Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 4 de xullo de 2014 Páx. 29933

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de xuño de 2014 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cerdedo.

O Concello de Cerdedo remite o Plan xeral de ordenación municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada o PXOM de Cerdedo redactado por ADIU SLP (arquitectura, deseño, interiorismo e urbanismo SLP) datado en febreiro de 2014, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

O Concello de Cerdedo carece na actualidade de planeamento xeral municipal, séndolle de aplicación as normas subsidiarias e complementarias de planeamento provinciais aprobadas o 3 de abril de 1991.

O 1.9.2006 aprobouse definitivamente polo Concello pleno o Plan especial do Sangal, ao abeiro da disposición adicional primeira da LOUG, co obxecto de delimitar e ordenar urbanisticamente un ámbito de solo industrial, xa desenvolto e edificado na actualidade.

Iniciada a tramitación do novo PXOM, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG o 27.3.2008, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial o 20.6.2007.

O documento que se somete á aprobación definitiva conta cos seguintes antecedentes:

1. O 13.1.2009 iníciase na Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible o procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Na fase de consultas do documento de inicio recibiuse resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

2. O 10.3.2009 a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible emite o documento de referencia para a avaliación ambiental estratéxica.

3. O 4.1.2010 o Pleno do Concello aprobou inicialmente o PXOM e someteuno a información pública por dous meses, mediante anuncios no DOG e no Diario de Pontevedra do 21.1.2010. Simultaneamente déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Campo Lameiro, Cotobade, A Estrada e Forcarei, e solicitáronse os informes sectoriais requiridos nas correspondentes lexislacións.

4. O período de exposición ao público reiterouse posteriormente, sendo anunciado no DOG do 20.9.2013, e nos xornais Diario de Pontevedra do 20.9.2013 e Faro de Vigo do 19.9.2013.

5. Mediante Resolución do 11.3.2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, se fai pública a Memoria ambiental do PXOM de Cerdedo (DOG do 4.4.2013).

6. O 12.7.2013 o Concello Pleno aprobou provisionalmente o PXOM e remitiuno á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a súa aprobación definitiva. En virtude do artigo 85.5 da LOUG, con datas do 31.7.2013 e do 27.8.2013, a SXOTU foi requirida de corrección documental. O PXOM, coa corrección das deficiencias sinaladas, foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 28.2.2014 e remitido novamente á SXOTU para a súa aprobación definitiva, xunto cos informes emitidos o 24.2.2014 pola técnica municipal e o secretario interventor respecto á conformidade do plan coa ordenación, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG, así como os seguintes informes sectoriais:

– Informe da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, do 4.3.2010, no que se sinalan os dereitos mineiros do Rexistro Mineiro de Galicia afectados polo PXOM.

– Informe favorable da Dirección Xeral de Aviación Civil, do 20.5.2010, no que se recollían unha serie de condicións trasladadas ao PXOM.

– Informes en materia de estradas, da Dirección Xeral de Infraestruturas da Xunta de Galicia, do 27.6.2010 (desfavorable) e da Axencia Galega de Infraestruturas, do 28.5.2012 (favorable).

– Informe favorable da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 28.3.2012, no que se establecían unha serie de condicións trasladadas ao PXOM (artigo 52 da Normativa).

– Informes favorables de Augas de Galicia, do 16.7.2010 e do 2.4.2012, establecendo unha serie de condicións que foron trasladadas ao PXOM.

– Informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 15.6.2010 (desfavorable) e do 13.7.2012 e 17.6.2014 (favorables).

– Informes da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento, de xullo e outubro de 2012; este segundo, favorable, e no que se recollían unha serie de condicións sobre as cualificacións do solo contiguo ás zonas de protección do ferrocarril, e ás que dá cumprimento o PXOM. Consta tamén informe do administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), do 15.3.2010, que remite á competencia do Ministerio de Fomento.

7. No expediente administrativo consta certificación do secretario interventor do concello da non contestación en prazo das solicitudes de informes remitidas ao Concello de Campo Lameiro, ao Concello de Cotobade, ao Concello de Forcarei, á Deputación Provincial de Pontevedra, á Delegación de Goberno en Galicia, á Dirección Xeral e Mobilidade, á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e á Xefatura Provincial de Telecomunicacións e Sociedade da Información.

8. Por solicitude desta secretaría, con data do 7.5.2014, emitiu informe a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no que se verifica a adecuación do PXOM ás determinacións da memoria ambiental.

II. Análise e consideracións.

II.1. Clasificación do solo.

II.1.1. Clasificación e determinacións do solo urbano.

– Non se resolveu a funcionalidade da vía que parte da rúa das Longas (preto da rúa Constitución) cara ao núcleo antigo, segundo se requiriu no punto II.4.2 do IPAI 2007.

– A Ordenanza nº 2, de bloque pechado con patio, é allea ás características do núcleo. Pola súa escala e tipoloxía (formación de medianeiras, ocupación do 100 %, B+2 plantas) resulta de difícil harmonización co tecido existente (vivenda unifamiliar pegada ou illada, de B+1) contra do sinalado no artigo 104.c) da LOUG canto a que a tipoloxía das construcións debe ser congruente coas características do contorno. Semella procedente a súa substitución pola Ordenanza nº 4 de edificación mixta.

– Nas fichas do solo urbano non consolidado e de solo urbanizable é erróneo o aproveitamento tipo sinalado. Establécese un aproveitamento tipo da área de repartición de 1,00 UA/m2, moi superior aos que realmente lles corresponde (0,45 UA/m2 no SUNC-1 e 0,35 UA/m2 no SUNC-2) como resultantes de asignar o mesmo coeficiente de ponderación 1,0 tanto ao uso e á tipoloxía característica como aos restantes usos permitidos polas ordenanzas de aplicación dentro do seu ámbito.

– Suprimiuse o contacto entre o SUNC-1 e a rúa das Longas, pasando a considerarse como, solo urbano consolidado as parcelas con fronte directo á rúa. Non obstante, estas parcelas inclúense no ámbito de aplicación da ordenanza nº 2, de bloque pechado, que recolle unha ocupación do solo substancialmente diferente á que presentan na actualidade (vivendas unifamiliares illadas). Debera incluírse no ámbito do SUNC-1 todo este ámbito, agás as parcelas xa edificadas.

II.1.2. Clasificación e determinacións do solo de núcleo rural.

– O Plan delimita 51 núcleos rurais, por tratarse de asentamentos tradicionais de poboación identificables e diferenciados. Sobre a súa delimitación, cómpre sinalar:

• No núcleo de Tresaldeas (ref. 2C) deberase revisar a delimitación do núcleo común, suprimindo as parcelas baleiras na periferia ao norte, por non acreditarse a necesidade de crecemento.

• A delimitación do núcleo de Fondós (ref. 6A) deberá realizarse excluíndo a parcela situada ao oeste do núcleo por considerar que non forma parte deste.

• No núcleo de Tomonde (ref. 12C) deberán reducirse os ámbitos delimitados como núcleo común, que non acadan o grao de consolidación establecido no artigo 13.3.b) da LOUG, suprimindo as zonas situadas ao sur formados por parcelas baleiras (artigo 13 da LOUG e 3.1.5. das DOT).

• Deberá revisarse a delimitación do núcleo común de Meilide (ref. 44C), por incluír parcelas baleiras na periferia ao norte e ao leste sen que se acredite a necesidade de crecemento, ocupando terreos en estado natural, merecentes de clasificarse como solo rústico (artigo 13 da LOUG e determinación 3.1.5. das DOT).

• No núcleo común de Chamadoira (ref. 52C) considérase un número de parcelas edificables inferior ao que resulta de aplicar graficamente a previsión das posibles operacións de parcelamento, polo que o grao de consolidación non acada o mínimo establecido no artigo 13.3.b) da LOUG. Así mesmo, detéctase unha forzada continuidade entre as dúas zonas do asentamento histórico, producíndose unha ampliación sobre terreos baleiros de forte pendente, alleos á estrutura morfolóxica do núcleo (determinacións 3.1.7, 3.1.9 e 3.1.11 das DOT), debendo tamén suprimirse as parcelas baleiras na periferia situadas ao noroeste do núcleo común.

• No núcleo de Cachofés (ref. 31C) proxéctase un crecemento cara ao nordeste alleo á estrutura.

• O núcleo de Vichocuntín (ref. 37A) non acada o grao de consolidación mínimo establecido.

• A delimitación da zona sur do núcleo histórico de Barro (ref. 41C) inclúe terreos incluídos no LIC Serra do Cando, polo que a súa exclusión da categoría de solo rústico de protección de espazos naturais require a autorización expresa do Consello da Xunta (artigo 32.2.f) da LOUG).

II.1.3. Clasificación e determinacións do solo rústico.

– Non se deu cumprimento ao punto II.7 do IPAI 2007, canto que nos terreos que, polas súas características correspondan a varías categorías de solo rústico, deben superpoñerse, coma as canles dos ríos Lérez e do Castro, e a Serra do Cando, zonas declaradas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, e que deberán ser clasificados como solo rústico de protección de espazos naturais, sen prexuízo das proteccións de augas ou de infraestruturas.

– O artigo 66.1.2 recolle como actividades e usos construtivos en solo rústico actividades asociadas ás construcións e rehabilitacións destinadas ao turismo no medio rural, contra do sinalado no artigo 33.2.e).

– Nese artigo 66.1.2 e no 66.5.1, cando regula os muros de contención, cerramentos e valados de predios, permítese incrementar a altura dos cerramentos por riba da máxima permitida polo artigo 42.c) da LOUG, e introdúcense criterios de criterios de interpretación das alturas na superposición de muros de contención e cerramentos que tamén poderían producir alturas totais superiores ás permitidas.

– O artigo 66.9 deberá referirse unicamente ás divisións ou segregacións de predios en solo rústico para o fin da racionalización das explotacións agropecuarias, mais non para as forestais (artigo 206 da LOUG).

II.2. Normativa.

– A redacción dos artigos 17º e 22º deberá axustarse á Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

– Non se dá cumprimento á observación do informe previo á aprobación inicial canto á incongruencia da solución de terrazas interiores en cubertas (artigo 37º) coa tipoloxía da arquitectura tradicional da zona.

– A ordenanza 7 (núcleo rural) autoriza, con carácter excepcional, unha altura das edificacións que incumpre as condicións do artigo 29 da LOUG.

– Parte do articulado contén referencias ás áreas de expansión de núcleos rurais, o que debe suprimirse.

De conformidade co artigo 89 da LOUG, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Aprobar definitivamente, de forma parcial, o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cerdedo, deixando en suspenso as áreas e determinacións obxecto de reparos no punto II anterior.

2º. No eido dos ámbitos suspendidos e determinacións que quedan fóra desta aprobación, o concello deberá introducir as correccións necesarias; e tras a súa aprobación plenaria, serán elevados novamente perante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

3º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

5º. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cerdedo, 23 de xuño de 2014

Ethel Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas