Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 6 de agosto de 2014 Páx. 33837

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de xullo de 2014 pola que se aproban os estatutos do Colexio de Economistas de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponden á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a competencia nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

En cumprimento desta disposición, o Colexio de Economistas de Ourense acordou, en asemblea xeral do 15 de maio de 2014, a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido na Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio de Economistas de Ourense, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria

Estes estatutos derrogan os anteriores, aprobados pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 13 de febreiro de 2006.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio de Economistas de Ourense

Título I
Do Colexio de Economistas de Ourense

Artigo 1. Natureza xurídica

a) O Ilustre Colexio de Economistas de Ourense é unha corporación de dereito público que se constitúe ao abeiro do artigo 36 da Constitución española; da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, reguladora dos colexios profesionais; da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e do Decreto 243/2004, do 7 de outubro, de creación do Colexio de Economistas de Ourense por segregación do Colexio de Economistas de Madrid. Constitúese como autoridade competente, de acordo co establecido no artigo 3 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, no ámbito das competencias que lle outorga a lexislación vixente. Atópase encadrado na organización colexial dos economistas de España, formada polo Consello Xeral de Economistas de España, os consellos xerais autonómicos e os colexios de economistas.

b) O Ilustre Colexio de Economistas de Ourense ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Ámbito territorial e sede

1. O ámbito territorial do Ilustre Colexio de Economistas de Ourense é o da provincia de Ourense.

2. O Ilustre Colexio de Economistas de Ourense terá a súa sede na cidade de Ourense e o seu domicilio na avenida da Habana, 30, 1º A.

Artigo 3. Ámbito persoal

Este estatuto é de aplicación a todos os colexiados desta corporación, así como a todos aqueles economistas que exerzan no seu ámbito territorial.

Artigo 4. Fins

O Ilustre Colexio de Economistas de Ourense ten como fins:

1. Exercer a representación exclusiva da profesión, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

2. Coidar de que a actividade profesional ofreza á sociedade as garantías suficientes de calidade e competencia.

3. Ordenar e regulamentar o exercicio da profesión mediante a emisión de normas técnicas e éticas de actuación.

4. Coidar de que a profesión se ateña ás normas éticas e xurídicas que a regulan. En particular, exixir aos colexiados que a súa conduta en materia de comunicacións comerciais sexa axustada ao disposto na lei, coa finalidade de salvagardar a independencia e integridade da profesión, así como, de ser o caso, o segredo profesional.

5. Exercer a función disciplinaria.

6. Procurar que os seus membros desfruten, en canto ao exercicio da profesión, das liberdades, garantías e consideracións que lles son debidas, así como cooperar cos colexiados no referente ao cumprimento dos deberes que lles impoñen as normas que regulan o exercicio da profesión.

7. Fomentar o desenvolvemento da profesión e o perfeccionamento da lexislación sobre as materias que lle son propias ou que o afectan.

8. Colaborar coa Administración nas competencias que esta lle delegue e participar nos seus órganos consultivos.

9. Cooperar administrativamente co obxecto de atender solicitudes de información sobre os seus colexiados, as sancións firmes, as peticións de inspección ou investigación que formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea.

10. Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, de previsión e outros análogos que sexan de interese para os colexiados.

11. Promover e desenvolver a formación profesional de cara ao perfeccionamento dos seus colexiados.

12. Colaborar con outras entidades e corporacións de ámbito estatal e estranxeiro e con organismos de carácter internacional no estudo da ciencia económica.

13. Constituír tribunais arbitrais no seo do Colexio para dirimir cuestións entre partes, que se someterán á decisión daqueles ao abeiro da lexislación vixente.

14. Atender os colexiados e os consumidores e usuarios a través do servizo creado para ese efecto.

15. Calquera outro que lle sexa propio por razón da natureza do Colexio.

Artigo 5. Patrocinio

O patrón do Ilustre Colexio de Economistas de Ourense é San Paulo.

Artigo 6. Tratamento

O Colexio de Economistas de Ourense terá o seu tratamento tradicional e, en todo caso, o de ilustre, e o seu decano, o de ilustrísimo señor. O dito tratamento e a denominación honorífica de decano teranse con carácter vitalicio.

TÍTULO II
Dos colexiados

Capítulo I
Dos colexiados e o seu ingreso no Colexio

Artigo 7. Membros do Colexio

Para ingresar no Colexio son necesarios os requisitos seguintes:

1. Ter a nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea ou dun Estado terceiro ao cal España aplique, de forma recíproca e efectiva, o principio da liberdade de circulación de profesionais, tanto polo que fai ao establecemento como á prestación ocasional de servizos, excepto os casos de dispensa legal.

2. Estar en posesión de calquera dos títulos seguintes:

2.1. De Doutor ou Licenciado en Ciencias Políticas e Económicas (sección de Economía); en Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais (sección de Económicas e Comerciais); en Ciencias Económicas e Empresariais; en Economía; en Administración e Dirección de Empresas; en Ciencias Actuariais e Financeiras.

2.2. Calquera outra nova titulación superior expedida por universidades españolas en substitución das nomeadas no punto 2.1 e que teña recoñecidos efectos habilitantes para o exercicio profesional no Estado español.

2.3. Calquera titulación ou acreditación que, recoñecida ou expedida pola Administración española en virtude da aplicación do sistema xeral de recoñecemento de títulos superiores dos Estados membros da Unión Europea, habilite para o exercicio profesional do economista.

2.4. Os intendentes mercantís e os actuarios de seguros poderán incorporarse ao Colexio coas mesmas condicións, dereitos e deberes que os titulados anteriormente citados.

3. Ser maior de idade.

4. Satisfacer a cota de ingreso fixada anualmente pola Xunta Xeral, en función dos custos asociados á tramitación e tendo en conta os servizos realmente prestados.

5. Formular a correspondente solicitude dirixida ao decano. A solicitude poderá realizarse na Secretaría do Colexio ou a través do portelo único habilitado na web do colexio.

Así mesmo, serán membros do Ilustre Colexio de Economistas de Ourense aqueles que, tendo o seu domicilio profesional, único ou principal, na provincia de Ourense, estivesen colexiados con anterioridade á creación do Ilustre Colexio de Economistas de Ourense e solicitasen o traslado do seu expediente e a súa alta neste.

Artigo 8. Perda da condición de colexiado

A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:

1. Defunción.

2. Incapacidade legal.

3. Separación ou expulsión como consecuencia do cumprimento de sanción disciplinaria que a comporte.

4. Baixa voluntaria comunicada por escrito.

5. Baixa forzosa por incumprimento das obrigacións económicas.

Neste último caso, será precisa a tramitación dun expediente sumario, logo de requirimento por escrito ao afectado para que, nun prazo establecido, regularice a súa situación.

En calquera momento poderase rehabilitar a colexiación, logo de aboamento dos descubertos pendentes e a cota de reingreso, no caso de que estivese prevista.

A perda da condición de colexiado non libera do cumprimento das obrigacións vencidas. Estas obrigacións poderanse exixir aos interesados ou aos seus herdeiros.

Os trámites de baixa poderán realizarse na Secretaría do Colexio ou a través do portelo único habilitado na web do Colexio.

Artigo 9. Obrigatoriedade da colexiación

A incorporación ao Colexio é obrigatoria para o exercicio libre da profesión de economista en calquera das súas formas. Enténdese como potestativa para aqueles que pertenzan ás administracións públicas sempre que as súas funcións se circunscriban soamente ás peculiaridades dos seus postos de traballo e non se exixa a colexiación para acceder a eles.

Deberá colexiarse no Colexio de Economistas de Ourense o economista cuxo domicilio profesional único ou principal, en caso de ter varios, estea no ámbito territorial deste colexio. Bastará a incorporación a un só colexio de economistas para exercer en todo o territorio nacional, sen necesidade de ningunha comunicación nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

O acceso e exercicio da profesión rexerase polo principio de igualdade de trato e non discriminación, en particular por razón de orixe racial, étnico, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos da sección III do capítulo III do título II da Lei 66/2003.

No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea observarase o disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Organizarase un sistema de cooperación entre os colexios de economistas para os efectos de poder colaborar no coñecemento e sanción polo colexio de inscrición das actuacións do profesional fóra do ámbito territorial en que estea inscrito, que poidan vulnerar os deberes colexiais, deontolóxico ou os dereitos dos consumidores e usuarios.

Soamente os profesionais colexiados poden utilizar a denominación de economista; noutro caso deberanse limitar á titulación académica que corresponda.

Enténdese por exercicio libre da profesión aquel que sexa desenvolvido por conta propia en réxime de autónomos.

Sen prexuízo do anterior, poderán ser membros do Colexio aqueles economistas que, tendo pasado á situación de xubilación, pertencesen ao Colexio polo menos durante o dez anos anteriores á dita xubilación. Estes colexiados poderán seguir utilizando a denominación de economista, engadindo sempre a expresión «sen exercicio», e sufragarán como cota colexial a establecida pola Xunta de Goberno para tal situación.

Artigo 10. Formas de exercicio profesional

A profesión de economista pódese levar a cabo a través dos seguintes réximes:

a) Exercicio libre, xa sexa individualmente ou en forma de sociedade. Requirirase efectuar a declaración correspondente ao Colexio.

b) Dependencia laboral.

c) Relación administrativa.

Ademais das colexiados persoas físicas, o Colexio de Economistas de Ourense recoñece o exercicio profesional de economista ás sociedades profesionais, con todos os dereitos e obrigacións recoñecidos na Lei 2/2007, de sociedades profesionais, cuxo exercicio profesional se rexerá polo previsto na lexislación aplicable, sen que o Colexio estableza outras restricións que as sinaladas nas leis aplicables.

As exixencias para exercer de forma exclusiva unha profesión ou que limiten o exercicio conxunto de dúas ou máis profesións, que poidan afectar os economistas, así como as restricións ás súas comunicacións comerciais nas profesións colexiadas, serán só as que se establezan por lei.

As sociedades profesionais inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio, creado para ese efecto, e o Colexio exercerá sobre elas os dereitos e as competencias que outorga a mencionada lei.

Capítulo II
Dereitos e obrigacións dos colexiados

Artigo 11. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados:

a) O apoio e defensa polo Colexio ante todo tipo de persoas e entidades públicas e particulares en relación co seu exercicio profesional.

b) Exercer as funcións propias do economista conforme o seu estatuto profesional, sexa individualmente ou asociado con outros profesionais.

c) Elixir e ser elixidos para ocupar cargos na Xunta de Goberno e calquera órgano electivo que corresponda no seo do Colexio, así como particular na adopción de acordos da Xunta Xeral.

d) Utilizar os servizos colexiais conforme as condicións establecidas para eles.

e) Comisionar o Colexio, na forma que por este se estableza, para os servizos de asesoramento xurídico para o cobramento de soldos, remuneracións ou minutas profesionais.

f) Coñecer a marcha do Colexio a través de follas informativas, boletíns, publicacións, anuarios ou outros envíos, así como nas asembleas regulamentarias.

g) Utilizar a denominación de economista e cantas prerrogativas estean recoñecidas aos economistas no seu exercicio profesional, así como dispor do selo e papel profesional dos economistas en exercicio libre cando se encontre na dita situación.

h) Cuantos outros dereitos deriven por conexión necesaria dos anteriores ou sexan establecidos polo correspondente acordo colexial.

Artigo 12. Deberes dos colexiados

Son deberes dos colexiados:

a) Exercer a profesión, sexa de forma individual, colectiva e en asociación con outros profesionais, conforme as normas deontolóxicas e técnicas establecidas.

b) Defender os intereses confiados polos usuarios dos servizos profesionais do economista.

c) Cumprir o disposto nestes estatutos e acatar as resolucións da Asemblea, Xunta de Goberno ou decano, con reserva dos recursos pertinentes.

d) Comparecer ante a Xunta de Goberno ou o decano cando sexan convocados.

e) Comunicar á Xunta de Goberno, no prazo de trinta días, os cambios de domicilio profesional.

f) Aboar, dentro do prazo regulamentario, as cotas e taxas que procedan.

g) Actualizar os seus coñecementos e técnicas de traballo e asegurar o adecuado nivel de calidade nos traballos realizados.

h) Gardar o debido respecto e consideración a todos os compañeiros.

TÍTULO III
Dos órganos de goberno do Colexio

Artigo 13. Órganos de representación

Os órganos do Ilustre Colexio de Economistas de Ourense son a Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno e o decano.

Capítulo I
Da Asemblea Xeral

Artigo 14. A Asemblea Xeral

1. A Asemblea Xeral é o órgano supremo do Colexio. Estará constituída por todos os colexiados con igualdade de voto e adoptará os seus acordos por maioría e en concordancia cos presentes estatutos. A Asemblea poderá reunirse en sesións de carácter ordinario e extraordinario.

2. A Asemblea Xeral, sexa ordinaria ou extraordinaria, convocarase cunha antelación mínima de vinte días naturais respecto da data da súa celebración, mediante comunicación escrita a todos os colexiados; a convocatoria incluirá o lugar, a data e a hora da reunión, así como a orde do día. Durante o citado prazo quedarán á disposición dos colexiados, na Secretaría do Colexio e durante as horas de oficina, os expedientes e propostas que serán sometidos para o seu debate na asemblea convocada. Para o caso de que a convocatoria de asemblea sexa para eleccións, exixirase unha antelación mínima de corenta días naturais. A convocatoria poderá facerse por medios electrónicos a través do portelo único sempre que sexa tecnicamente posible e poida asegurarse a súa recepción polo colexiado.

3. A Asemblea Xeral quedará válidamente constituída en primeira convocatoria cando á hora fixada estean presentes polo menos o 25 % dos colexiados. En caso de non alcanzar o dito límite, a segunda convocatoria quedará fixada media hora máis tarde da primeira convocatoria, e quedará validamente constituída calquera que sexa o número de colexiados asistentes.

4. Os acordos tomaranse por maioría simple entre os votos emitidos. Con todo, os acordos exixirán unha maioría de dous terzos dos votos emitidos cando se trate da aprobación ou modificación dos estatutos, moción de censura contra a Xunta de Goberno e cambio de denominación do Colexio.

Artigo 15. Reunións ordinarias

A Asemblea Xeral reunirase ordinariamente dúas veces ao ano: a primeira dentro do primeiro cuadrimestre do ano para a rendición de contas e o informe de xestión da Xunta de Goberno do exercicio precedente; e a segunda, antes de acabar o exercicio, para a aprobación dos orzamentos do exercicio seguinte.

A Asemblea reunirase ordinariamente cada catro anos, no último trimestre do ano, para celebrar eleccións para a renovación dos cargos da Xunta de Goberno. Esta asemblea convocarase exclusivamente para esta finalidade, polo que a súa orde do día non poderá conter outros puntos.

Artigo 16. Primeira Asemblea Xeral ordinaria

A primeira Asemblea ordinaria a que se refire o artigo anterior deliberará e tomará acordos en relación coa seguinte orde do día:

1. Resumo por parte do decano dos acontecementos máis importantes ocorridos durante o ano anterior que tivesen relación co Colexio.

2. Lectura, discusión e votación da conta xeral de ingresos e gastos do ano anterior.

3. Lectura e aprobación da memoria co contido establecido no artigo 10.ter. da Lei de colexios profesionais de Galicia, que deberá facerse pública a través da páxina web colexial no primeiro cuadrimestre de cada ano.

4. Lectura, debate e votación das propostas que se consignen na convocatoria.

5. Rogos, propostas e preguntas.

Artigo 17. Segunda Asemblea Xeral ordinaria

A segunda Asemblea ordinaria a que se refire o artigo anterior deliberará e tomará acordos en relación coa seguinte orde do día:

1. Lectura e aprobación do orzamento para o ano próximo presentado pola Xunta de Goberno.

2. Rogos, propostas e preguntas.

Artigo 18. Reunións extraordinarias

A Asemblea Xeral extraordinaria reunirase por iniciativa do decano, da Xunta de Goberno ou, cando o solicite un número de colexiados superior ao 25 %, debendo, neste último caso, especificar no escrito de solicitude a súa orde do día. Corresponde á Asemblea Xeral extraordinaria:

a) A aprobación ou modificación dos estatutos e normas deontolóxicas colexiais.

b) A autorización á Xunta de Goberno para a venda ou gravame de inmobles colexiais.

c) A censura da xestión da Xunta de Goberno ou dos seus membros.

d) Promover a disolución do Colexio, ou o cambio da súa denominación, de acordo co establecido nos estatutos.

e) Calquera outra materia que non sexa de competencia específica da Asemblea ordinaria.

A Asemblea reunirase extraordinariamente para celebrar eleccións para cubrir os cargos vacantes da Xunta de Goberno. Esta asemblea convocarase exclusivamente para esta finalidade segundo o establecido no artigo 13, polo que a súa orde do día non poderá conter outros puntos.

Artigo 19. Presidencia e desenvolvemento das asembleas

O decano dirixirá os debates e concederá e limitará as palabras e quendas.

As asembleas convocadas conforme o establecido nestes estatutos constituiranse validamente, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes. Nos debates concederanse tres quendas a favor e outros tantos en contra dunha posición ou asunto e, unha vez esgotados aqueles, someterase a votación.

Se a importancia ou gravidade do asunto o exixe, por iniciativa do decano poderase acordar a ampliación do número de intervencións e a concesión de palabras para rectificacións ou alusións, que se deberán limitar ao momento concreto que as motivou.

Artigo 20. Proceso de adopción de acordos

As asembleas tomarán acordos por maioría de votos dos asistentes, salvo o disposto nestes estatutos para determinadas materias. A cada colexiado correspóndelle un voto, que deberá emitir persoalmente. A votación pode ser ordinaria, nominal ou secreta. Deberá ser nominal ou secreta se o solicita un 10 % dos asistentes. Se sobre un mesmo punto do debate se solicitase ao mesmo tempo votación nominal e secreta, prevalecerá esta última.

Entenderanse adoptados os acordos por asentimento se, consultada a Asemblea, non houbese oposición por parte de ningún dos asistentes. Non se poderán adoptar acordos sobre cuestións que non constasen previamente na orde do día.

Os acordos que se adopten respectarán os límites establecidos pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

Artigo 21. Validez dos acordos

Os acordos son obrigatorios para todos os colexiados. Con todo, se a Xunta de Goberno estima que algún acordo da Asemblea fose contrario á lei ou a estes estatutos, poderá suspender a execución e interpor o correspondente recurso administrativo ordinario ante:

– O Consello Galego de Colexios de Economistas coa condición de que o dito acordo afecte polo seu ámbito ou repercusión dentro da Comunidade Autónoma de Galicia; ou

– O Consello Xeral de Colexios de Economistas de España no caso de que a repercusión ou ámbito do dito acordo abarque máis aló da Comunidade Autónoma.

Tanto os acordos da Asemblea a que se refire o anterior parágrafo como o de suspensión ditado pola Xunta de Goberno son impugnables en vía administrativa ante o Consello Xeral de Colexios de Economistas de España.

Artigo 22. O voto de censura

1. O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros será competencia da Asemblea Xeral extraordinaria convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desta convocatoria de Asemblea Xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo do trinta por cento dos colexiados, incorporados polo menos con dous meses de antelación, e expresará con claridade as razóns en que se funde.

3. A Asemblea Xeral extraordinaria celebrarase dentro dos trinta días hábiles contados desde que se presentase a solicitude, e non poderán tratarse nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A válida constitución da dita asemblea xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial, e o voto deberá de ser expresado necesariamente de forma secreta, directa e persoal. A moción de censura quedará aprobada por voto favorable da metade máis un dos colexiados.

Artigo 23. Cuestión de confianza

Por decisión da Xunta de Goberno, ou por solicitude do trinta por cento dos colexiados, será sometida a votación de Xunta Xeral extraordinaria a confianza dos colexiados na xestión da Xunta de Goberno. O voto afectará sempre a totalidade da Xunta.

A denegación de confianza na xestión da Xunta requirirá ser aprobada pola metade máis un dos votos emitidos que, ademais, representen polo menos o 50 % dos colexiados con dereito a voto no momento da convocatoria, e levará consigo a apertura do proceso electoral, continuando en funcións a Xunta anterior, salvo as competencias atribuídas á Xunta Electoral, ata a toma de posesión dos que resulten elixidos.

Capítulo II
Da Xunta de Goberno

Sección 1ª. Composición

Artigo 24. Composición

A Xunta de Goberno é o órgano reitor do Colexio, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Asemblea Xeral. Componse dun decano, un vicedecano, un secretario, un tesoureiro e catro vogais. Os vogais estarán numerados para os efectos de substitución.

Artigo 25. Provisión dos cargos

Os cargos da Xunta de Goberno proveranse por elección directa, na cal participarán todos os colexiados, segundo o procedemento que se establece no título IV destes estatutos.

Artigo 26. Mandato e reelección dos cargos

O mandato dos membros da Xunta de Goberno será de catro anos e poderán ser reelixidos sen limitación ningunha de mandatos.

Artigo 27. Vacantes da Xunta de Goberno

As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno serán provistas ata a expiración do seu mandato en virtude do correspondente acordo da Xunta de Goberno. A designación de quen substitúa o decano, vicedecano, secretario ou tesoureiro deberá recaer en quen previamente fose membro da Xunta. Os demais membros serán substituídos por un colexiado que conte cunha antigüidade mínima de seis meses no Colexio.

Artigo 28. Vacantes superiores á metade dos cargos

Se quedan vacantes a metade máis un dos cargos da Xunta de Goberno e non se cumpriron os dous primeiros anos do seu mandato, esta convocará eleccións a través dunha Asemblea extraordinaria para a provisión dos citados cargos nun prazo de trinta días naturais. Os colexiados elixidos nesta ocasión desempeñarán o mandato daqueles a quen substitúan.

Se, por calquera causa, quedan vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno e, en consecuencia, non poden convocar eleccións para cubrilos, constituirase unha Xunta Electoral, formada polo tres colexiados de maior antigüidade e os dous de menor, cuxo obxectivo será o de convocar eleccións mediante asemblea extraordinaria no mesmo prazo citado no parágrafo anterior. As eleccións deberán celebrarse dentro do corenta e cinco días seguintes ao da convocatoria.

Artigo 29. Substitución dos membros da Xunta de Goberno

Os vogais da Xunta de Goberno substituirán por orde de categoría o decano ou o vicedecano en casos de enfermidade, ausencia ou vacante.

Cando, por calquera motivo, queden vacantes definitiva ou temporalmente os cargos de secretario ou tesoureiro, serán substituídos polos vogais en orde inversa á súa categoría.

Sección 2ª. Competencias e réxime de funcionamento

Artigo 30. Competencias

Corresponde á Xunta de Goberno a dirección e organización do Colexio para a consecución dos seus fins, e a este respecto exercerá cantas facultades non se atopen expresamente atribuídas á Asemblea Xeral.

En especial, correspóndelle:

En relación cos colexiados:

1. Resolver as solicitudes de incorporación ao Colexio.

2. Velar pola necesaria independencia no exercicio profesional dos economistas.

3. Establecer as normas que deben observar os colexiados no exercicio da profesión, nas materias a que se refire o artigo 55 destes estatutos mentres non se dita norma regulamentaria de réxime interno, ou ben, unha vez ditada, en aplicación e desenvolvemento desta, e interpretar con carácter xeral os presentes estatutos e demais normas colexiais.

4. Exixir aos colexiados que se comporten coa debida corrección e que actúen con celo e competencia profesional.

5. Combater a intrusión e denunciar as incompatibilidades.

6. Establecer e recadar as cotas colexiais e outras cargas que deberán satisfacer os colexiados.

7. Establecer e fixar o importe dos dereitos de incorporación ao Colexio.

8. Publicar as normas de honorarios profesionais para os efectos de taxación de costas.

9. Exercer as facultades disciplinarias.

10. Facilitar aos tribunais ou autoridades de calquera orde as designacións de colexiados chamados a intervir como perito, constituíndo para ese efecto unha ou máis quendas de actuación profesional, de acordo coas normas de funcionamento que para ese efecto aprobe.

11. Asesorar os colexiados nas súas reclamacións fundadas como consecuencia do exercicio profesional, dentro das posibilidades orzamentarias establecidas, podendo asumir a súa representación para ese efecto ante todo tipo de entidades públicas e persoas privadas.

12. Asesorar os colexiados na xestión de cobramento de honorarios profesionais debidos, podendo asumir por substitución procesual a súa representación, nas condicións que se establezan.

13. Convocar as asembleas e fixar previamente a orde do día.

14. Convocar eleccións para a provisión dos cargos da Xunta de Goberno.

15. Dar de baixa no Colexio os colexiados que deixen de satisfacer as cotas ou outras cargas establecidas.

16. Crear as comisións colexiais que sexan precisas e outorgarlles as facultades que sexan procedentes.

17. Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as diferenzas xurdidas en canto á execución ou retribución dos traballos profesionais realizados polos economistas.

18. Concertar acordos ou convenios de colaboración con todo tipo de entidades públicas ou privadas para o mellor cumprimento dos fins corporativos.

19. Desenvolver actividades de formación e especialización en materias de contido económico, ben por medio do Colexio, ben mediante colaboración con outras entidades públicas ou privadas.

20. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

En relación cos tribunais de xustiza e outros organismos públicos:

1. Defender, cando de considere procedente, os colexiados na execución das funcións da profesión ou con motivo destas.

2. Representar o Colexio nos actos oficiais.

3. Emitir informe sobre os proxectos de disposicións legais de calquera rango que se sometan á consideración do Colexio.

En relación cos recursos económicos do Colexio:

1. Redactar os orzamentos e render contas anualmente.

2. Recadar, custodiar e administrar os fondos colexiais.

3. Propor á Asemblea o investimento dos fondos do Colexio.

En relación co Colexio:

Acordar, se é o caso, a variación da sede oficial do Colexio de Economistas de Ourense, dentro do ámbito territorial da provincia de Ourense.

Artigo 31. Reunións da Xunta de Goberno e proceso de adopción de acordos

A Xunta de Goberno reunirase, como mínimo, unha vez cada dous meses e tantas veces como sexa convocada polo decano, por iniciativa propia ou por petición de catro membros da Xunta de Goberno.

A convocatoria e a celebración das reunións poderán realizarse por medios electrónicos e telemáticos, sempre que sexa posible e quede asegurada a participación e a constancia dos acordos.

Para que poida adoptar validamente acordos, será precisa a concorrencia da maioría de membros que a integran.

Os acordos deberán tomarse por maioría de votos dos asistentes. O decano terá voto de calidade en caso de empate.

Os acordos que se adopten respectarán os límites establecidos pola Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

A asistencia ás reunións da Xunta de Goberno é obrigatoria. A falta de asistencia non xustificada a tres sesións consecutivas poderá entenderse como renuncia ao cargo.

Artigo 32. Funcións do decano

O decano convoca e preside as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno; exerce a representación do Colexio, executa os acordos da Xunta de Goberno e conforma e autoriza os documentos necesarios e as ordes de pagamento mancomunadamente co tesoureiro.

O colexiado a quen lle sexa encargado promover ou preparar actuacións de calquera tipo en contra doutro economista sobre responsabilidades relacionadas co exercicio profesional, dirixirase previamente ao decano para que leve a cabo un labor de mediación, se este o considera oportuno.

Con independencia diso, o decano actuará como mediador naquelas diferenzas que ambas as partes sometan á súa consideración.

Con carácter excepcional, o decano poderá resolver as solicitudes de admisión de novos colexiados, coa condición de que razóns de urxencia así o fagan necesario, admisións que necesariamente deberán ser validadas pola Xunta de Goberno na súa reunión máis inmediata.

Artigo 33. Funcións do vicedecano

O vicedecano terá as mesmas atribucións que o decano cando o substitúa por ausencia, vacante, enfermidade ou delegación, así como exercerá todas aquelas que este lle delegue.

Artigo 34. Funcións do secretario

O secretario redacta e dá fe das actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, así como das eleccións á Xunta de Goberno; custodia a documentación do Colexio; expide e tramita certificacións e documentos, e redacta a memoria de xestión anual para a súa aprobación na asemblea xeral. A dita memoria, co contido establecido no artigo 10.ter. da Lei de colexios profesionais de Galicia, deberá facerse pública a través da páxina web colexial no primeiro semestre de cada ano.

Será o responsable do portelo único que teña implantado o Colexio e do seu funcionamento da mesma.

Así mesmo, será o responsable do servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios.

Para o mellor cumprimento das funcións citadas, o persoal administrativo e técnico do Colexio dependerá organicamente do secretario.

Artigo 35. Funcións do tesoureiro

O tesoureiro recada e custodia os fondos do Colexio; autoriza as ordes de pagamento mancomunadamente co decano; realiza os pagamentos; redacta o anteproxecto de orzamentos e balance de contas, e leva os libros de contabilidade e inventario dos bens do Colexio.

Así mesmo, o tesoureiro elaborará e presentará a auditoría relativa á renovación parcial da Xunta de Goberno prevista no artigo 46 destes estatutos, para o cal poderá estar auxiliado ben por profesionais externos ao Colexio, ben por aqueles empregados que teñan a competencia.

Será responsable da elaboración da memoria anual colexial, que se deberá remitir ao Consello Xeral con tempo suficiente para elaborar a memoria agregada de toda a institución colexial de economistas.

Artigo 36. Funcións dos vogais

Os vogais desempeñarán os labores que lles sexan confiados pola Xunta de Goberno; colaborarán cos restantes membros da Xunta de Goberno e substituiranos en caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

Será incompatible con calquera dos cargos da Xunta de Goberno, incluído o de decano, desempeñar os seguintes cargos: deputados e senadores das Cortes Xerais, membros de asembleas lexislativas de comunidades autónomas e altos cargos de libre designación das administracións públicas.

TÍTULO IV
Da elección dos membros da Xunta de Goberno

Artigo 37. Duración do mandato

A elección dos membros da Xunta de Goberno farase para un mandato de catro anos, mediante sufraxio libre, directo e secreto, e nela poderán participar todos os colexiados que estean de alta e que o día da elección conten cunha antigüidade mínima de seis meses no Colexio.

Artigo 38. Censo electoral

1. A Secretaría, no cinco días naturais seguintes ao da data de anuncio da convocatoria, de conformidade co establecido no artigo 34 destes estatutos, inserirá no taboleiro de anuncios a lista de colexiados con dereito a voto, xunto cunha copia do texto da convocatoria, con mención especial aos cargos obxecto de elección, requisitos para acceder a eles, día, lugar, horario de votación e inicio do escrutinio.

2. A lista de colexiados con dereito a voto será exposta ata a data fixada como límite para a presentación de candidaturas. Os colexiados que desexen formular reclamacións contra o censo de electores deberán verificalas no prazo de cinco días naturais seguintes ao da data de expiración do prazo anterior.

O censo electoral poderá publicarse no portelo único, facendo constar os datos de coñecemento público dos profesionais colexiados de acordo coa Lei Ómnibus e lexislación de protección de datos.

3. A Xunta, se hai reclamacións contra as listas, resolverá no prazo do tres días naturais seguintes e notificará a resolución a cada reclamante durante os dous días seguintes.

4. Para a notificación e publicación aos colexiados da convocatoria de eleccións e do procedemento que se vai seguir poderá utilizarse calquera medio legalmente admitido, incluídos os medios telemáticos e electrónicos, así como a publicación no portelo único.

Artigo 39. Candidatos

Para ser proclamado candidato a calquera cargo da Xunta de Goberno é indispensable ser elector, residir na demarcación do Colexio e ter unha antigüidade mínima de seis meses entre a data de incorporación e o día das eleccións.

Non poden ser proclamados candidatos aqueles membros que fosen sancionados, en canto non fose cancelada a súa sanción, así como aqueles que non estean ao día no pagamento das cotas colexiais.

Artigo 40. Presentación de candidaturas

1. As candidaturas presentaranse na sede do Colexio con vinte días naturais de antelación, como mínimo, á data sinalada para o acto electoral.

2. As candidaturas deberán de conter tantos candidatos como cargos se someten á elección.

3. Ningún colexiado poderá presentar a súa candidatura para máis dun cargo.

Artigo 41. Proclamación de candidatos

A Xunta, o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de candidaturas, proclamará candidatos aqueles colexiados que reúnan os requisitos exixidos nos presentes estatutos provisionais e electos aqueles que non teñan opoñentes. A continuación deberá publicar no taboleiro de anuncios do Colexio e comunicarllelo o día seguinte aos interesados, sen prexuízo de que se poida dirixir aos demais colexiados.

Artigo 42. O voto

1. Nas eleccións o voto dos colexiados terá o mesmo valor.

2. O exercicio do voto nas eleccións colexiais poderase exercer por correspondencia, dirixida en forma de certificado á mesa electoral. Tamén se poderá facer por acta notarial. En ambos os casos o voto deberá estar en poder da mesa electoral antes de que esta vote e comece o escrutinio. Non se admitirá o voto por representación en ningún caso.

3. Todos os colexiados que desexen votar por correo deberán solicitalo por escrito ou persoalmente na Secretaría do Colexio, e a documentación seralles remitida ou entregada en man. A dita documentación consistirá en sobre e papeleta oficial emitida polo Colexio e co selo deste.

4. A documentación, sobre a cal non se poderá efectuar ningunha anotación que vulnere o segredo de voto, será remitida debidamente pechada á mesa electoral do Colexio, introducida nun sobre con remite do elector, acompañada de carta ou oficio remisor coa súa sinatura e daráselle curso mediante correo certificado con xustificante de recepción.

5. Serán nulos todos aqueles votos que de calquera modo vulneren o segredo do voto, ou aqueles emitidos en papeleta diferente á oficial remitida polo Colexio.

6. A mesa electoral poderá regular os requisitos adicionais para garantir a autenticidade, a participación dos colexiados ou o segredo de voto.

7. O voto persoal prevalecerá sobre o emitido por correo.

Artigo 43. A votación e o escrutinio

1. A elección dos membros da Xunta de Goberno farase mediante votación libre, directa e secreta de todos os colexiados.

2. A votación efectuarase en asemblea xeral, convocada para o efecto, e nela os votantes acreditarán a súa personalidade á mesa electoral, que comprobará que estean incluídos no censo elaborado para as eleccións. O presidente pronunciará en voz alta o nome e os apelidos do votante e, no momento de introducir a papeleta na urna, fará mención de que votou.

3. A sesión electoral, que se realizará nunha mesma xornada, durará oito horas, catro en horario de mañá e catro en horario de tarde, agás que a Xunta de Goberno, ao convocar a elección, sinale un prazo maior. Constituirase a mesa electoral acompañada dos interventores que, en número máximo de dous, poderán designar cada unha das candidaturas.

4. Transcorrido o tempo de duración da votación, pecharanse as portas do local, votarán os que se atopen dentro e non o fixeron, introducirase na urna o voto por correo, e despois votará a mesa.

5. A continuación verificarase o escrutinio, seguidamente publicarase o resultado e proclamarase electa a candidatura que obtivese un maior número de votos. En caso de empate, procederase a unha nova votación.

6. A mesa electoral estará formada por tres colexiados, designados por sorteo entre os que non sexan candidatos nin interventores. O sorteo celebrarase, con convocatoria previa dos membros das candidaturas para que asistan, dentro do tres días seguintes ao da proclamación de candidatos. No sorteo tamén se designarán tres suplentes, un presidente e un secretario.

Artigo 44. Toma de posesión dos membros da Xunta de Goberno

Os candidatos elixidos tomarán posesión dos seus cargos na asemblea xeral que se deberá celebrar no prazo máximo do corenta e cinco días naturais seguintes ao da elección, tras a promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo e gardar o segredo das deliberacións da Xunta de Goberno, momento en que cesarán os substituídos; no entanto, en supostos excepcionais poderán tomar posesión provisional con anterioridade á celebración da devandita asemblea xeral, solemnizando nela a toma de posesión.

Artigo 45. Recursos

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, ante a Xunta de Goberno do Colexio ou ante o Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, non suspenderán a votación, proclamación e toma de posesión dos elixidos, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada, que será debidamente publicada.

Artigo 46. Comunicacións

No prazo de cinco días desde a constitución da nova Xunta de Goberno deberá comunicarse esta ao Consello Galego de Colexios de Economistas, ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España, á consellería competente en materia de colexios profesionais e á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión.

Artigo 47. Auditoría dos estados financeiros e contables

Cando se produza unha renovación total ou parcial da Xunta de Goberno, as contas colexiais serán auditadas.

Para o caso de que a renovación sexa total, a dita auditoría encargarase a profesionais alleos á Xunta de Goberno.

Para o suposto de renovación parcial, seguirase o disposto no artigo 34 dos presentes estatutos.

Artigo 48. Cesamento dos membros da Xunta de Goberno

Os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Economistas de Ourense cesarán polas seguintes causas:

1. Falecemento.

2. Incapacidade legal.

3. Renuncia do interesado.

4. Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

5. Expiración do prazo para o cal foron elixidos ou designados.

6. Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternativas no prazo dun ano, tras acordo da propia Xunta.

7. Aprobación da moción de censura, segundo o disposto no artigo 21 dos presentes estatutos.

8. Perda da moción de confianza, segundo o disposto no artigo 22 dos presentes estatutos.

TÍTULO V
Dos membros de honra e mérito

Artigo 49. Nomeamento de colexiados de honra e de mérito

A Xunta de Goberno, por acordo tomado por maioría, poderá designar colexiado de honra aquela persoa, española ou estranxeira, economista ou non, co fin de recoñecer os seus eminentes servizos ao Colexio, á profesión ou o seu labor no desenvolvemento da ciencia económica.

Igualmente, a Xunta de Goberno poderá designar, por maioría, colexiado de mérito aquel compañeiro colexiado que se atope na situación exposta no anterior parágrafo.

TÍTULO VI
Dos recursos económicos do Colexio

Artigo 50. Recursos ordinarios

Constituirán recursos ordinarios do Colexio:

1. Os rendementos de calquera natureza que poidan producir os bens ou dereitos que integran o patrimonio colexial.

2. Os dereitos de incorporación ao Colexio, de seren acordados pola Xunta, non poderán superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

3. Os dereitos polos informes que presente a Xunta de Goberno e as regulacións de honorarios xudiciais e extraxudiciais, así como os ditames ou resolucións que se lle soliciten.

4. Os dereitos por validación de poderes e polas intervencións profesionais noutros asuntos.

5. O importe das cotas ordinarias e extraordinarias, derramas e pólizas colexiais.

6. Os dereitos por expedición de certificados.

7. Os honorarios por informes, ditames ou actuacións periciais directamente asumidos polos órganos colexiais por solicitude de entidades públicas ou particulares nos casos legalmente establecidos.

8. Calquera outro concepto que legalmente proceda.

Artigo 51. Recursos extraordinarios

Constituirán os recursos extraordinarios do Colexio:

1. As subvencións ou donativos concedidos polo Estado, as corporacións oficiais, entidades ou particulares.

2. Os bens mobles de calquera clase que, por herdanza ou por outro título, pasen a formar parte do patrimonio corporativo.

3. As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ao Colexio cando administre, en cumprimento dalgún encargo temporal ou perpetuo, cultural ou benéfico, uns bens ou rendas determinados.

4. Os xuros e rendas dos distintos elementos do patrimonio colexial.

5. Calquera outro concepto que legalmente proceda.

TÍTULO VII
Do persoal e do funcionamento administrativo do Colexio

Artigo 52. Expedientes, actos e comunicacións

A actividade do Colexio axustarase, no non previsto nestes estatutos, ao disposto nas leis administrativas ou laborais segundo a natureza dos asuntos desenvolvidos.

As convocatorias, circulares e toda clase de notificacións e comunicacións colexiais poderanse practicar por medios telemáticos, fax ou correo electrónico ao enderezo que o colexiado lle facilite ao Colexio.

Exclúense do anterior as notificacións de resolucións recaídas en expedientes disciplinarios ou sancionadores, que deberán seguir o procedemento previsto nos presentes estatutos.

Artigo 53. Do secretario técnico ou xerente do Colexio e do persoal administrativo auxiliar

O Colexio de Economistas poderá contar cos servizos dun secretario técnico ou xerente, que organizará administrativamente o Colexio e terá as funcións e competencias que a Xunta de Goberno determine ou delegue, excepto a competencia para resolver expedientes disciplinarios. Así mesmo, asume a coordinación do portelo único e do servizo de atención a consumidores e usuarios.

A Xunta de Goberno procederá á designación dos empregados administrativos, auxiliares ou subalternos que sexan necesarios para a boa marcha do Colexio.

Artigo 54. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os economistas poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. A través dela os economistas poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

d) A convocatoria aos colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e a posta no seu coñecemento da actividade pública e privada do Colexio.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información de maneira clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro Provincial de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais de que estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obteren asistencia.

e) O contido do código deontolóxico dos economistas.

3. O Colexio adoptará as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporará para iso as tecnoloxías precisas, creará e manterá as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para iso, os colexios profesionais e, de ser o caso, os consellos xerais e autonómicos poderán pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, mesmo coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio creará un rexistro provincial de economistas colexiados no cal consten o nome, o número de colexiado, o colexio de pertenza, así como o domicilio profesional e, de ser o caso, a sociedade profesional a que pertenzan, así como as incidencias da vida colexial, altas, baixas e suspensións do exercicio profesional. Sobre a base deste rexistro crearase o Censo nacional de economistas que, polo menos, se actualizará anualmente.

5. Para o cumprimento do disposto no artigo 10.3 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, o Colexio facilitaralles ao Consello Xeral de Economistas e ao Consello Autonómico de Colexios a información concernente ás altas, baixas dos economistas colexiados e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

Artigo 55. Memoria anual

1. O Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso elaborará unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos colexios, desagregadas por conceptos e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, de ser o caso, de acordo en todo caso coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, de ser o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo en todo caso coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido do seu código deontolóxico.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os cargos electivos do Colexio.

Cando cumpra, os datos presentaranse desagregados territorialmente por corporacións.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

3. O Colexio fará pública, xunto coa súa memoria, a información estatística a que fai referencia o punto un deste artigo de forma agregada para o conxunto da organización colexial.

4. Para os efectos de cumprir a previsión do punto anterior, e de acordo co previsto no 11 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, o Colexio de Economistas facilitaralles ao Consello Xeral de Colexio de Economistas de España e ao Consello Autonómico de Colexios a información necesaria para elaborar a memoria anual.

Artigo 56. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

2. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados que se refiran ao seu ámbito de competencias e trasladará aos colexios de economistas competentes aquelas que, de acordo coa normativa, correspondan ao ámbito competencia destes.

3. O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo preverá a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Artigo 57. Convenios con institucións colexiais

O Colexio, por decisión da Xunta de Goberno, poderá establecer co Consello Xeral de Colexio de Economistas de España ou con outros colexios de economistas os convenios ou acordos que crea convenientes para cumprir as obrigacións legais e estatutarias en relación cos servizos de portelo único, Rexistro de Economistas, Rexistro de Sociedades Profesionais, memoria anual, servizo de atención a colexiados e consumidores e usuarios e calquera outro que redundará en beneficio do Colexio, dos colexiados e dos usuarios e consumidores.

TÍTULO VIII
Da disolución e liquidación do Colexio

Artigo 58. Disolución

O Colexio poderá disolverse por vontade dos seus membros, por cumprimento do fin para o cal foi constituído, por non poder cumprir este ou por sentenza xudicial firme.

Para que o Colexio de Economistas de Ourense sexa disolto por vontade dos seus membros será necesario que o acordo de disolución sexa adoptado pola Asemblea Xeral extraordinaria convocada para o devandito efecto, e que reúna o voto favorable, en votación secreta, do catro quintas partes dos seus membros.

Acordada a disolución do Colexio, a Xunta de Goberno, incrementada en tres colexiados dos máis antigos, converterase en comisión liquidadora e como tal procederá a reclamar todas as cantidades que tivese pendente de cobramento, a pagar o que se deba e a realizar os bens que existan no seu patrimonio.

Artigo 59. Liquidación

Practicadas as anteriores operacións, no caso de que queden cantidades no activo do Colexio, serán entregadas pola comisión liquidadora á entidade, fundación, asociación ou organización non gobernamental que acorde a Asemblea Xeral e cuxo obxecto sexa algún tipo de fin social.

TÍTULO IX
Do Regulamento de réxime interior

Artigo 60. Normativa colexial interior

O Regulamento de réxime interior do Colexio estará constituído por aquelas disposicións xerais que, con tal rango, sexan aprobadas polos órganos colexiais en desenvolvemento dos presentes estatutos, en canto a quendas de actuación profesional, incompatibilidades, segredo profesional, sociedades profesionais, normativas profesionais e de carácter deontolóxico, constitución e funcionamento dos distintos órganos e servizos colexiais.

TÍTULO X
Da función disciplinaria

Artigo 61. Ámbito

Con independencia de que poidan incorrer noutras responsabilidades, os economistas están suxeitos á facultade disciplinaria do Colexio para aqueles actos ou omisións previstos como faltas nos presentes estatutos e no caso de infracción dos seus deberes profesionais.

O exercicio da facultade disciplinaria corresponderá á Xunta de Goberno do Colexio e será aplicable só se previamente se forma o expediente correspondente.

Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos do exercicio da potestade disciplinaria que corresponde ao colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio dos consumidores e usuarios. O Colexio utilizará os oportunos mecanismos de comunicación e cooperación administrativa entre autoridades competentes establecidos pola Lei 17/2009. As sancións impostas polo colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español e deberán notificarse expresamente ao Colexio en que esteá inscrito o economista sancionado.

Artigo 62. Órganos competentes para sancionar

A Xunta de Goberno e, no seu nome, o decano do Colexio, sancionará as faltas leves logo de audiencia ou descargo do inculpado.

As faltas graves e moi graves serán sancionadas pola Xunta de Goberno, logo de apertura do correspondente expediente.

O procedemento para a exixencia da responsabilidade disciplinaria seguirá os trámites establecidos no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, e supletoriamente polas normas contidas na Lei 30/1992, e será o ordinario o que se seguirá para infraccións graves ou moi graves e o simplificado para infraccións leves.

Sen prexuízo do anterior, a Xunta de Goberno poderá aprobar un regulamento de réxime interno de procedemento para o exercicio da potestade disciplinaria que, de ser o caso, substitúa os anteriores.

Artigo 63. Sancións a membros da Xunta de Goberno

A facultade disciplinaria en relación cos membros da Xunta de Goberno do Colexio corresponderá ao Consello Galego de Colexios de Economistas en virtude do artigo 6.6 do seu propio estatuto, aprobado polo Decreto 89/2008, do 17 de abril, de creación do Consello Galego de Colexios de Economistas.

Artigo 64. Adopción de sancións por faltas moi graves

O acordo de suspensión por máis de seis meses tomarao exclusivamente a Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos seus membros.

A esta sesión estarán obrigados a asistir todos os compoñentes da Xunta. O membro que, sen causa xustificada, non asista, deixará de pertencer ao órgano reitor do Colexio, sen que poida ser nomeado de novo na elección que teña lugar para cubrir a súa vacante.

Artigo 65. Procedemento

O decano e a Xunta de Goberno, como órganos competentes para o exercicio da función disciplinaria, ateranse ás normas seguintes:

Estenderase á sanción de infracción de deberes profesionais ou normas de conduta en canto afecten a profesión.

Declararanse, logo de formación do consecuente expediente, de acordo cos trámites do procedemento disciplinario.

Artigo 66. Clasificación de faltas

As faltas que poden comportar sancións disciplinarias clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 67. Faltas leves

Terán a consideración de faltas leves:

1. A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando non constitúa falta grave ou moi grave.

2. A simple inobservancia leve no cumprimento das normas estatutarias.

3. As infraccións leves aos deberes que a profesión impón.

4. Os actos enumerados no artigo seguinte, se non revisten entidade suficiente para ser considerados como graves.

5. A mala práctica profesional a consumidores e usuarios dos servizos dos colexiados.

Artigo 68. Faltas graves

Terán a consideración de faltas graves:

1. O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polo Colexio, cando non constitúa falta de entidade superior.

2. A falta de respecto, por acción e omisión, aos compoñentes da Xunta de Goberno, cando estes actúen no exercicio das súas funcións.

3. A competencia desleal.

4. Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

5. Os actos e as omisións descritos no catro primeiros puntos do artigo seguinte, se non revisten entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

6. A comisión de tres faltas leves no período dun ano.

7. As actuacións profesionais constituíntes de falta segundo as leis administrativas, civís, da lexislación de consumo ou penais, ou de ilícito, con prexuízo para o cliente segundo as leis civís.

Artigo 69. Faltas moi graves

Terán a consideración de faltas moi graves:

1. A prestación de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos enumerados nos presentes estatutos e calquera outra infracción que nestes teña a cualificación de falta moi grave.

2. Os actos e as omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a rexen.

3. O atentado contra a dignidade e a honra dos compañeiros que constitúan a Xunta de Goberno cando estes actúen no exercicio das súas funcións e contra a dos demais compañeiros con motivo do exercicio profesional.

4. A realización de actividades e a constitución ou pertenza a asociacións que teñan como fin ou que realicen funcións propias do Colexio.

5. A infracción das disposicións e as prohibicións en materia de incompatibilidades.

6. O encubrimento da intrusión profesional.

7. A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio profesional.

8. A condena en sentenza firme por feito gravemente afrontoso.

9. A comisión de infraccións que polo seu número ou gravidade resultasen moralmente incompatibles co exercicio profesional.

10. A comisión de tres faltas graves no período dun ano.

Artigo 70. Cadro de sancións

Imporanse como medidas correctoras as seguintes:

1. Apercibimento por escrito.

2. Amoestación privada.

3. Amoestación pública interna.

4. Multa.

5. Suspensión no exercicio profesional por un prazo non superior a dous anos.

6. Expulsión do Colexio.

Estas sancións imporanse segundo a normativa seguinte:

a) Para faltas leves:

a. Apercibimento por escrito.

b. Amoestación privada.

b) Para faltas graves:

a. Suspensión no exercicio da profesión por un prazo non superior a tres meses.

b. Amoestación pública interna.

c. Multa.

c) Para faltas moi graves:

a. Suspensión no exercicio da profesión por un prazo superior a tres meses e non superior a dous anos, se se trata das faltas detalladas nos puntos 1, 2, 3 4 6, 7 e 10 do artigo 64.

b. Expulsión do Colexio nos casos recollidos no resto dos puntos do citado artigo.

c. Multa.

Artigo 71. Notificación aos afectados

A imposición das sancións será notificada pola Secretaría e serán impugnables en alzada ante o Consello Galego de Colexios de Economistas.

Os colexiados coñecerán, a través do portelo único, o estado de tramitación, dos procedementos en que teñan consideración de interesado e recibirán a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

Artigo 72. Inscrición nos expedientes

As sancións disciplinarias que os tribunais ordinarios lles poidan impor aos colexiados faranse constar nos expedientes persoais destes, excepto cando a Xunta de Goberno non o considere procedente. As sancións disciplinarias corporativas faranse constar sempre no expediente do colexiado.

Artigo 73. Prescrición

Os faltas determinantes de sanción disciplinaria colexial prescribirán aos tres meses as leves; ao ano se son graves e aos dous anos se son moi graves, contados a partir dos feitos que as motivaron.

Artigo 74. Rehabilitación

Os sancionados poderán solicitar a súa rehabilitación, coa consecuente cancelación da nota do seu expediente persoal, nos prazos seguintes contados desde o cumprimento da sanción:

• Ao seis meses, en caso de faltas leves.

• Aos dous anos, se a falta é grave.

• Ao catro anos, se a falta fose moi grave.

• Cinco anos, se a sanción consistise na expulsión.

A rehabilitación solicitarase á Xunta de Goberno do Colexio. No último caso, o interesado achegará probas de rectificación da conduta para que poidan ser apreciadas ponderadamente polos compañeiros que a deban de xulgar en calquera dos trámites no ámbito corporativo.

Os trámites de rehabilitación levaranse a cabo da mesma maneira que os de axuizamento e sanción das faltas, e serán susceptibles dos mesmos recursos.

Igualmente, a Xunta de Goberno do Colexio remitirá ao Consello Xeral de Colexios de Economistas de España copia da resolución dos acordos tomados nos expedientes de rehabilitación.

TÍTULO XI
Do réxime xurídico dos acordos sometidos a dereito administrativo
e a súa impugnación

Artigo 75

Os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno do Colexio e as decisións do decano e demais membros da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se trate de materia disciplinaria.

Os acordos que lles deban ser notificados persoalmente aos colexiados, referidos a calquera materia incluída a disciplinaria, poderán selo ao domicilio profesional que comunicasen ao Colexio. Se non pode ser efectuada a notificación nos termos previstos nos números 1 e 2 do artigo 59 da Lei 30/1992, a entrega poderá realizala un empregado do Colexio, con suxeición ao establecido nos números 2 e 3 do dito precepto. Se tampouco así se puider efectuar a notificación, entenderase realizada aos quince días da súa colocación no taboleiro de anuncios do Colexio, que se poderá facer na forma prevista no artigo 61 da citada lei.

Artigo 76

Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 62 da Lei 30/1992.

Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 63 da citada lei.

Artigo 77

As persoas con interese lexítimo poderán formular recurso ordinario ante o Consello Galego de Colexios de Economistas, contra os acordos da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral de calquera colexio de economistas, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou persoas que afecten.

A través do portelo único estableceranse as vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio Profesional.

O recurso presentarase ante a Xunta de Goberno, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello dentro do quince días seguintes ao da data de presentación, salvo que de oficio repoña o seu propio acordo no dito prazo. O Consello, tras os informes que considere pertinentes, deberá ditar resolución expresa dentro do tres meses seguintes á súa interposición, entendéndose que en caso de silencio será denegado. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 78

A Xunta de Goberno tamén poderá interpor recurso contra os acordos da Asemblea Xeral, ante o Consello Galego de Colexios de Economistas, no prazo dun mes desde a súa adopción.

Se a Xunta de Goberno entende que o acordo obxecto de recurso é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Colexio, poderá solicitar a suspensión do acordo impugnado e o Consello acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 79

Os actos emanados da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno do Colexio, despois de que esten suxeitos a dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente susceptibles de recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 80

Os prazos establecidos nos presentes estatutos expresados en días entenderanse referidos a días hábiles, salvo que expresamente se diga outra cousa.

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas. En todo caso, a dita lei terá carácter supletorio para o non previsto nestes estatutos.

TÍTULO XII

Artigo 81

En todo o non previsto nos presentes estatutos será de aplicación o previsto no Estatuto profesional de economistas e de profesores e peritos mercantís, nos estatutos do Consello Xeral de Colexios de Economistas de España e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que se aplicará a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas.

Disposición final primeira

A reforma destes estatutos entrará en vigor na forma que estableza a respectiva normativa vixente en materia de colexios profesionais.

Disposición final segunda

A Xunta de Goberno comunicaralles ás consellerías correspondentes da Xunta de Galicia:

a) O texto destes estatutos para que, logo de cualificación da súa legalidade, sexan inscritos e publicados no Diario Oficial de Galicia.

b) As persoas que integran a Xunta de Goberno e que ocupan os diferentes cargos.