Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 29 de agosto de 2014 Páx. 36663

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2014, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa e autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cambados (expediente IN407A 2014/66-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: ampliación de potencia do CT Beleco.

Situación: Cambados.

Características técnicas: ampliación de potencia do centro de transformación Beleco, situado na rúa Illa de Arousa nº 6, Cambados, a 630 kVA, con RT 20 kV/400-230 V.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 15 de maio de 2014 e no BOP do 19 de maio de 2014. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Con data 28 de maio de 2014, Cándido José Rodiño Rey, actuando como presidente e en representación da comunidade de propietarios Edificio Baleco e con data do 21 de maio de 2014 Joaquín Gabriel Santos Conde, como veciño do citado inmoble, presentan escritos nesta xefatura territorial, nos cales alegan que:

• Se requira a Gas Natural Fenosa, S.A. para que achegue ao expediente o contrato orixinal subscrito entre a empresa promotora e a subministradora eléctrica para a instalación do transformador, co fin de verificar se a ampliación de potencia solicitada ten cabida dentro dos termos do dito contrato ou excede o seu ámbito de aplicación, xa que a dita ampliación non consta debidamente autorizada na escritura de división horizontal, nin se prevé que o transformador se instale para dar servizo a outros inmobles distintos ao que é obxecto do gravame construído.

• Se están a realizar obras na zona de entrada do garaxe para a canalización de cableado eléctrico, e sospeitan que é para abastecementos a outras propiedades alleas á edificación.

• A ampliación de enerxía do transformador pode supoñer risco, molestias e/ou enfermidades aos integrantes da comunidade.

Con data do 24 de xuño de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A. remite a esta xefatura territorial contestación ás alegacións presentadas, indicando:

• Que o presente expediente ten como única finalidade a ampliación de potencia do centro de transformación denominado Beleco.

• O local do centro de transformación foi obxecto de cesión o 27 de setembro de 2000, cumprindo co artigo 17 do entón vixente Decreto 2413/1973, do 20 de setembro, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

• A cesión dun local nun edificio, segundo o manifestado no artigo 17, para a instalación dun centro de transformación, non implica que o centro de transformación que se instale nel sexa só para a subministración eléctrica do inmoble, senón que, ao incorporarse á rede de distribución, permite a subministración de enerxía eléctrica a terceiros.

• A ampliación de potencia a que se refire o expediente consiste na substitución dunha máquina por outra.

Consideracións previas:

Primeira. Con data do 23 de setembro de 2011, autorizouse a posta en servizo da primeira ampliación do CT Beleco. No proxecto desta primeira ampliación de 250 a 400 kVA, tramitada co número de expediente IN407A 2009/126-4, no punto «6.1.2.1 Edificio prefabricado», se proxecta un edificio prefabricado subterráneo 2L1P que pode albergar unha máquina de ata 630 kVA.

Segunda. Con data do 7 de abril de 2014, Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita nesta xefatura territorial a ampliación de potencia do CT Beleco (36SFN3) de 400 kVA a 630 kVA, coa finalidade de dar subministración a unha urbanización de vivendas próxima.

Conclusións:

Segundo o exposto no punto anterior, a ampliación de potencia solicitada de 400 kVA a 630 kVA xustifícase no proxecto de execución tramitado no expediente IN407A 2014/66-4.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG nº 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 31 de xullo de 2014

P.A. (Decreto 110/2013, do 4 de xullo)
Eugenio Fernández Piñeiro
Xefe do Servizo de Administración Industrial