Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 5 de setembro de 2014 Páx. 37143

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal de Amoeiro.

O Concello de Amoeiro, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Amoeiro dispón, actualmente vixente, de Plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente o 7 de setembro de 2007.

I.2. Na tramitación da modificación puntual consta:

• O 3 de maio de 2011 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI acordou que a modificación puntual debía someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. O 5 de maio de 2011 aprobou o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica da modificación puntual.

• Constan informe técnico, do 2 de novembro de 2011, e xurídico, do 10 de novembro de 2011, favorables respecto da conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente e da calidade técnica da ordenación proxectada.

• O 10 de xaneiro de 2012 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial da modificación puntual.

• O Pleno do Concello, en sesión do 27 de xaneiro de 2012, aprobou inicialmente a modificación puntual, incluído o ISA, e someteuna a información pública dous meses mediante anuncios nos diarios La Región do 28 de febreiro de 2012, e La Voz de Galicia do 29 de febreiro de 2012, e no DOG do 28 de febreiro de 2012. Presentáronse catro alegacións, segundo certificado municipal.

• Déuselles audiencia aos municipios limítrofes de Ourense, Vilamarín, Coles, San Cristovo de Cea, Punxín e Maside, sen que conste ningunha alegación.

• Consta informe favorable, do 14 de marzo de 2012, de ADIF.

• Consta informe favorable, do 19 de marzo de 2012, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Fomento.

• Consta informe favorable, do 20 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento.

• Consta informe favorable, do 30 de marzo de 2012, da Deputación Provincial de Ourense.

• Consta informe favorable, do 26 de abril de 2012 da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicaciones do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Consta informe favorable, do 19 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

• Consta informe favorable, do 30 de agosto de 2013, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente.

• Por Resolución do 6 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, aprobouse a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental (DOG do 28 de febreiro).

• Solicitáronse ademais informes ao Ministerio de Economía e Facenda, á Consellería do Medio Rural e do Mar, á Delegación do Goberno en Galicia, á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, ao Organismo Autónomo Augas de Galicia e a Unión-Fenosa, sen que conste contestación de ningún deles.

• O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria do 3 de abril de 2014, acordou:

– Desestimar as catro alegacións presentadas.

– Aprobar provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Amoeiro, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

II.1. O ámbito de actuación é una zona situada ao leste do municipio arredor do núcleo rural de Vendanova, parroquia de Bóveda, de 254.984 m2, cualificada segundo o PXOM vixente como solo rústico de protección ordinaria. Desta superficie, 108.329 m2 corresponden ao solo rústico de protección ordinaria que pasa a ser solo de núcleo rural común, e 146.655 m2, a solo rústico de protección ordinaria que se cambia a solo rústico de especial protección forestal.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a delimitación do núcleo rural de Vendanova, en concordancia co establecido na disposición transitoria primeira e) da Lei 2/2010, de medidas urxentes de modificación da LOUG.

II.3. Na proposta xustifícase que o núcleo de Vendanova é un asentamento identificable e diferenciado administrativamente.

II.4. A modificación puntual establece para Vendanova una ordenanza de núcleo rural común que toma como referencia as ordenanzas do solo de núcleo rural do PXOM, na cal se fixa a vivenda unifamiliar como uso principal e diversos usos compatibles.

II.5. Xustifícase o cumprimento dos estándares de espazos libres e equipamentos previstos no artigo 47.1 da LOUG, modificado pola Lei 2/2010, incluída a parte correspondente ao aumento de intensidade de uso residencial debido á modificación puntual.

II.6. Na memoria da modificación puntual figuran dúas fichas do ben catalogado nº 109 do PXOM (Camiño de Santiago-Vía da Prata), unha correspondente á ficha do PXOM, e outra a esa mesma ficha corrixida conforme as indicacións do informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Para evitar confusións, deberase suprimir a primeira delas.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM de Amoeiro, relativa á incorporación do asentamento poboacional de Vendanova, condicionada ao cumprimento do sinalado no punto II.6.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Mª Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file