Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 16 de setembro de 2014 Páx. 41356

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2014, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Abegondo (expediente IN407A 2014/045-1).

Vista a solicitude para o outorgamento da autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación que a continuación se detalla:

Número de expediente: IN407A 2014/045-1.

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, A Coruña.

Denominación: LMTS, CTC e RBT Pousada-Viós.

Situación: concello de Abegondo.

Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,308 km, coa orixe no paso aerosubterráneo que se vai realizar en apoio existente n° 46 da LMT aérea CES-705, tramo entre a derivada ao CT Viós (expediente 35.025) e a derivada ao CT Presedo (expediente 35.025), condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV-3 [1×95 Al), e final no CT Pousada-Viós (proxectado).

– Centro de transformación prefabricado, cunha potencia de 250 kVA, e unha relación de transformación de 15.000/400-230V.

– Saída rede de baixa tensión subterránea, cunha lonxitude de 0,036 km, coa orixe no CT Pousada-Viós (proxectado), condutor tipo XZ1.

– Liña de baixa tensión aérea, cunha lonxitude de 1,220 km, coa orixe no CT Pousada-Viós (proxectado), condutor tipo RZ, e apoios de formigón.

Feitos:

Primeiro. O 7.4.2014 José Antonio Fernández Amaro, en nome e representación de Unión Fenosa Distribución, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública dunha instalación de distribución eléctrica coa finalidade de mellorar a calidade da subministración de enerxía eléctrica nos lugares da Poceira, Novela, Souto, Rigueiro e Viós, concello de Abegondo.

Segundo. Presentan declaración responsable na que se acreditan o cumprimento de toda a normativa que lle é de aplicación ás instalacións realizadas no proxecto, segundo o establecido no punto 1 b) artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), do sector eléctrico e na Resolución do 19 de febreiro de 2014 da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 54, do 19 de marzo).

Terceiro. A solicitude incluía unha relación de propietarios, bens e dereitos afectados polo proxecto e, en concreto, unha relación dos bens e dereitos para os que non había mutuo acordo cos seus propietarios e para os que se pedía a aplicación da lexislación sobre expropiación forzosa.

Cuarto. Por Resolución do 28 de abril de 2014, desta xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e a de declaración de utilidade pública, publicándose a dita resolución no Diario Oficial de Galicia o día 21 de maio, no Boletín Oficial da provincia o día 8 de maio, no diario La Voz de Galicia o día 15 de maio de 2014, así como no taboleiro de anuncios do concello de Abegondo segundo dilixencia do secretario municipal do 8.7.2014 recibida o 30.7.2014; así mesmo, consta no expediente escritos de notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares que constan na relación de bens e dereitos afectados.

Non consta no expediente ningunha alegación.

Recíbese certificado da exposición pública no taboleiro de edictos do Concello de Abegondo no que indica que non se formularon alegacións.

Quinto. Envíanse as separatas aos organismos afectados que a xuízo de Unión Fenosa Distribución, S.A. puidesen estar afectadas:

– Concello de Abegondo.

– O día 5 de maio de 2014 envíase solicitude de conformidade da autorización administrativa previa e condicionado técnico á autorización administrativa de construción.

– O día 6 de xuño de 2014 reitérase a solicitude de conformidade da autorización administrativa previa e condicionado técnico á autorización administrativa de construción.

– Ao día de hoxe non consta no expediente ningunha contestación ás anteriores solicitudes, polo que de acordo cos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, enténdese a conformidade coa autorización da instalación e coas especificacións técnicas propostas polo peticionario no proxecto de execución.

– Augas de Galicia.

– O día 5 de maio de 2014 envíase solicitude de conformidade da autorización administrativa previa e condicionado técnico á autorización administrativa de construción.

– O día 6 de xuño de 2014 reitérase a solicitude de conformidade da autorización administrativa previa e condicionado técnico á autorización administrativa de construción.

– O día 3 de xullo de 2014 recíbese informe favorable e condicionado de Augas de Galicia.

– O día 8 de xullo de 2014 esta xefatura territorial envía o informe a Unión Fenosa Distribución, S.A.

– O día 10 de xullo de 2014 Unión Fenosa Distribución, S.A. acepta o condicionado.

– Servizo de Patrimonio Cultural.

– O día 30 de abril de 2014 envíase solicitude de informe sectorial en relación co proxecto de referencia e, de ser o caso, emitan o condicionado técnico ao proxecto.

– O día 20 de maio de 2014 recíbese informe condicionado do Servizo de Patrimonio no que indica o seguinte:

• Segundo o artigo 54 da Lei 30/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a Consellería de Cultura deberá autorizar calquera intervención que os afecte, polo que deberá tramitarse o proxecto para a súa autorización.

• Analizada a proposta é necesario advertir que a instalación proxectada no ámbito de protección da Igrexa do Divino Salvador de Viós deberá ser soterrada.

– O día 22 de maio de 2014 esta xefatura territorial envía o informe a Unión Fenosa Distribución, S.A.

– O día 30 de maio de 2014 Unión Fenosa Distribución, S.A. acepta o condicionado.

Sexto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial, unha vez avaliada a documentación que consta no expediente e a tramitación seguida, emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, coas seguintes consideracións:

– Na súa condición de xestor da rede de distribución, corresponde a Unión Fenosa Distribución, S.A. o deseño e planificación das súas redes de distribución logo de avaliar, entre outras cuestións, as obrigas de adecuar a subministración de enerxía eléctrica ás necesidades dos consumidores e cumprir parámetros de calidade que se recollen na normativa, todo iso sempre de conformidade cos procedementos regulamentarios e, se é o caso, considerando os condicionados técnicos que puidesen impoñer as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral.

– Segundo o artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

– O artigo 140, utilidade pública, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dispón: decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

A dita declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais nelas.

Para o recoñecemento en concreto da utilidade públicas destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bes e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

– O artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que:

«A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisicións dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa».

– Para determinar con exactitude a parte dos predios afectados, as súas titularidades, a cuantificación das afeccións ou os cultivos existentes, de conformidade co artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, «no momento do levantamento da acta faranse constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, seus titulares, ou valor daqueles ou os determinantes da rápida ocupación».

– O artigo 161 Limitacións á constitución da servidume de paso, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, estipula:

Non poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión: sobre edificios, os seus patios, currais, centros escolares, campos deportivos, xardíns e hortos, tamén pechados, anexos a vivendas que existen ao tempo de iniciarse o expediente de solicitude de declaración de utilidade pública, sempre que a extensión dos hortos e xardíns sexa inferior á media hectárea.

Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera tipo de propiedades particulares, sempre que se cumpran as condicións seguintes:

Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimonial do Estado, da comunidade autónoma, das provincias ou dos concellos, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura o 10 % da parte da liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra pola propiedade do solicitante da dita variación.

Que tecnicamente a variación sexa posible.

A indicada posibilidade técnica será apreciada polo órgano que tramita o expediente, logo do informe das administracións ou organismos públicos aos que pertenzan ou estean adscritos os bens que resulten afectados pola variante e, se é o caso, con audiencia dos propietarios particulares interesados.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 24 de xullo); na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro); no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro), e no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 24/2013, do 26 de decembro; o Real decreto 1955/2000, de 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, de 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Consideracións de carácter xeral:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o que os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no punto 1.5 da instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do xustiprezo corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVO:

Conceder a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, nas cales as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao medio.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

A Coruña, 2 de setembro de 2014

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña