Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 29 de xullo de 2014 Páx. 32753

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2014, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da delimitación de solo de núcleo rural de Pazo-Salgueiros no concello de Dumbría.

O Concello de Dumbría solicita a aprobación definitiva do expediente referido, ao abeiro do establecido na disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello de Dumbría, subscrita polos arquitectos Daniel Beiras García-Sabell e David Estany Garea, e vista a proposta literal que eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Dumbría carece actualmente de planeamento xeral municipal, polo que resultan aplicables as normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia da Coruña aprobadas definitivamente pola Orde da COTOP do 3.4.1991.

2. O Concello Pleno do 31.10.2013 aprobou inicialmente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural do núcleo de Pazo. Sometido a información pública por un mes (DOG do 8.11.2013; e El Correo Gallego do 6.11.2013 e La Voz de Galicia do 8.11.2013) non se presentaron alegacións, segundo certificación do 11.12.2013.

3. A arquitecta técnica municipal emitiu informe o 12.12.2013, e o secretario municipal emitiu informes o 28.10.2013, previo á aprobación inicial, e en data 4.3.2014 previo á aprobación provisional.

4. O Pleno do Concello do 7.3.2014, aprobou provisionalmente a delimitación.

5. A documentación presentada consiste en expediente administrativo así como tres exemplares do proxecto de data xullo de 2013 en que constan as dilixencias da súa aprobación inicial e provisional.

II. Análise e consideracións.

1. A proposta delimita un solo de núcleo rural de 10.410,94 m2 de superficie, que se categoriza como histórico-tradicional, no cal se aplica unha ordenanza definida no propio expediente, con parcela mínima 900 m2 (permítese edificar nas parcelas menores situadas entre outras edificadas) e 0,50 m2/m2 de edificabilidade.

2. O núcleo de Pazo, da parroquia de Salgueiros, do Concello de Dumbría figura no nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia da Coruña aprobado polo Decreto 189/2003, do 6 de febreiro (DOG do 25.3.2003), polo que cumpre as condicións para consideralo identificado e individualizado nos padróns oficiais (artigo 13.1 da LOUG).

3. O proxecto encadra o núcleo no tipo básico de histórico-tradicional, o que corresponde pola súa morfoloxía, tipoloxía tradicional da edificacións e a vinculación coa explotación dos recursos naturais, segundo o establecido no artigo 13 da LOUG en redacción dada pola Lei 2/2010.

4. O requisito para a delimitación do solo de núcleo rural, canto a acadar unha consolidación edificatoria do 50 % de acordo coa ordenación proposta (artigo 13 da LOUG) cúmprese cun 79,55 %, cunha parcela mínima para efectos de cálculo de 900 m2, acreditada polo método numérico da Instrución 4/2011 (DOG do 11.5.2011).

5. A delimitación acolle as edificacións tradicionais do asentamento seguindo o parcelario e as pegadas físicas existentes e, como máximo, a 50 m das devanditas edificacións tradicionais (plano 04.00 do proxecto).

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural histórico tradicional de Pazo-Salgueiros, no concello de Dumbría.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que xulguen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

3. No suposto de que o interesado sexa unha administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo da xurisdición contencioso-administrativa).

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014

María Encarnación Rivas Díaz
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

anexo

missing image file