Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 2 de xullo de 2014 Páx. 29760

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 16 de xuño de 2014, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado relativo ao expediente 52/75.

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial con data do 12 de xuño de 2014, figura o acordo seguinte:

Monte Salgueiriña e Fervedoira (expediente 52/75), pertencente aos veciños da parroquia de Abrence, no termo municipal da Pobra do Brollón, e clasificado como veciñal en man común por Resolución do Xurado Provincial con data do 25 de agosto de 1975. Como consecuencia da entrada en vigor da Lei 7/2012, de montes de Galicia, e coa finalidade de levar a cabo o establecido na disposición transitoria décimo terceira, con respecto á revisión de esbozos de montes veciñais en man común, o Xurado, na reunión celebrada o 17 de setembro de 2012, acordou solicitar do Servizo de Montes a realización de propostas de revisión e elaboración de cartografías actualizadas dos montes veciñais da provincia susceptibles de tal adecuación. En decembro de 2013, o Servizo de Montes, logo de solicitude realizada polo presidente da comunidade, elabora unha proposta de novo esbozo para o monte Salgueiriña e Fervedoira, co que o monte queda cunha superficie de 341,56 hectáreas, de conformidade coa nova cartografía, e na cal se teñen en conta os actos de conciliación celebrados coas comunidades de Quintá de Lor (Quiroga) e Barxa de Lor e Castí (A Pobra do Brollón), así como sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Monforte do 16 de decembro de 2010. Examinada a devandita proposta, o Xurado por unanimidade acorda aceptala e proceder á oportuna incorporación do esbozo ao expediente, e constancia a nivel do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común, de conformidade con el.

Descoñecendo o nome e enderezo dos posibles titulares de dereitos e intereses sobre o referido monte, por medio do presente anuncio, e conforme o disposto no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ponse no seu coñecemento o devandito acordo.

Lugo, 16 de xuño de 2014

José Ramón Losada Fernández
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo