O artigo 4 do Decreto 1/1991, do 11 de xaneiro, polo que se regula a concesión da Medalla de Galicia, modificado polo Decreto 215/2003, do 3 de abril, establece as medallas que, anualmente, se poderán outorgar nas súas distintas categorías.
Tendo en conta o previsto no artigo antes indicado, o Goberno galego ten a vontade de outorgarlle a súa máis alta distinción a quen se indica a seguir.
Polo tanto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo do acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xullo de dous mil catorce,
DISPOÑO:
Concederlle a Medalla de Ouro de Galicia:
1. Ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois.
2. Aos veciños de Angrois.
3. Aos profesionais e voluntarios da saúde que se indican a seguir:
– Profesionais sanitarios da área sanitaria de Santiago de Compostela.
– Profesionais da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.
– Profesionais da Fundación Pública Centro de Transfusión de Galicia.
– Profesionais do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
– Psicólogos do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
– Doadores de sangue de Galicia.
4. Aos profesionais e voluntarios dos dispositivos de emerxencias e seguridade que se indican a seguir:
– Bombeiros que participaron nas tarefas de rescate.
– Profesionais da Axencia Galega de Emerxencias e técnicos de emerxencias da Xunta de Galicia.
– Persoal da Policía Local de Santiago de Compostela.
– Persoal do Corpo Nacional de Policía en Galicia.
– Persoal da Garda Civil en Galicia.
– Persoal da Unidade de Policía Adscrita á Xunta de Galicia.
– Voluntarios de Protección Civil de Galicia.
– Cruz Vermella de Galicia.
Santiago de Compostela, dez de xullo de dous mil catorce.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza