Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 3 de xullo de 2014 Páx. 29800

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 79/2014, do 26 de xuño, polo que se crea un colexio de educación infantil e primaria no concello de Oroso (A Coruña).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega a regulación e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencias e funcións que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, atribúe a esta consellería.

Para a racional distribución das ensinanzas que se imparten nos centros docentes existentes no concello de Oroso e as necesidades educativas previstas para a zona, que experimentou un considerable aumento de poboación nos últimos anos, coa saturación do único colexio de educación infantil e primaria existente, faise precisa a creación, por desagregación, dun novo centro no concello de Oroso.

O novo centro recollerá parte do alumnado do CEIP de Sigüeiro, polo que é de aplicación o Decreto 140/2006, do 31 de agosto, que determina os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el.

De conformidade coa Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o artigo 1.2º do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, aprobado polo Decreto 374/1996, do 17 de outubro, establece que a creación destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Polo que antecede, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xuño de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Creación dun colexio de educación infantil e primaria

Créase o colexio de educación infantil e primaria de Oroso, código 15032868, na localidade de Sigüeiro, concello de Oroso, por desagregación do CEIP de Sigüeiro.

Artigo segundo. Composición do novo centro

O novo centro terá unha capacidade de 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

O profesorado adscrito con carácter definitivo ao CEIP de Sigüeiro poderá adscribirse voluntariamente, de forma definitiva, ao novo centro nun número igual ao de prazas que se creen por cada especialidade, aplicando os criterios que establece o artigo 3.2 do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda de destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo de antigüidade no centro en función das causas de acceso a el, e demais normativa de aplicación.

No suposto de que o número de persoas que solicitan a adscrición ao novo centro sexa inferior ao de prazas que se extinguen, aplicaranse os criterios que establece o artigo 3.1 do mencionado decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria