Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 4 de xullo de 2014 Páx. 29928

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de xuño de 2014 pola que se modifica a Orde do 3 de xuño de 2011 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional e se establece o procedemento de habilitación.

Polo Real decreto 476/2013, do 21 de xuño, reguláronse as condicións de cualificación e formación que deben posuír os mestres dos centros privados de educación infantil e de educación primaria. Para a lingua estranxeira, o artigo 5.1 do citado real decreto engade o requisito de acreditar o nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas, para os que posúan o título de grao que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en educación primaria, que inclúa a mención no idioma correspondente. Este novo requisito obriga a modificar o anexo da Orde do 3 de xuño de 2011 (DOG do 13 de xuño).

Por outra parte, a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, crea a formación profesional básica e extingue os programas de cualificación profesional inicial, o que exixe a modificación dos artigos noveno e décimo da Orde do 3 de xuño de 2011.

Por último, ábrese un prazo extraordinario, durante o mes de outubro de 2014, para que poidan solicitar a habilitación correspondente aquelas persoas incluídas na disposición transitoria segunda da Orde do 3 de xuño de 2011 e que non o fixeron no mes de febreiro de 2012 ou a realizaron inadecuadamente.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro. Modificación do anexo

O anexo da Orde do 3 de xuño de 2011 queda redactado do seguinte xeito:

Especialidade

Titulación

Educación Infantil

– Título de grao de Educación Infantil

– Mestre coa especialidade de Educación Infantil

– Diplomado de EXB coa especialidade de Educación Infantil ou Preescolar

– Mestre de ensino primario coa especialidade de Educación Infantil ou Preescolar

Educación Primaria

– Título de grao de Educación Primaria

– Mestre, diplomado de EXB ou mestre de ensino primario en calquera das súas especialidades

Música

– Título de grao de Educación Primaria coa mención correspondente

– Mestre coa especialidade de Música

– Diplomado de EXB ou mestre de ensino primario coa especialidade correspondente

Educación Física

– Título de grao de Educación Primaria coa mención correspondente.

– Mestre coa especialidade de Educación Física

– Diplomado de EXB ou mestre de ensino primario coa especialidade correspondente

Lingua Estranxeira (Francés, Inglés)

– Mestre coa especialidade de Lingua Estranxeira

– Diplomado en EXB ou mestre de primeiro ensino coa especialidade correspondente

Pedagoxía Terapéutica

– Título de grao de Educación Primaria coa mención correspondente.

– Mestre coa especialidade en Educación Especial

– Diplomado en EXB ou mestre de primeiro ensino coa especialidade correspondente

Audición e Linguaxe

– Título de grao de Educación Primaria coa mención correspondente.

– Mestre coa especialidade en Audición e Linguaxe

– Diplomado en EXB ou mestre de primeiro ensino coa especialidade correspondente

Segundo.

Os artigos noveno e décimo quedan redactados nun só artigo do seguinte xeito:

Noveno. Condicións de formación inicial para impartir o bloque de Comunicación e Ciencias Sociais e o bloque de Ciencias Aplicadas da formación profesional básica

1. O bloque de Comunicación e Ciencias Sociais será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir unha das seguintes materias:

Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira, Xeografía, Historia, e Xeografía e Historia.

2. O bloque de Ciencias Aplicadas será impartido por persoal que reúna os requisitos para ser habilitado para impartir unha das seguintes materias: Matemáticas, Física, Química, Física e Química, Bioloxía, e Bioloxía e Xeoloxía.

Disposición adicional. Impartición do bloque de Comunicación e Sociedade I e Ciencias Aplicadas I

O profesorado de educación primaria que viña impartindo módulos formativos de carácter xeral dun programa de cualificación profesional inicial que estivese en posesión dun contrato en vigor de carácter indefinido ou temporal durante o curso 2013/14 poderá impartir os bloques de Comunicación e Ciencias Sociais I e/ou o de Ciencias Aplicadas I ata o momento en que se extinga o dito contrato.

Disposición transitoria. Acreditación da habilitación para a docencia prevista na disposición transitoria segunda do Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria

Todos os profesionais que tiñan que efectuar a solicitude de habilitación no mes de febreiro do ano 2012 e non o fixeron ou a realizaron por unha modalidade inadecuada que provocou a súa desestimación solicitarán a correspondente habilitación durante o mes de outubro de 2014 no enderezo www.edu.xunta.es/habilitacións

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Autorízase o director xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria