Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 22 de agosto de 2014 Páx. 36212

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 5 de agosto de 2014 pola que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, considera os consellos sociais como órganos de participación da sociedade galega nas universidades que impulsan a colaboración entre estas e aquela, mediante a satisfacción polas universidades das necesidades do seu ámbito, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria.

O artigo 75.1.a) da mencionada Lei 6/2013, en consonancia co establecido no artigo 85 da mesma lei, establece que o Consello Social é competente para elaborar o regulamento de organización e funcionamento interno, así como as súas modificacións, e elevalo á consellería competente en materia de universidades para a súa aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

A disposición transitoria sétima da mencionada lei determina que os consellos sociais das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia adaptarán e elevarán á consideración e aprobación da consellería competente en materia de universidades, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, o seu regulamento de organización e funcionamento interno.

O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela presentou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social, aprobada polo Pleno do Consello Social na súa sesión do 1 de abril de 2014 e unha vez obtido o informe de legalidade da Asesoría Xurídica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 75.1.a) e no artigo 85 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, e elevada a consideración e aprobación desta consellería de acordo coa disposición transitoria sétima, e cumpridos todos os trámites preceptivos,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela coa redacción que figura no anexo desta orde.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Regulamento de réxime interno do Consello Social aprobado pola Resolución do 22 de abril de 2004 e publicado no Diario Oficial de Galicia do 11 de maio.

Disposición derradeira única

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social
da Universidade de Santiago de Compostela

Preámbulo

Ao abeiro do disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, elabórase o presente Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, coa súa aprobación polo Pleno deste na sesión plenaria do día 1 de abril de 2014, dando cumprimento ao preceptuado nos artigos 75.1.a) e 85 da Lei 6/2013, así como á súa disposición transitoria sétima.

TÍTULO I
Definición, funcións, competencias e relacións
de cooperación do Consello Social

Artigo 1. Definición e natureza xurídica

1. O Consello Social é o órgano colexiado de participación da sociedade galega na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e impulsa a colaboración entre esta e aquela, mediante a satisfacción pola Universidade das necesidades do seu ámbito, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria.

2. Correspóndelle a supervisión das actividades de carácter económico da Universidade e do rendemento dos seus servizos e promover a colaboración da sociedade no financiamento da USC.

Artigo 2. Réxime xurídico

O Consello Social da USC desenvolve as súas funcións de acordo co establecido no artigo 14 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, no título IV da Lei 6/2013, do 13 de xullo, do Sistema universitario de Galicia, nos estatutos da USC, no presente regulamento e nas demais disposicións legais que sexan de aplicación.

Artigo 3. Sede

O Consello Social terá a súa sede en Santiago de Compostela, na Casa da Concha, rúa da Conga, nº 1.

Artigo 4. Funcións

Correspóndenlle ao Consello Social as funcións seguintes:

1. No ámbito da súa propia organización e funcionamento:

a) Elaborar o seu regulamento de organización e funcionamento, así como as súas modificacións, e elevarllo á consellería competente en materia de universidades para a súa aprobación.

b) Propoñer o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designou, logo de declaración da súa situación de incompatibilidade ou de incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

c) Informar a Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros, consonte o disposto na normativa vixente.

2. No ámbito da relación entre a universidade e a sociedade:

a) Aprobar un plan anual de actuacións destinado a promover as relacións entre a Universidade e o seu ámbito cultural, profesional, económico e social ao servizo da calidade da actividade universitaria.

b) Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que remitirá ao Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia de universidades.

c) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación na Universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos e ao mecenado á Universidade por parte de persoas físicas e entidades.

d) Realizar estudos sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudos da Universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral das persoas tituladas universitarias, sobre a investigación desenvolvida na Universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia de universidades, de acordo coas funcións propias deste órgano.

e) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento do estudantado universitario ás demandas do mercado laboral e, en especial, a sinatura de convenios entre a Universidade e outras entidades, públicas e privadas, orientadas a completar a formación do alumnado e dos titulados e das tituladas da Universidade e mais a facilitar o seu acceso ao mundo empresarial.

f) Estimular a actividade investigadora da Universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de I+D+i compartidos entre Universidade, empresas e tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

g) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios e das universitarias, apoiando as súas manifestacións no seo da Universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.

h) Outorgar, se é o caso, axudas, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas funcións.

3. No ámbito económico, financeiro e patrimonial:

a) Supervisar as actividades de carácter económico da Universidade.

b) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da Universidade, así como realizar o seu seguimento.

c) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da Universidade e coñecer as contas das entidades públicas ou privadas dependentes dela. Os órganos responsables da execución do orzamento deberán informar o Consello Social do estado de execución cando así llo solicite.

d) Aprobar, con carácter previo á súa rendición perante ao órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da Universidade e das entidades dependentes dela, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, podendo acordar de xeito motivado a realización de auditorías externas.

e) No caso de liquidación do orzamento con remanente de tesouraría negativo, proceder á redución do gasto no novo orzamento por contía igual ao déficit producido, nos termos establecidos pola lexislación estatal vixente.

f) Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades, así como emitir informe en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

g) Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.

h) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos da Universidade, con especificación da totalidade dos seus custos, das ditas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe sobre os convenios colectivos do persoal contratado con carácter previo á súa formalización.

i) Acordar, por proposta do Consello de Goberno da Universidade, e dentro dos límites fixados pola Xunta de Galicia, a asignación singular e individual de complementos retributivos adicionais, ligados a méritos docentes, investigadores e de xestión, aos membros do persoal docente e investigador da Universidade, logo de valoración dos méritos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

j) Ser informado dos contratos ou convenios en que a Universidade sexa parte e daqueles que se subscriban ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

k) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da Universidade, e aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da Universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto, a Universidade contará cun inventario, que deberá remitir ao Consello Social cando así se solicite.

l) Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola Universidade de herdanzas, doazóns ou legados.

m) Emitir informe sobre a creación ou a adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

n) Aprobar a creación, a modificación substancial ou a extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades en cuxo capital ou fondo patrimonial teña participación a Universidade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, así como a integración nestas.

ñ) Velar para que, con carácter previo á aprobación das contas anuais da Universidade, se faga a auditoría correspondente, sen prexuízo das competencias da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. No ámbito da supervisión de actividades universitarias:

a) Supervisar o rendemento e a calidade dos servizos universitarios, formulando, se é o caso, suxestións e propostas ao Consello de Goberno da Universidade, orientadas a promover a excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos.

b) Solicitar das administracións públicas, oído o Consello de Goberno, a realización de informes e inspeccións dos servizos que presta a Universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servizos.

c) Acordar, co reitor ou reitora, nos termos previstos na lexislación orgánica de universidades, o nomeamento e o cesamento da persoa titular da xerencia.

d) Supervisar que a política de bolsas, axudas, exencións e créditos ao estudo e á investigación que outorgue a Universidade con cargo aos seus orzamentos ordinarios se desenvolva conforme os principios de publicidade, mérito e capacidade.

e) Emitir informe, con carácter previo á súa proposta á Xunta de Galicia, sobre os acordos do Consello de Goberno relativos á implantación e á supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como a creación, a modificación e a supresión de centros, institutos universitarios de investigación ou calquera outra figura que adopten.

f) Emitir informe, con carácter previo á súa proposta á Xunta de Galicia, sobre os acordos do Consello de Goberno relativos á adscrición ou á desadscrición á Universidade de centros docentes, de titularidade pública ou privada, para impartir ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, mediante a aprobación do correspondente convenio, así como a adscrición ou a desadscrición de institutos ou centros universitarios de investigación, de institucións ou centros de investigación de carácter público ou privado.

g) Propoñer a creación e a supresión de centros dependentes da Universidade sitos no estranxeiro que impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

h) Aprobar as normas que regulen o progreso e a permanencia na Universidade dos e das estudantes de acordo coas características dos respectivos estudos.

i) Designar de entre os seus membros pertencentes á representación social ás persoas representantes do Consello Social nas entidades e institucións que corresponda e, en particular, as persoas representantes no Consello de Goberno da Universidade, nos termos establecidos na Lei orgánica de universidades.

Artigo 5. Outras funcións

O Consello Social desenvolverá ademais aquelas funcións que, de acordo coa súa natureza, lle sexan atribuídas polos estatutos ou normativa interna da Universidade e polo resto da normativa vixente.

Artigo 6. Relacións con outros órganos da Universidade e relacións de cooperación

1. As relacións entre o Consello Social e os outros órganos da Universidade rexeranse polos principios de coordinación, colaboración e lealdade no exercicio das súas respectivas atribucións.

2. No exercicio das súas funcións, o Consello Social, a través do seu presidente ou da súa presidenta, poderá solicitar a colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes ou non ao ámbito universitario, así como recadar a información que precise de todos os órganos da Universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e dos órganos similares a nivel estatal.

3. No exercicio das súas funcións, o Consello Social poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e organismos estatais ou estranxeiros.

4. O Consello Social establecerá canles de colaboración e encontro para buscar posturas e estratexias conxuntas, anualmente, coa finalidade de que a Universidade poida colaborar e adoptar solucións coordinadas, entre outros, nos seguintes temas:

a) Réxime de permanencia do alumnado.

b) Mobilidade do persoal docente, do alumnado e do persoal de administración e servizos.

c) Bolsas e axudas ao estudo.

d) Outros temas que sexan competencia do Consello Social.

TÍTULO II
Membros do Consello Social

Artigo 7. Composición

1. O Consello Social da USC estará integrado polos seguintes membros de conformidade co disposto pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia:

a) O presidente ou presidenta.

b) O reitor ou reitora da Universidade.

c) O secretario ou secretaria xeral da Universidade.

d) O/A xerente da Universidade.

e) Un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno da Universidade de entre os seus membros na forma que determinen os estatutos da USC.

f) Seis membros designados polo Parlamento de Galicia.

g) Seis membros designados pola Xunta de Galicia.

h) Un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Catro membros designados palas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega, na área de influencia da universidade.

j) Un membro designado pola corporación do Concello de Santiago de Compostela.

k) Un membro designado pola corporación do Concello de Lugo.

l) Un membro designado pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC.

m) Un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa da Universidade.

2. O presidente ou presidenta do Consello Social será nomeado ou nomeada por decreto da Presidencia da Xunta de Galicia de acordo co previsto no artigo 83 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia. Os restantes acordos de designación de persoas membros do Consello Social seranlle comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería. O decreto e as ordes de nomeamento deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

3. A condición de membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Artigo 8. Duración do mandato

A duración do mandato dos membros do Consello Social sinalados nos puntos 1.b, 1.c, 1.d e 1.e do artigo 7 será establecida polos estatutos da USC, e a duración do mandato dos restantes membros do Consello Social será de catro anos, renovable por unha soa vez.

Artigo 9. Incompatibilidades

1. A condición de persoa membro do Consello Social é incompatible co desempeño, por si ou por persoa interposta, de cargos directivos en empresas ou sociedades que contraten coa Universidade, así como coa participación superior ao 10 % no seu capital social. Quedan exceptuados desta incompatibilidade os contratos que se subscriban consonte o regulado no artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

2. Os membros do Consello Social designados en representación dos intereses sociais non poderán pertencer á comunidade universitaria.

3. A infracción do réxime de incompatibilidades previstas na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, así como doutras que poidan establecerse na normativa vixente, motivará por parte do Consello Social a proposta de remoción do membro en que concorran as devanditas circunstancias, á institución, á entidade ou ao organismo que efectuou a súa designación ou, se é o caso, elección.

Artigo 10. Cesamento e substitución

1. Os membros do Consello Social cesarán:

a) Por expiración do período de mandato. Non obstante, continuarán nas súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

b) Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento. A renuncia presentarase por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e á Presidencia do Consello Social, quen lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a cal producirá efectos.

c) Por cesamento no seu cargo, no caso de membros natos.

d) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou suspensión de emprego ou cargo público.

e) Por decisión da autoridade, da entidade ou da institución que o designou, no caso de incumprimento dos deberes e das obrigas como membro do Consello Social.

2. O Pleno do Consello Social poderá propoñer o cesamento dalgún/dalgunha conselleiro/a á autoridade competente ou órgano que o designou nos seguintes casos:

a) Abandono manifesto e incumprimento reiterado dos deberes do seu cargo.

b) Se no prazo dun mes desde que concorra nun conselleiro unha causa de incompatibilidade este non elixise un posto ou outro no dito prazo.

c) A ausencia a tres ou máis sesións consecutivas do Pleno non xustificadas, ou a catro sesións non consecutivas ao longo dun ano. A xustificación da non asistencia a un Pleno realizarase por escrito enviado á Secretaría do Consello Social no prazo de vinte e catro horas antes da realización da xuntanza, excepto causas de forza maior.

d) A non asistencia inxustificada a máis de dúas sesións da Comisión a que pertenza.
A xustificación da non asistencia a unha Comisión realizarase por escrito enviado á Secretaría do Consello Social no prazo de vinte e catro horas antes da realización da xuntanza, excepto causas de forza maior.

e) A non asistencia inxustificada ás sesións en que se debata o orzamento da USC, a programación plurianual ou os criterios xerais sobre a política do cadro de persoal.

Artigo 11. Provisión de vacantes

1. As vacantes que se produzan antes da finalización do mandato serán cubertas pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non se comunicar o acordo de designación, dentro do prazo anterior, á persoa titular da consellería competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato.

2. O mandato do membro substituto estenderase só polo período que reste para concluír o do substituído, e será efectivo desde o momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Dereitos e deberes

1. Son dereitos dos conselleiros:

a) Presentar mocións ou suxestións para a deliberación e adopción de acordos ou recomendacións polo Pleno ou para o seu estudo nunha Comisión.

b) Recibir, cunha antelación mínima de sete días hábiles para sesións ordinarias e corenta e oito horas para sesións extraordinarias, a convocatoria que conterá a orde do día das sesións.

c) Asistir con voz ás sesións dos órganos de que formen parte e participar nos debates.

d) Exercer o seu dereito de voto e formular votos particulares, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Ser informado de canto aconteza no Consello Social e que interese para o seu bo funcionamento.

g) Conseguir, a través do/a presidente/a do Consello Social, canta información, datos ou documentos consideren necesarios para o exercicio das súas funcións.

h) Percibir as axudas de custo e gastos de locomoción no exercicio dos seus cargos.

i) Gozarán de plena independencia para o exercicio das súas competencias.

2. Son deberes dos conselleiros:

a) Desenvolver as súas funcións velando polos intereses xerais da institución universitaria.

b) Desempeñar os seus cargos persoalmente.

c) Asistir ás sesións do Pleno e das comisións das cales formen parte.

d) Executar cantos labores lles sexan encomendados por razóns dos seus cargos.

e) Poñer en coñecemento do Consello Social calquera información que poida afectar as actuacións ou competencias deste.

f) Gardar segredo sobre a documentación posta á súa disposición, as deliberacións internas, así como sobre as materias e actuacións que expresamente se declaren reservadas.

g) Observar en todo momento a normativa de incompatibilidades que, segundo a lexislación vixente, os poida afectar.

Artigo 13. Indemnizacións

O cargo de conselleiro do Consello Social é honorífico. Porén, o/a presidente/a e os conselleiros terán dereito a percibir as axudas de custos de locomoción e manutención, así como as axudas de custo de asistencia que poidan corresponderlles por asistir ás reunións do Consello Social, nas contías establecidas na normativa vixente, agás cando manifesten por escrito a súa renuncia expresa a estas.

TÍTULO III
Organización e funcionamento do Consello Social

Artigo 14. Estrutura interna

1. Son órganos colexiados do Consello Social:

a) O Pleno.

b) A Comisión Executiva, se a houber.

c) As restantes comisións, tanto permanentes como temporais.

2. Son órganos unipersoais:

a) A Presidencia.

b) A Secretaría.

c) O/A ou os/as vicepresidentes ou vicepresidentas, se os/as houber.

CAPÍTULO I
O Pleno

Artigo 15. Natureza e composición

1. O Pleno do Consello Social é o seu máximo órgano de goberno e está integrado por todos os seus membros.

2. Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao trimestre e con carácter extraordinario cando así o acorde o presidente ou a presidenta, por proposta do reitor ou reitora da Universidade, ou o soliciten por escrito a maioría dos seus membros. No escrito de solicitude, que deberá estar asinado por cada un dos conselleiros ou conselleiras que o soliciten, deberán constar os motivos da sesión extraordinaria e os asuntos que se desexen incluír na orde do día. Neste caso, o/a presidente/a deberá convocar o Pleno nun prazo máximo de sete días hábiles desde a recepción da solicitude.

Artigo 16. Convocatoria das sesións

1. As reunións ordinarias serán convocadas polo/a presidente/a mediante comunicación escrita ou por vía telemática que dirixirá a todos os conselleiros e conselleiras cunha antelación de polo menos sete días hábiles á realización da sesión e con indicación da orde do día. No caso de urxencia para reunións extraordinarias, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.

2. A orde do día dos plenos ordinarios fixaraa o presidente ou presidenta, considerando, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa debida antelación. Incluiranse obrigatoriamente aqueles puntos que foron presentados por escrito, avalados mediante sinatura da maioría dos membros.

Artigo 17. Funcións

1. O Pleno poderá acordar por maioría absoluta dos seus membros a delegación dalgunhas das súas competencias noutros órganos, aínda que non sexan xerarquicamente dependentes, cando existan circunstancias de índole técnica, académica, social, económica, xurídica ou de eficacia que o faga conveniente.

2. Exerce con carácter indelegable a competencia decisoria nas materias a que se refiren o número 1; número 2, letras a), b), h); número 3, letras b), c), d), e), f), g), m), n), e número 4, letras c), e), f), g), h) e i) do artigo 4, así como as restantes que teña recoñecidas o Consello Social en canto non se encontren encomendadas a outros órganos deste.

CAPÍTULO II
As comisións

Artigo 18. Comisión Executiva

1. O Pleno poderá constituír unha Comisión Executiva, que poderá adoptar acordos, excepto os recollidos no artigo 17.2 deste regulamento, e que gozará de capacidade de decisión naqueles asuntos da súa competencia que o Pleno lle delegue.

2. Estará composta por un máximo de dez membros: o presidente ou presidenta, quen exercerá a presidencia da comisión, o/a vicepresidente/a ou vicepresidentes/as, se os houber, o reitor ou reitora, o/a xerente, o resto serán conselleiros da parte social que manifesten a súa vontade e cuxo nomeamento sexa aprobado polo Pleno con maioría simple.

3. O quórum para a válida constitución da Comisión Executiva, así como para a deliberación e adopción de decisións no seu seo, será da metade máis un do número de membros do órgano con dereito a voto.

4. As funcións e competencias da Comisión Executiva serán:

• Emitir informe sobre as modificacións da relación de postos de traballo do persoal docente e investigador, así como do persoal de administración e servizos.

• Ser informado sobre os contratos e convenios en que a Universidade sexa parte e daqueles que se subscriban ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

• Acordar, dentro dos límites fixados pola Xunta de Galicia, a asignación singular e individual de complementos retributivos adicionais, ligados a méritos docentes, investigadores e de xestión, aos membros do persoal docente e investigador da Universidade, logo de valoración dos méritos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

• Aprobar as taxas de cursos de posgrao propios.

• Aprobar a repartición entre os departamentos da USC das bolsas de colaboración do Ministerio de Educación.

• Aprobar a aceptación de herdanzas, doazóns ou legados a favor da USC.

• Aprobación de cesións de uso de material.

• Aprobar a convocatoria de concurso público da auditoría da USC e das sociedades mercantís.

• Establecer as liñas do orzamento do Consello Social.

• Canalización de iniciativas e priorización destas.

• Calquera outra competencia delegable polo Pleno e logo de aprobación deste.

5. Informar o Pleno, na súa primeira xuntanza desde a realización da Comisión Executiva, das decisións adoptadas.

Artigo 19. Outras comisións

1. O Pleno poderá constituír unha ou varias comisións tanto permanentes como temporais.

2. A súa creación, composición, atribucións e funcionamento serán regulados polo Pleno do Consello Social nunha sesión ordinaria que se convocará para ese efecto.

3. As funcións das comisións consistirán en estudar, deliberar e propoñer ao Pleno a adopción de decisións sobre materias que lles fosen atribuídas.

4. Poderá formar parte das comisións todo aquel conselleiro ou conselleira que manifeste a súa vontade.

5. As comisións permanentes e temporais poderán estar presididas pola persoa que designe o presidente ou presidenta, cando este/a así o considere oportuno de xeito temporal ou permanente.

Artigo 20. Convocatoria das sesións

As reunións ordinarias serán convocadas polo/a presidente/a da comisión mediante comunicación escrita ou telemática, que dirixirá a todos os conselleiros e conselleiras pertencentes a esta, e cunha antelación de polo menos sete días hábiles á realización da sesión e con indicación da orde do día. No caso de urxencia para as reunións extraordinarias, o prazo de convocatoria será de corenta e oito horas.

CAPÍTULO III
O/A presidente/a

Artigo 21. Nomeamento e cesamento

1. O presidente ou presidenta do Consello Social desempeña, para todos os efectos, a representación legal do órgano.

2. Será designado ou designada pola Presidencia da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia universitaria, logo de escoitar o reitor ou reitora da Universidade.

3. O seu mandato é de catro anos, renovable por unha soa vez, e seralle aplicable o previsto na Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, para o cesamento e substitución dos membros do Consello Social.

4. Exerce, no Pleno e en todas as comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate.

Artigo 22. Substitución

No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou calquera outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo/a vicepresidente/a que designe, de haber máis dun/dunha. De non existir vicepresidente/a, será substituído/a polo/a conselleiro/a que designe de entre os representantes dos intereses sociais. Se non pode nomear ningún substituto/a, ocuparía a presidencia o/a conselleiro/a, representante dos intereses sociais, de maior antigüidade presente na sesión.

Artigo 23. Funcións

Son funcións do/a presidente/a:

a) Garantir o cumprimento das funcións e competencias do Consello Social.

b) Convocar, fixando a orde do día, e presidir as sesións do Consello Social.

c) Abrir e levantar as sesións, dirixir as deliberacións, conceder e denegar a palabra, determinar, de ser o caso, os tempos de intervención e decidir co seu voto de calidade no caso de empate.

d) Coordinar as actividades dos membros e dos órganos do Consello.

e) Invitar aos plenos, con voz pero sen voto, a todas aquelas persoas que considere oportuno en razón dos temas que se traten.

f) Nomear e dispoñer o cesamento do/a secretario/a do Consello Social.

g) Informar dos acordos adoptados polo Pleno do Consello á autoridade competente para a súa execución.

h) Reclamar das autoridades académicas, administracións públicas ou de calquera outra entidade privada, cantos informes, estudos e ditames considere oportunos.

i) Control dos servizos do Consello Social e da execución do seu orzamento.

j) Calquera outra que poida ser útil para o bo funcionamento do Consello Social.

CAPÍTULO IV
O/A secretario/a

Artigo 24. Nomeamento e cesamento

1. O/A secretario/a do Consello Social será designado/a e separado/a por decisión do/a seu/súa presidente/a. Se a designación recae nunha persoa que non sexa membro do Consello Social, actuará con voz pero sen voto.

2. Exerce no Pleno e nas comisións as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 25. Funcións

Son funcións do/a secretario/a:

a) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da presidencia.

b) Levantar actas das sesións do Pleno e das comisións.

c) Custodiar o libro de actas do Consello Social, así como expedir os documentos e certificacións que resulten das actas e acordos do Pleno do Consello Social e das comisións.

d) Facilitar a documentación que os membros lle soliciten en cumprimento do presente regulamento.

e) Levar a contabilidade dos fondos do Consello Social e elevar ao Pleno a proposta relativa aos medios persoais e materiais necesarios para o funcionamento interno do Consello.

f) Dirixir o labor administrativo, así como o do persoal e servizos adscritos á Secretaría do Consello.

g) Someter á aprobación do Pleno a memoria anual de actividades do Consello.

Artigo 26. Substitución

No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou calquera outra causa legal, o/a secretario/a será substituído polo conselleiro que o/a presidente/a designe de entre os membros que representan os intereses sociais.

CAPÍTULO V
O/A vicepresidente/a ou os/as vicepresidentes/as

Artigo 27

1. O/A presidente/a poderá nomear e separar unha ou varias vicepresidencias.

2. Poderán exercer a presidencia dalgunha das comisións cando o/a presidente/a o considere oportuno.

CAPÍTULO VI
Funcionamento

Artigo 28. Quórum das sesións

1. O quórum para a válida constitución dos órganos do Consello Social, así como para a deliberación e adopción de decisións no seu seo, será da metade máis un do número de membros do órgano con dereito a voto en primeira convocatoria, e dun terzo en segunda convocatoria.

2. Para os efectos deste cómputo, terase en conta o disposto no artigo 30 deste regulamento respecto da delegación de voto.

Artigo 29. Votacións e acordos

1. Os acordos e decisións adoptaranse por maioría simple de votos. No caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente ou presidenta.

2. Non obstante o disposto no número anterior, para a aprobación do orzamento da Universidade, da programación plurianual e dos criterios xerais sobre a política do cadro de persoal, exixirase o voto favorable da maioría absoluta dos membros do Consello. Esta maioría será tamén exixible en todos aqueles casos en que o Pleno, por maioría simple dos asistentes, así o decida.

3. As votacións poderán efectuarse:

a) A man alzada.

b) Nominais.

c) Secretas, cando así o solicite un membro do Consello. En todo caso, serán secretas cando afecten persoas concretas.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

5. A Presidencia do Consello Social, por iniciativa propia ou, de ser o caso, por instancia dalgún membro do Consello, pode invitar para asistir ás sesións dos órganos colexiados, con voz pero sen voto, persoas expertas e membros da comunidade universitaria, de acordo coa natureza dos asuntos que se vaian tratar.

6. Os acordos que tome o Pleno do Consello Social en exercicio das súas funcións, ou da Comisión Executiva, adoptarán a forma de acordos, que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interposición previa do recurso potestativo de reposición. Non obstante, as decisións tomadas polas outras comisións en exercicio poderán impugnarse en alzada perante o Pleno do Consello Social.

7. Os acordos adoptados polo Consello Social serán executivos consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. Correspóndelle ao reitor ou reitora a execución dos acordos adoptados polo Consello Social, que lle serán comunicados a través da Secretaría do Consello Social.

9. O/A secretario/a, co visto e prace do/a presidente/a, remitirá inmediatamente unha certificación dos acordos á Secretaría Xeral da Universidade.

10. Estes acordos serán notificados na forma que proceda, dándose a publicidade oportuna a aqueles que o Consello considere de especial transcendencia para a sociedade.

Artigo 30. Delegación de voto

Os/As conselleiros/as do Consello social desempeñarán os seus cargos persoalmente. Non obstante, para unha sesión concreta, poderán delegar o seu voto cumprindo as seguintes indicacións:

a) A delegación de voto realizarase por escrito dirixido á Presidencia, no cal constará o motivo ou motivos da delegación, así como o nome da persoa en quen se delega o voto, e deberase ter recibido na Secretaría do Consello Social cunha antelación mínima de vinte catro horas á realización da xuntanza.

b) Cada conselleiro/a presente nunha sesión poderá asumir ata un máximo dunha delegación.

c) Para os efectos de establecer o número de asistentes, o quórum, así como as maiorías, consideraranse presentes os membros do Consello que teñan exercido de xeito correcto a delegación de voto.

d) O/A presidente/a, logo de verificar que existe quórum, informará os presentes das delegacións de voto recibidas.

Artigo 31. As actas

1. De cada sesión levantarase acta, que conterá, como mínimo:

a) Identificación das persoas que asistiron.

b) A orde do día da reunión e os puntos principais de deliberación.

c) As circunstancias de lugar e tempo en que se realizou.

d) A forma e resultado das votacións.

e) O contido dos acordos.

2. Os membros do Consello Social presentes na votación poderán facer constar en acta o seu voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que o xustifiquen, así como calquera outra circunstancia que consideren pertinente.

3. A elaboración da acta corresponderá ao/a secretario/a do Consello Social. No caso de ausencia deste/a, a elaboración correspóndelle, con carácter excepcional, ao membro do Consello que designe o/a presidente/a.

4. As actas serán asinadas polo/a secretario/a co visto e prace do/a presidente/a, e aprobaranse, se procede, na seguinte sesión ordinaria do Pleno.

TÍTULO IV
Medios materiais, persoais e económicos do Consello Social

Artigo 32. Medios persoais e materiais

O Consello Social disporá para a súa administración dos medios materiais e persoais necesarios para a consecución dos seus fins, e dunha oficina de Secretaría. A dirección e bo funcionamento desta serán competencia do/a secretario/a do Consello.

Artigo 33. Medios económicos

O Consello Social xestionará a súa partida orzamentaria específica, que figurará dentro dos orzamentos da Universidade, e nela garantirase en todo caso a suficiencia dos recursos asignados para o cumprimento das súas funcións. Para estes efectos, o plan de financiamento das universidades do Sistema universitario de Galicia establecerá unha dotación económica nominativa, de acordo coa Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

TÍTULO V
Reforma do regulamento

Artigo 34. Procedemento

1. A iniciativa para a reforma do regulamento pode ser adoptada polo/a presidente/a do Consello ou mediante unha proposta asinada pola maioría dos membros do Consello Social.

2. As propostas de reforma do regulamento deberán estar debidamente articuladas e motivadas. Recibida a proposta, será sometida a votación para a súa toma en consideración polo Pleno do Consello.

3. Para que a reforma sexa adoptada deberá de recibir o voto da maioría absoluta do Pleno do Consello. De non ser así, a proposta de reforma considerarase rexeitada e non se poderá propoñer unha reforma idéntica ata que transcorra un período de dous anos, salvo que medie acordo dos dous terzos dos membros do Consello.

4. Á reforma do regulamento deberáselle aplicar tamén a disposición transitoria sétima da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, para a súa sanción pola consellería competente en materia de universidades e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional única

O presente regulamento debe ser integrado e interpretado no marco do disposto nos estatutos da USC e nas normas legais e regulamentarias de ensino universitario, así como no resto do ordenamento xurídico que sexa de aplicación.

Para o que non estea disposto neste regulamento nin nos estatutos da Universidade, aplicarase o que dispón a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derrogatoria

O presente regulamento substituirá o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Social da USC publicado por Resolución do 22 de abril de 2004, no Diario Oficial de Galicia número 90, do 11 de maio.

Disposición derradeira

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.