Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 21 de agosto de 2014 Páx. 36089

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira, situada no termo municipal de Mazaricos (A Coruña) e promovida por Ferroatlántica, S.A.U. (expediente IN407A 2013/214-1).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento de Ferroatlántica, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificación no Paseo de la Castellana, 259, D, 49ª planta, 28046 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 6 de novembro de 2006 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución da subestación eléctrica A Ponte Olveira 220/66 kV 1×40 MVA, no termo municipal de Mazaricos (A Coruña), promovida por Ferroatlántica, S.L. (expediente IN407A 2005/254-1). Non obstante, esta subestación eléctrica non se chegou a executar.

Segundo. O 4 de outubro de 2013 Ferroatlántica, S.A.U. presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira, xunto coa preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo consta nesta solicitude e no proxecto de execución presentado que substitúe o proxecto orixinal (ao que se fai referencia no antecedente de feito primeiro desta resolución), as exixencias derivadas do cambio de lugar da nova central hidroeléctrica A Ponte Olveira II obrigan a realizar lixeiras modificacións respecto ao proxecto orixinal, na distribución inicialmente prevista para a súa execución. Estes cambios afectan principalmente a localización e, polo tanto, a distribución en planta da subestación, polo que obrigan a realizar axustes no alcance da obra civil prevista.

As características técnicas da subestación eléctrica obxecto do proxecto de execución modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira son as seguintes:

• A subestación proxectada sitúase na parcela pertencente á central hidroeléctrica da Ponte Olveira, dentro do termo municipal de Mazaricos (A Coruña). A totalidade da subestación (zona 66 kV e zona 220 kV) sitúase en terreos propiedade de Ferroatlántica, S.A.U.

• Parque intemperie convencional en 220 kV situado fronte á fachada da central hidroeléctrica, en dous niveis: o primeiro nivel (cota +238) estará composto por dúas chegadas de liña e un embarrado en 220 kV; o nivel superior (cota +244) conterá unha posición de transformador en 220 kV e o transformador de potencia 220/66 kV de 40 MVA para dar servizo aos complexos hidroeléctricos actuais de Fervenza e A Ponte Olveira e, no futuro, ás súas ampliacións denominadas Fervenza II, A Ponte Olveira II e tamén ao salto de Novo Castrelo.

• Caseta de control e monitorización, de planta rectangular 7,00×3,00 m2 e 3,00 de altura útil, na cal se situarán os cadros de proteccións, cadro de servizos auxiliares e armario de baterías.

• Parque de intemperie a 66 kV localizado na actual situación da subestación da central da Ponte Olveira. Instalaranse catro módulos compactos PASS M00 para conexión das liñas procedentes das centrais hidroeléctricas de Novo Castrelo, Fervenza e A Ponte Olveira conectados por medio de embarrado de 66 kV con medida de tensión.

• Transformador elevador 66/30 kV no parque intemperie de 66 kV para elevar a tensión da liña de evacuación da central hidroeléctrica de Fervenza (30 kV) antes da conexión ao módulo PASS.

• A obra civil inclúe:

– Demolición de construcións existentes e desmontaxe da actual subestación 6/66 kV da central hidroeléctrica A Ponte Olveira.

– Acondicionamento de accesos.

– Construción de sala de control en edificio prefabricado de 7×3 m2 e 3 m de altura útil.

– Urbanización da parcela.

– Cimentación de aparellaxe e bancadas de transformadores.

– Instalación de estruturas aparellaxe eléctrica.

– Construción de canalizacións e canles para cables.

– Construción de rede de drenaxes.

– Tendido de rede de terras.

• Instalacións eléctricas proxectadas:

– Dúas chegadas de liña de 220 kV con seccionamento.

– Unha posición de transformador de 220 kV.

– Un transformador de potencia 220/66 kV, cunha potencia de 40 MVA.

– Unha posición de transformador en 66 kV (tipo compacto, PASS M00).

– Tres posicións de 66 kV para a LAT 66 kV das centrais da Ponte Olveira + A Ponte Olveira I, Fervenza I + Fervenza II e Novo Castrelo (tipo compacto, PASS M00).

– Un transformador de potencia 66/30 kV cunha potencia de 12,5 MVA para elevar a tensión da LAT da central hidroeléctrica de Fervenza.

– Unha posición de transformador en 30 kV para a conexión da liña procedente da central hidroeléctrica de Fervenza mediante a instalación de celas con 36 kV como tensión máxima asignada e illamento ao aire.

Terceiro. O 9 de xaneiro de 2014 a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria (en diante, Xefatura Territorial) trasladou unha separata técnica do dito proxecto de execución (modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira) ao organismo Augas de Galicia, na súa calidade de organismo con bens e dereitos afectados, para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

Este organismo emitiu informe, con data 11 de marzo de 2014, no cal sinala que as obras son perfectamente viables, sen prexuízo do que resulte da tramitación ordinaria do procedemento de autorización que debe instar o interesado ante o dito organismo. O 23 de abril de 2014 Ferroatlántica, S.A.U. presentou a súa conformidade con este informe.

Cuarto. O 18 de outubro de 2013 a Xefatura Territorial ditou resolución pola cal se someteu a información pública a petición de autorización administrativa da citada infraestrutura eléctrica (modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 18 de marzo de 2014 e no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 21 de febreiro de 2014.

Durante o período en que o dito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 20 de maio de 2014 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable sobre a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica (modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que resulta de aplicación conforme ao disposto nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

De conformidade co que antecede e en exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada modificación de proxecto de subestación 220/66 kV 1×40 MVA na Ponte Olveira, situada no termo municipal de Mazaricos e promovida por Ferroatlántica, S.A.U.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Ferroatlántica, S.A.U., asinado polo enxeñeiro técnico industrial Ángel V. Argiz Fernández (colexiado nº 387 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña) e visado por este colexio con nº 2412/13 e data 12 de setembro de 2013, e no cal figura un orzamento de 1.455.737 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberase cumprir en todo momento canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas