Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 20 de agosto de 2014 Páx. 35861

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de agosto de 2014 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2013/14.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade na súa repartición. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, no mérito e no esforzo persoal e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo (DOG do 13 de xullo), polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que a dita etapa se organiza de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e que as medidas que se establezan neste ámbito estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa, e non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2013/14 co obxecto de dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2014 cunha dotación global de 15.000 €.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción.

4. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter cursado durante o ano académico 2013/14 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. Ter unha media das cualificacións igual ou superior a 9,00 puntos. Esta nota media será a media aritmética das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da etapa. A media aritmética das cualificacións da etapa expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia á superior, e deberá reflectirse na certificación académica a que se fai referencia no artigo 5 da presente orde.

a) Segundo o establecido nas disposicións adicionais do Decreto 133/2007 polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria, para a obtención da nota media non se terá en conta a área de Relixión.

b) As cualificacións de «apto», «exento» ou «validado» non serán tidas en conta para o cálculo da nota media.

4. O/a solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario/a de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os/as representantes legais dos/as solicitantes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311D dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

O/a solicitante pode escoller entre presentar a solicitude presencialmente ou entregala na secretaría do centro educativo en que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite.

Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se considerarán incluídos dentro das dependencias enumeradas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Documentación

1. Solicitude cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.3, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro en que se atope o expediente académico.

3. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá por parte da dirección do centro educativo en que está o expediente académico, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado na aplicación informática:

https://www.edu.xunta.es/premioseso

4. Fotocopia do documento de identidade (DNI ou NIE do/a solicitante) (só no caso de que o/a interesado/a non preste o consentimento para a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas).

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros educativos proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou ao alumnado que opte por presentar directamente toda a documentación requirida, segundo o establecido no artigo 4 desta orde, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media á que se refire o artigo 3.3, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro en que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, por parte da dirección do centro no que está o expediente académico, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado na aplicación informática https://www.edu.xunta.es/premioseso

2. Se o alumnado opta pola opción de presentar a solicitude no centro educativo onde está o seu expediente académico, serán os centros os que remitirán toda a documentación do alumnado durante o prazo de presentación das solicitudes, ou máximo nos tres días posteriores, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes no portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es e na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premioseso

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos/as e excluídos/as os/as interesados/as disporán, dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido/a da súa petición, arquivándose esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de alumnado admitido ou excluído, no portal educativo https:www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 8. Realización da proba para a obtención do premio

1. Os aspirantes aos premios extraordinarios ao rendemento académico deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes que valorarán os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, e constará de diversas cuestións coas cales deberá mostrar o grao de consecución das competencias social e cidadá, en comunicación lingüística e matemática. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en Lingua Galega e Literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións de tres materias do currículo de cuarto curso: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Matemáticas e unha a escoller de entre Bioloxía e Xeoloxía, Educación Plástica e Visual, Física e Química, Latín, Música e Tecnoloxía.

2. Para poder aspirar ao premio deberase obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias da proba.

3. Cada unha das materias cualificarase entre 1 e 10 puntos e só se poderá utilizar un decimal. O resultado de cada parte obterase mediante a suma das cualificacións das materias que a compoñen, no caso de alumnado con exención en Lingua Galega e Literatura só computarán na primeira parte da proba as cualificacións de Lingua Castelá e Literatura e Primeira Lingua Estranxeira. A nota final será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba ao abeiro do establecido no número 1 deste artigo.

4. Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, en caso de empate darase preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.3; despois, á cualificación da primeira parte da proba e, finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal procederá a realizar un sorteo.

5. O tribunal poderá declarar deserto algún dos premios.

6. As probas terán lugar nos lugares e datas que se publicarán oportunamente no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar a proba constituirase un tribunal formado por:

Presidente/a: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Para os efectos de colaboración no disposto no punto anterior poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e outros/as especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polos decretos 144/2008, do 26 de xuño e 96/2011, do 5 de maio.

Artigo 10. Resolución provisional da concesión dos premios

1. O tribunal fará pública as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es e na páxina web https://www.edu.xunta.es/premioseso

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do tribunal presentándoa no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que a mesma sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax número 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo sacse@edu.xunta.es

a) As probas sobre as que se solicitase esta reclamación serán revisadas por un/unha especialista distinto/a ao/á que realizou a primeira corrección.

b) A cualificación final resultará da media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que existise unha diferenza de 2 ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

Artigo 11. Resolución definitiva

1. O tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. A acta quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

2. O titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta, feita polo tribunal, ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado premiado indicará a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e presentará unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación da declaración incluída no anexo I desta orde, o/a beneficiario/a ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Información aos/ás interesados/as

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo https://www.edu.xunta.es, na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso e na Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 16. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado alumnado cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Edificio Administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 15781 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a sxt.cultura.educacion@xunta.es

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file