Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 12 de setembro de 2014 Páx. 38657

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de xullo de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para unha planta de valorización de residuos non perigosos para a fabricación de compost que Biocompost de Lugo, S.L. posúe no concello de Cospeito, Lugo (clave do expediente 2014-IPPC-I-29).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 157, do 2 de xullo), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– Documentación para a solicitude de autorización ambiental integrada de Biocompost de Lugo, S.L. en Cospeito (Lugo). Xuño de 2014. Tomos 1 e 2.

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, de ser o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes, os citados documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/ >>medio ambiente e sostibilidade >>
prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2014

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO
Memoria resumo

Clave do expediente: 2014-IPPC-I-29.

Peticionaria: Biocompost de Lugo, S.L.

Localización da instalación: estrada Feira do Monte, Xermar km 2, Cospeito (Lugo).

Actividade principal: valorización de residuos non perigosos para fabricación de compost.

Descrición: o proceso de compostaxe consiste nun proceso biolóxico natural aerobio en que os microorganismos presentes nos residuos, en condicións controladas de temperatura, humidade e aireación, atacan e degradan a materia orgánica. O produto obtido (compost) consiste basicamente en materia orgánica estabilizada á cal se integraron moitos dos nutrientes presentes nos elementos iniciais. Estes nutrientes pasan pouco a pouco a estados dispoñibles para as plantas. Na instalación diferéncianse dúas liñas de tratamento, en función dos residuos empregados.

– Liña de compost: empréganse residuos non perigosos de orixe industrial separados selectivamente e Sandach, e obtense compost para a súa aplicación ao solo. As fases son: recepción, control e pesaxe, mestura, empillamento, fermentación, maduración e cribaxe (criba rotativa).

– Liña de urbanos: empréganse residuos non perigosos de orixe urbana non separados selectivamente, e obtense un residuo non perigoso e un refugallo que se entregan respectivamente a xestores autorizados. As fases son: recepción, control e pesaxe, empillamento e fermentación, maduración e cribaxe (criba rotativa).

Verteduras: as augas fecais xeradas nos aseos vértense a ambiente tras o seu tratamento en fosa séptica. As augas pluviais contaminadas diríxense mediante canalización ata unha balsa de augas impermeable. Estas poden aproveitarse para humectar os empillamentos de compostaxe ou entregarse a xestor autorizado. Os posibles lixiviados que se poidan producir durante a fase de fermentación recóllense na canle de augas contaminadas e diríxense á citada balsa.