoración e selección dos proxectos presentados.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros resolverá nun prazo máximo de 15 días naturais.

Para a selección dos proxectos teranse en conta os seguintes criterios:

– Adecuación ás bases xerais da convocatoria e aos eixes pedagóxicos establecidos nestas bases.

– Repercusión na práctica educativa mediante a aplicación práctica do proxecto.

– Adecuación e coherencia do proxecto de formación por curso á organización temporal e aos recursos materiais e humanos.

– Coherencia interna do proxecto atendendo aos obxectivos, contidos, metodoloxía, actividades e avaliación.

Unha vez realizada a valoración de cada proxecto presentado, a comisión comunicará á persoa coordinadora de cada grupo a resolución deste, a través do enderezo de correo electrónico achegado na solicitude.

O proxecto deberá contar co informe favorable da comisión.

Unha vez aprobado o proxecto comezará o desenvolvemento deste nos termos detallados na solicitude. Neste sentido, calquera modificación será comunicada á comisión, coa conseguinte aprobación por parte desta.

f) Documentación para entregar ao finalizar o proxecto.

Unha vez finalizado o proxecto de formación por curso, a persoa coordinadora presentará ante a comisión, a través do correo electrónico formacion.ei@igualdadebenestar.org, a memoria final seguindo os puntos establecidos no modelo do anexo VI desta orde, debendo achegar, ademais, os seguintes documentos acreditativos:

– Actas e follas de sinaturas de cada sesión de traballo.

– Acta final asinada pola persoa coordinadora do traballo en que se recollan os datos de identificación e as horas de traballo e a sinatura de cada participante.

– Valoración do proxecto por parte das persoas asistentes.

– Valoración do proxecto por parte do relator ou da relatora, e/ou das persoas colaboradoras.

O prazo máximo de presentación da memoria e da documentación será de tres meses contados a partir do día seguinte á data de finalización da actividade. A non presentación no prazo establecido suporá a non certificación da actividade.

g) Avaliación e certificados da formación.

A comisión realizará a avaliación final dos proxectos de formación por curso, tendo en conta a memoria final e a documentación presentada, no prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de entrega desta documentación.

A acta de avaliación reflectirá o número de horas recoñecido a cada proxecto para efectos de certificación, atendendo ás actas das sesións de traballo, aos materiais entregados e á coherencia e calidade da memoria presentada.

Unha vez valorada a actividade formativa con base na documentación presentada e avaliada positivamente, a Comisión Técnica de Valoración da Formación en Centros dará o seu visto e prace á emisión das certificacións correspondentes das persoas participantes nesta segundo os seguintes criterios:

– Asistentes. Ás persoas que participasen no proxecto en calidade de asistentes e obtivesen unha valoración positiva, expediráselles unha certificación polo total das horas polas que foi aprobado o proxecto. Para estes efectos, a ausencia ás sesións do grupo de traballo por causas xustificadas e acreditadas non poderá exceder o 15 % das horas totais da acción formativa.

– Persoa ou persoas colaboradoras. Ás persoas que participasen no proxecto impartindo unha charla ou asesorando o equipo, expediráselles unha certificación como relator ou relatora polo total de horas de colaboración presencial multiplicado por dous, para efectos de computarlle o tempo de preparación da colaboración.

– Persoa coordinadora. Á persoa que asumise as funcións de coordinación da acción formativa e exercese a representación do grupo de traballo, expediránselle dúas certificacións, unha como coordinadora e outra como asistente, polo total da horas deste.

A certificación das horas non poderá superar, en ningún caso, o límite do cómputo global de horas polo que foi aprobado o proxecto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO I
Cursos de actualización científica e didáctica

Curso

Edicións

Horas

Prazas de cada curso

Destinatarios/as

Atención privilexiada dos coidados na escola infantil 0-3: relación adulto-neno/a.

1

16

750

Persoal da rede de escolas infantís

O momento do comedor na escola infantil 0-3.

3

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

O momento da hixiene na escola infantil 0-3.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Atención á diversidade: situación de risco social.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

A interacción adulto-neno/a na escola infantil 0-3.

4

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

A maxia das palabras e dos contos na escola infantil 0-3.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Descubrir xogando na escola infantil 0-3: o cesto dos tesouros e o xogo heurístico.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Os agrupamentos heteroxéneos na escola infantil 0-3 anos.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

Os proxectos de formación por curso na escola infantil 0-3: coordinación e dinamización.

1

16

30

Persoal da rede de escolas infantís que coordine os proxectos de formación en centros

A comunicación asertiva na escola infantil 0-3.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

O período de adaptación na escola infantil.

2

16

30

Persoal da rede de escolas infantís

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file