Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 19 de setembro de 2014 Páx. 41714

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución denominado Planta satélite de gas natural licuado de Lalín, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/3-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 4 de novembro de 2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Lalín, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2008/10-0), e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2011 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 22 de decembro).

Segundo consta no proxecto que serviu de base para o outorgamento desta autorización administrativa

– A subministración de gas natural realizarase a través dunha planta satélite de GNL (gas natural licuado) situada no parque empresarial de Lalín, desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano de Lalín.

– A rede de distribución proxectada estará formada por unha rede básica e outra secundaria de distribución, ambas con rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar. Esta rede deseñarase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN200 a DN63, segundo as necesidades. A lonxitude prevista para a rede será de 20.258,82 m, dos cales 6.557,29 m corresponderán á rede básica e 13.701,53 m á rede secundaria.

Segundo. O 25 de marzo de 2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución da planta satélite de GNL para subministración á rede de distribución de gas natural de Lalín (Pontevedra), acompañada do proxecto de instalacións e das correspondentes separatas.

Segundo consta neste proxecto de execución, a planta satélite de GNL situarase na parcela de referencia catastral nº 36024A070003970000AB (polígono 70, parcela 397); trátase dun emprazamento diferente ao previsto no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Lalín, a que se fai referencia no antecedente de feito primeiro desta resolución.

A instalación proxectada está composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización; sistema de caldeiras para auga quente; sistema eléctrico e control; e edificios e obra civil. As súas características xerais son as seguintes:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 120 m3 (primeira fase: 1 depósito de 120 m3) e ampliación a 180 m3 (segunda fase: 1 depósito de 60 m3).

– Capacidade de gasificación máxima: 2.200 m3(N)/h.

– Presión máxima de subministración á rede: 4 barg.

Este proxecto da planta satélite de GNL someteuse ao procedemento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución (expediente IN627A 2014/3-0).

Terceiro. O 28 de marzo de 2014 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de aprobación do proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural que dará subministración á localidade de Lalín (Pontevedra), acompañada do proxecto de instalacións e das correspondentes separatas técnicas.

Segundo consta neste proxecto de execución, a subministración de gas realizarase desde a planta de GNL descrita no antecedente de feito segundo desta resolución. A rede proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano de Lalín, realizarase no rango de presión MOP = 4 bar, en tubaxe de polietileno PE-100 SDR 17,6, e estará constituída por unha rede principal (en diámetros de 160 e 110 mm) e unha rede secundaria que se distribuirá polas distintas rúas do núcleo urbano (en diámetros de 90 e 63 mm). A lonxitude total da rede será de 11.669 m.

Este proxecto da rede de distribución, obxecto doutro expediente (IN627A 2014/4-0), someteuse ao procedemento de aprobación de proxecto de execución.

Cuarto. O 24 de abril de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta satélite de gas natural licuado de Lalín, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2014/3-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 2 de xuño de 2014, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 23 de maio de 2014 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 13 de maio de 2014, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Lalín durante vinte días.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución, a empresa Repsol Butano, S.A. presentou un escrito de alegacións, do cal se deu traslado á empresa Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa contestación ao respecto. No seu escrito de alegacións, Repsol Butano, S.A., pola súa condición de distribuidor de GLP canalizado en Lalín (con concesión administrativa de 1996 e acta de posta en servizo de 1999), oponse á autorización do proxecto da planta satélite de gas natural licuado de Lalín, con base nas seguintes argumentacións: incúmprense os compromisos asumidos pola Xunta de Galicia, resultan incompatibles ambas as infraestruturas gasistas (GLP e gas natural), a autorización da infraestrutura de gas natural sería contraria a dereito, dispoñen de exclusividade para a subministración de gas canalizado segundo a normativa anterior, o proxecto da planta de GNL presenta defectos e a infraestrutura de gas natural non pode considerarse de utilidade pública.

Quinto. O 28 de abril de 2014 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da planta de GNL (a que se fai referencia no antecedente de feito segundo desta resolución) ao Concello de Lalín e ao Servizo de Montes de Pontevedra da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola súa condición de administracións con bens e dereitos afectados e para os efectos de obter o seu informe ao respecto:

Os condicionados emitidos por estes dous organismos foron remitidos á empresa Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Sexto. O 4 de xullo de 2014 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución denominado Planta satélite de gas natural licuado de Lalín.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas por Repsol Butano, S.A., da contestación a elas por parte de Gas Galicia SDG, S.A. e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• Canto ao incumprimento dos compromisos asumidos pola Xunta de Galicia:

– Os compromisos asumidos pola Xunta de Galicia, a través dos diferentes convenios de colaboración asinados con Repsol Butano, S.A., concretáronse no cofinanciamento do custo das infraestruturas gasistas de GLP, polas contías e nos núcleos de poboación indicados neles.

– Estes convenios de colaboración, que se promoveron co obxecto de achegar o GLP canalizado a aqueles núcleos de poboación que non tiñan acceso ao gas natural canalizado, polo seu afastamento aos gasodutos de gas natural, non supoñen o outorgamento a Repsol Butano, S.A. dun monopolio de actuación nestas zonas.

• Canto á incompatibilidade de ambas as infraestruturas gasistas (GLP e gas natural):

– A Lei 34/1998, do 7 de outubro, regula nos seus títulos III e IV a subministración de GLP e de gas natural, respectivamente, dándolles un tratamento diferenciado pero non excluínte. Este tratamento diferenciado e non excluínte tamén quedou reflectido no Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).

– A este respecto, e en contestación ás posibles interpretacións derivadas deste texto legal, cabe citar o informe da Comisión Nacional da Enerxía do 28 de febreiro de 2008 en relación coa consulta dunha comunidade autónoma sobre a compatibilidade de redes de distribución, no cal se conclúe o seguinte: «As disposicións incluídas nos artigos 55, 73 e 74, e a disposición adicional vixésimo terceira da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, referentes á distribución de gas natural e ao aire propanado, non exclúen a autorización administrativa de instalacións alleas á dita actividade, como son as redes de distribución de GLP a granel por canalización».

– A distribución de GLP a granel non ten recoñecidas as calidades de monopolio natural, rede única e actividade regulada no sentido da Lei 34/1998, como si as ten a distribución de gas natural. Neste sentido, débese indicar que os titulares de redes de GLP non teñen imposta a obriga de permitir o acceso ás súas redes a terceiros que o soliciten (como en cambio si a teñen os distribuidores de gas natural como elemento compensatorio do monopolio legal que teñen recoñecido, para os efectos de facer posible a entrada doutros operadores na zona onde están establecidos, permitindo así a libre competencia destes).

– A dispoñibilidade nun mesmo ámbito xeográfico de distintos produtos enerxéticos para satisfacer uns mesmos usos finais promove a liberdade de elección dos consumidores, fomentando desta forma a competencia perseguida pola regulación enerxética e a política económica en beneficio do mercado.

• Canto a que a autorización sería contraria a dereito:

– A presentación fóra de prazo por parte de Gas Galicia SDG, S.A., dos proxectos de execución da infraestrutura de gas natural canalizado de Lalín, conforme o exixido na condición segunda da correspondente autorización administrativa, non produce por si soa a súa caducidade ou revogación. O incumprimento desta condición non determina por si mesma a caducidade ou revogación da autorización administrativa, senón que outorga á Administración esa posibilidade, conforme o disposto no artigo 73.6 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e na condición sexta da propia autorización administrativa.

– As plantas satélite de gas natural licuado que alimenten unha rede de distribución terán a condición de instalacións de distribución, de conformidade co disposto no artigo 8 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

• Canto á exclusividade segundo a normativa anterior:

– A vixente normativa só recolle a exclusividade canto ao outorgamento de autorizacións administrativas de gas natural. Neste sentido, a disposición adicional vixésimo terceira da Lei 34/1998, do 7 de outubro, dispón o seguinte: «Sobre a zona de distribución de gas natural dunha autorización administrativa non poderán concederse novas autorizacións para a construción de instalacións de distribución, debendo cumprir as obrigas de servizo de interese xeral e extensión das redes, impostas na lexislación e na propia autorización administrativa».

– Este precepto non inclúe as instalacións de distribución de GLP, afectando en exclusiva ao gas natural cando exista unha rede deste combustible na zona para a cal se presente unha nova solicitude, o que non ocorre neste caso.

• Canto aos defectos do proxecto da planta de GNL:

– Na addenda I ao proxecto de autorización administrativa, que serviu de base para o outorgamento a Gas Galicia SDG, S.A. da autorización administrativa para a distribución de gas natural en Lalín, recóllese que o grupo Gas Galicia incluirá nas propostas para incorporación á planificación obrigatoria 2008-2016 un gasoduto de transporte secundario desde a rede de Enagás existente no municipio de Valga para a subministración aos municipios da Estrada, Lalín e Silleda, posibilitando a subministración de gas natural en alta presión aos polígonos da zona e a eliminación da planta de GNL de Lalín mediante a instalación da correspondente estación de regulación e medida. Non obstante, a autorización administrativa outorgada no seu día a Gas Galicia SDG, S.A. fixou o tipo de subministración a Lalín mediante unha planta de GNL sen establecer ningunha condición a respecto do desenvolvemento da rede de gasodutos na zona que, por outra parte, depende da planificación enerxética que aproba o Estado.

– A consideración ou non da rede de gas propano canalizado existente en Lalín, á hora de facer o estudo de mercado, é unha responsabilidade que recae, en todo caso, en Gas Galicia SDG, S.A., quen manifesta ter realizado o dito estudo con rigor.

– Segundo consta no proxecto de execución, a planta de GNL ten unha capacidade superior ás 50 t, polo que será de aplicación o Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo.

• Canto a que a infraestrutura de gas natural non pode considerarse de utilidade pública:

– De conformidade co disposto no artigo 103 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, decláranse de utilidade pública, para os efectos de expropiación forzosa e exercicio da servidume de paso, entre outras, as instalacións de distribución de gas natural; non obstante, será necesario que a empresa promotora solicite expresamente o recoñecemento desta utilidade pública.

– Para o caso que nos ocupa, Gas Galicia SDG, S.A. non solicitou este recoñecemento porque non se afectarán bens ou dereitos de titularidade privada.

Terceiro. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Logo de ver os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada Planta satélite de gas natural licuado de Lalín, promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Gas Galicia SDG, S.A., titulado Planta satélite de gas natural licuado de Lalín, asinado polo enxeñeiro técnico industrial José Manuel Abascal Redondo (colexiado nº 25.001 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industrias de Madrid) e visado por este colexio con nº 14901774/01 e data 19 de marzo de 2014; e no cal figura un orzamento de 211.058,40 €.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce (12) meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Cuarta. Canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (a que se fai referencia no antecedente de feito quinto desta resolución), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Quinta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. A administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas