Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 27 de xuño de 2014 Páx. 29181

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2014 pola que se convoca o Curso sobre as novas instrucións da contabilidade pública local.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 3 de xaneiro de 2014, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante EGAP) e o Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase o Curso sobre as novas instrucións da contabilidade pública local.

RESOLVO:

Publicar a convocatoria do curso sobre as novas instrucións da contabilidade pública local, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Primeira. Obxectivos

Dar a coñecer as novidades máis relevantes que incorporan as novas instrucións de contabilidade pública local, con especial referencia ao modelo normal.

Segunda. Persoal a que vai dirixido

Interventores, tesoureiros, secretarios-interventores, empregados públicos dos grupos A1 ou A2 e persoal laboral asimilado da Administración local de Galicia, con competencias en materia contable, que se atopan en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

1. Para a súa selección aplicaránselle os criterios recollidos na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG nº 7, do 10 de xaneiro).

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2014, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG nº 27, do 10 de febreiro), comezarase pola letra «B».

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Cuarta. Desenvolvemento

1. Código do curso: CV14033.

2. Modalidade: presencial.

3. Duración: 22,5 horas.

4. Lugar: Deputación Provincial de Pontevedra, avenida Montero Ríos, s/n.

5. Datas: 8, 9, 10 e 11 de setembro de 2014.

6. Horario: día 8 (9.00-14.00 h, 16.30-19.00 h); día 9 (9.30-14.00h, 16.30-19.30h); día 10 (16.00-20.00 h) e día 11 (16.30-20.00 h).

7. Prazas: 40.

Quinta. Contido

– Marco normativo da contabilidade pública. Ámbito de aplicación das novas instrucións de contabilidade pública local.

– Estrutura da nova instrución (modalidade normal): novidades máis significativas.

– O marco conceptual.

– Normas de recoñecemento e valoración:

• Activo non corrente.

• Pasivos financeiros.

• Activos financeiros.

• Provisións.

• Transferencias e subvencións.

• Adscricións e cesións.

• Arrendamentos e outras operacións de natureza similar.

– Áreas contables de especial transcendencia: administración de recursos por conta doutros entes públicos.

– Contas anuais: estado de cambios no patrimonio neto. Estado de fluxos de efectivo. Memoria (especial referencia á información sobre custos e indicadores de xestión).

– Apertura da contabilidade o 1 de xaneiro de 2015.

Sexta. Valoración

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,50 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, (DOG nº 52, do 16 de marzo de 2010), e corrección, DOG nº 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

Sétima. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibiren mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección poderán remitir á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es.

Oitava. Publicación das relacións do persoal seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es a lista definitiva de persoas admitidas no curso.

Novena. Pagamento de matrícula

O importe da matrícula é de cen euros (100 €) para todos os solicitantes, con excepción dos colexiados do Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración local de Pontevedra que teñan esta condición ao finalizar o prazo de presentación das solicitudes e dos empregados públicos da Deputación Provincial de Pontevedra.

O Colexio Territorial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración local de Pontevedra comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para facer efectivo o importe da matrícula.

Décima. Asistencia aos cursos

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos. Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditará documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e que en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas. A ausencia, aínda xustificada, superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma.

b) A falta de asistencia dun número de horas superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou a falta de acreditación documental da causa alegada determinará non só a perda do dereito ao certificado acreditativo da participación no curso senón que os participantes pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Realización de probas

Para poder superar o curso o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final deste.

Décimo segunda. Certificado de aproveitamento

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

Décimo terceira. Modificacións

1. A EGAP e o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración local de Pontevedra poderán modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración local de Pontevedra resérvase o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.