Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 11 de xullo de 2014 Páx. 30954

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Reforzo da Coruña

EDICTO (308/2013).

Marta Yanguas del Valle, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 1 da Coruña (reforzo), fago saber que no procedemento de despedimento obxectivo individual 308/2013 do Xulgado do Social número 1 de reforzo, seguido por instancia de Jesús Manuel Fariña Riveiro contra Unicom, Compañía de Seguridad Electrónica, S.L., administración concursal de Adys-Asistencia, Distrib. y Servicios 2013, Adys Asistencia, Distribución y Servicios 2003, S.A. Adys 2003, S.A., Fogasa, Nova Galicia Banco, S.A. sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Auto nº 72/2014.

A Coruña, 22 de maio de 2014.

Antecedentes de feito.

Primeiro. No presente procedemento, antes de reiniciar a celebración do xuízo interrompido o día 6 de marzo de 2014, as partes alcanzaron un acordo para pór fin ao presente procedemento.

As partes compareceron perante o xulgado e tal acordo recolleuse na “acta de continuación de xuízo” do 21 de maio de 2014.

Fundamentos xurídicos.

I. O artigo 19 da LAC dispón que “os litigantes están facultados para dispor do obxecto do xuízo e poderán renunciar, desistir do xuízo, avirse, someterse a arbitraxe e transixir sobre o que sexa obxecto del excepto cando a lei o prohiba ou estableza limitacións por razóns de interese xeral ou en beneficio de terceiro.

Se as partes pretenden unha transacción xudicial e o acordo ou convenio que alcanzaren for conforme o previsto no punto anterior, será homologado polo tribunal que estea coñecendo do litixio ao cal se pretenda pór fin.

Os actos a que se refiren os puntos anteriores poderán realizarse, segundo a súa natureza, en calquera momento da primeira instancia ou dos recursos ou da execución da sentenza”.

O artigo 1089 do CC dispón que “a transacción é un contrato polo cal as partes dando, prometendo ou retendo cada unha algunha cousa evitan a provocación dun preito ou poñen fin ao que comezara”.

O artigo 85.8 LXS sinala que “o xuíz ou tribunal, unha vez practicada a proba e antes de conclusións, salvo que exista oposición dalgunha das partes, poderá suscitar a posibilidade de chegar a un acordo e de non se alcanzar este nese momento proseguirá a celebración do xuízo”.

O artigo 84.3 LRXS sinala que: “En caso de non haber avinza perante o secretario xudicial e procederse á celebración de xuízo, a aprobación do acordo conciliatorio que, se é o caso, alcancen as partes no dito momento corresponderá ao xuíz ou tribunal ante o cal se obtivese mediante resolución oral ou escrita documentada no propio acordo. Só caberá unha nova intervención do secretario xudicial aprobando un acordo entre as partes se o acto de xuízo se chega a suspender por calquera causa”.

II. No presente caso, as partes alcanzaron un acordo respecto do que constitúe obxecto do procedemento e solicítase deste xulgado a súa homologación, de maneira que se poña fin a este procedemento por transacción xudicial. Este acordo alcánzase unha vez iniciado o acto de xuízo.

Por isto, e de acordo co artigo 84.3 LRXS non cabe que o dito acordo se recolla nunha “acta de conciliación” perante o secretario xudicial do xulgado, senón que a dita conciliación debe ser acordada polo xulgador mediante resolución que recolla tal conciliación e homologue, en definitiva, o acordo alcanzado polas partes e que motiva o arquivamento definitivo das actuacións.

Este acordo alcanzado, e recollido na chamada “acta de continuación de xuízo” polo secretario xudicial, é o seguinte:

“Para os efectos de evitar continuar coa contenda xudicial, Unicom Compañía de Seguridad Electrónica, S.L. e insistindo no carácter obxectivo do despedimento, oferta completar a indemnización no seu día pagada con outros 8.000 euros que serían efectivos na conta do traballador que designe no prazo máximo de 72 horas.

O traballador acepta a oferta empresarial e cando perciba a cantidade darase por saldado e liquidado da relación laboral, sen que teña nada máis que reclamar. Manifesta que, así mesmo, desiste da acción en canto a Nova Galicia Banco, S.A., coa que esta está conforme”.

En virtude do dito acordo, tense por desistido ao demandante da súa acción contra Nova Galicia Banco, S.A. En canto á acción subsistente, procede así a homologación do presente acordo por non ser contrario ao interese público nin á lei, nin ser prexudicial para terceiro. Tense por conciliadas as partes e, por iso, procede o arquivamento do presente procedemento en virtude deste auto.

En virtude do exposto,

Parte dispositiva.

Tense por desistido o demandante da súa acción contra Nova Galicia Banco, S.A.

Decreto a homologación xudicial do acordo alcanzado polas partes e que foi reproducido no fundamento de dereito II da presente resolución; como consecuencia do anterior, procede acordar a terminación do presente procedemento por conciliación e o seu arquivamento definitivo.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes e advírtaselles que contra ela se poderá interpor recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución por comparecencia ou mediante escrito, pasados os cales se declarará firme e se procederá ao seu arquivamento.

Advírtaselle igualmente ao recorrente que non sexa traballador ou beneficiario do réxime público da Seguridade Social, ou habentes causa seus, ou non teña recoñecido o beneficio da xustiza gratuíta, que deberá depositar a taxa establecida na Lei 10/2012, do 20 de novembro.

Así o pronuncio, mando e asino».

E para que sirva de notificación en legal forma a Adys Asistencia, Distribución y Servicios 2003, S.A. Adys 2003, S.A., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 19 de xuño de 2014

A secretaria xudicial