Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 10 de xullo de 2014 Páx. 30746

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 82/2014, do 26 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polas obras de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Ribeira (A Coruña), de clave OH.315.1070.

Mediante Resolución da Dirección de Augas de Galicia do 19 de xuño do 2013, publicada no DOG núm. 122, do 28 de xuño, someteuse a información pública o proxecto construtivo da obra de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Ribeira (A Coruña), clave OH.315.1070, a autorización de vertedura (DH.V15.42359), así como a relación individual de terreos, bens e dereitos afectados necesarios para a súa execución.

O 28.10.2013 a dirección de Augas de Galicia aprobou técnica e definitivamente o proxecto da actuación de referencia, que define e valora as actuacións precisas para establecer un sistema de saneamento integral no dito concello.

O 10.12.2013 asinouse o Protocolo de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A., para a licitación do proxecto Saneamento de Ribeira (A Coruña). O dito protocolo prevé que Augas de Galicia tramite o procedemento expropiatorio e poña os terreos necesarios á disposición da dita sociedade estatal para a realización das obras.

As obras de referencia aparecen recollidas no apéndice X.1 do programa de medidas do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, polo que, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a dita obra hidráulica é de interese da Comunidade Autónoma de Galicia e, en aplicación do disposto no artigo 29 da citada lei, considéranse implícitas a utilidade pública da actuación e a declaración de urxencia na ocupación dos bens e dereitos afectados.

Na actualidade no sistema de saneamento do concello de Ribeira detéctanse graves problemas que provocan o mal funcionamento da rede e a vertedura directa de augas residuais ao medio receptor. Na actuación proxectada defínense as obras necesarias para a execución dunha rede de colectores xerais, tanques de tormenta, arquetas de retención e elementos complementarios que conducirán as augas residuais ata a nova estación depuradora de augas residuais de Ribeira, dimensionada para 32.500 habitantes equivalentes, así como a condución da vertedura ao medio receptor.

A Directiva do Consello, do 21.5.1991, sobre o tratamento das augas residuais urbanas (91/271/CEE) define os sistemas de recolla, tratamento e vertertedura das augas residuais urbanas, sendo o seu obxectivo a protección do medio ambiente. Foi incorporada ao ordenamento xurídico español coa aprobación do Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas, e do Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, de desenvolvemento do dito real decreto-lei. As ditas disposicións establecen as medidas necesarias que se deben adoptar para garantir que as augas residuais urbanas reciban un tratamento adecuado antes da súa vertedura e exixen a realización de obras como as dos colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Ribeira (A Coruña).

Polo exposto, considérase debidamente xustificada a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos precisos para a execución das obras, motivados pola necesidade de dar cumprimento á citada directiva 91/271/CEE dando solución as verteduras directas de augas residuais no concello de Ribeira, derivados da falta parcial de infraestruturas e dun deficiente funcionamento da rede existente.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída o Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e seis de xuño de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo único

Declárase, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos, que se concretan no expediente administrativo instruído para os efectos de expropiación forzosa, necesarios para a execución da obra de colectores xerais e estación depuradora de augas residuais en Ribeira (A Coruña), de clave OH.315.1070.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas